Defensa pechada do pacifismo: “A proxección de Galiza que queremos non é a de desfiles militares enxalzando armas de destrución masiva”

Santiago de Compostela, 23 Maio de 2026.

A un ano das eleccións municipais, o Consello Nacional do BNG centrou o foco na cita coas urnas do 23M de 2027, que a formación nacionalista aborda co convencemento de que será a forza política que máis suba e co reto de aumentar os gobernos locais e súa representación nas vilas e cidades do País.

“O noso obxectivo é moi claro: conseguir máis concellos gobernados polo BNG e aumentar a nosa representación municipal con máis concelleiros e concelleiras ao longo e ancho do País, desde o convencemento de que seremos a forza política que máis medre o 23 de maio de 2027”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención ante o máximo órgano de dirección do Bloque entre asembleas.

O BNG aposta por traballar con planificación, anticipación e en contacto directo coa cidadanía, cunha folla de ruta na que a formación está avanzando con paso firme coa elección dos cabezas de lista nas grandes cidades e coa elección das candidaturas dos concellos no que ten a Alcaldía ou forma parte do goberno local. Proceso de elección por parte da militancia que estará rematado antes do Día da Patria.

Pontón puxo o modelo municipal de calidade do BNG como o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza e seguir aumentando a base social e electoral da formación.

“Os concellos gobernados polo BNG prosperan, ganan dinamismo económico e social; avanzan en igualdade, en xustiza social, na promoción da nosa lingua e cultura, con espazos públicos de calidade”, subliñou, “e ese modelo municipal de calidade, que mellora a vida das persoas, é o que queremos estender a cada vez máis concellos do País”.

De cara ao 23M, o BNG activa un axenda de mobilización municipal coa celebración de tres encontros nacionais nos próximos meses, que inclúen un encontro específico das grandes cidades; un cumio de gobernos e cogobernos municipais do BNG e un gran encontro nacional municipal multitudinario, a modo de arranque de cara á cita electoral.

“As eleccións municipais son unha oportunidade para seguir consolidando o avance do BNG e ese avance depende de cada un e de cada unha de nós: da nosa capacidade de falarlle claro á veciñanza, de explicarlle o noso proxecto e de tender pontes con todas esas persoas que hoxe nos miran con esperanza pero que aínda non deron o paso de coller a papeleta do BNG”, argumentou.

Na súa intervención Pontón repasou outros asuntos da actualidade, o que lle levou a facer unha contundente defensa da paz e do pacifismo nun contexto de xenocidios e guerras ilegais. “Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”, citou a Gandhi, subliñando que apostar pola paz “require máis intelixencia e máis coraxe que empuñar unha arma para iniciar unha guerra”.

A portavoz nacional tamén foi crítica coa pretensión de normalizar o militarismo no espazo público: “Non estamos dispostas a que se normalice que as armas que matan vidas e destrúen pobos formen parte da nosa identidade colectiva, nin que se convertan nun motivo de celebración”, destacou en referencia ao desfile que terá lugar en Vigo co gallo do Día das forzas armadas.

“A Galiza que queremos non é militarista, nin a proxección que queremos é a dos desfiles que enxalzan as armas de destrución masiva, nin son os cazas de combate sobrevoando Vigo, nin tanques desfilando nas rúas. A proxección que queremos é a dun País que defende a paz, que defende o dereito internacional e os dereitos humanos, porque ese é o sentir maioritario da sociedade galega”, recalcou.

Por contra, defendeu unha Galiza que se proxecte ao mundo a través da ciencia e da investigación; da solidariedade con Gaza, a dunha cidadanía que toma as rúas para defender o ben común: a sanidade pública, a educación, o galego ou a preservación da Terra fronte a ALTRI.

Neste sentido, acusa a Rueda de iniciar unha nova ofensiva para vender Galiza a prezo de saldo, agora dando barra libre á megaminaria contaminante unha vez perdida a batalla da macrocelulosa. “Máis de cen proxectos para ofrecer Galiza á rapina das grandes multinacionais para que rouben a nosa riqueza mineira a cambio de migallas”, denunciou.

Cobre, litio, tantanio, wolframio, estaño, terras raras e até ouro. “Con ALTRI, Rueda quería recuperar o franquismo industrial das macrocelulosa, coa megaminería da outra volta de torca e agora pretende incluso levarnos a época dos romanos cando espoliaban o noso ouro, os romanos do século XXI son fondos voitre e grandes capitais transnacionais. Está é a proposta industrial de Rueda para Galiza: espolio e contaminación. O pobo galego parou ALTRI e vai parar tamén esta nova traizón do PP”, concluíu.