Cando eu era neno lembro a persoas da xeración dos meus avós e avoas pondo a feder á xeración do meu pai e a miña nai. Cando era mozo recordo aos meus pais, e a outras persoas da súa idade, póndonos a caldo aos que nese momento eramos mozos e mozas. E agora que son home observo con estupor como somos nós os que minusvaloramos á xeración que ven detrás.

A conclusión parece evidente: Existe unha pulsión humana moi profunda que leva a cada xeración a considerarse a si mesma como o punto culminante da evolución humana e a desprezar á xeración que ven despois.

Estou seguro de que os que hoxe son mozos e mozas, cando sexan homes e mulleres con fillos e fillas van facer o mesmo coa xeración que veña despois ca eles. Non creo que se poida evitar. As pulsións humanas profundas son inherentes á propia especie e son enormemente difíciles de combater, incluso é complexo decatarse da súa existencia.

Pero non é real. A mocidade de hoxe é exactamente igual á da nosa xeración, á de todas as xeracións anteriores e ás que veñan despois. O único que fai diferente a cada xeración é o contexto no que se desenvolven. Nós vivimos a nosa adolescencia no posfranquismo e naquel momento existían uns niveis de compromiso político e social na mocidade que agora non existen.

Pero non é porque os mozos de agora sexan menos comprometidos que os da nosa xeración, é porque as circunstancias históricas son moi diferentes.

A mocidade actual teno moi complicado. Probablemente sexa a primeira xeración en moito tempo que viva peor que a xeración anterior a eles.

A situación laboral non é nada fácil, e a precariedade en forma de contratos e soldos que non lles dan nin de lonxe para poder formularse a posibilidade de construír un proxecto de vida persoal parece que se fixo norma , mentres que atopar un traballo que permita sequera soñar coa independencia económica semella que é hoxe en día o excepcional.

E se falamos do acceso á vivenda a situación para as persoas máis novas é terrorífica. Pensar en mercar unha casa en propiedade é na actualidade unha absoluta quimera, e incluso acceder a un alugueiro en condicións que posibiliten non destinar a maior parte do soldo a pagalo é terriblemente difícil.

Son os mozos e mozas responsables desta situación?.Non, claro que non. Eles son as vítimas dun sistema que puxo o mundo na situación que nós lles imos deixar.

Os mozos e as mozas son como calquera que algún día foi un mozo e unha moza: persoas que tratan de encontrar o seu lugar no mundo, e que á vez gozan dos que serán os mellores anos da súa vida.

Se lles formulan os estímulos necesarios imos encontrar respostas, porque non hai ningún ser humano que non teña inquedanzas existenciais e necesite satisfacelas con respostas adecuadas. E se lles ensinamos a facerse preguntas, a ter sentido crítico e a cuestionarse os fluxos de información que lles chegan desde os circuítos de poder imos atopar mozos e mozas con capacidade crítica e con vontade de compromiso, claro que si. Mozos como Brais, o rapaz de Guillarei cuxa imaxe ilustra este artigo e que o mes pasado deume unha alegría quilométrica pois sen eu dicirlle nada púxose a ler ANP no local no que traballa, e a formularme con interese distintas cuestións sobre algúns dos contidos da nosa publicación.

Brais é igual ca min cando tiña a súa idade: Un mozo que necesita atopar un lugar no mundo e que se dean as circunstancias apropiadas para construír un proxecto de vida persoal. Agardo que a súa xeración sexa capaz de facelo mellor cá nosa, e poidan deixarlle aos que veñan despois ca eles un mundo máis xusto, equilibrado, racional e humano que o disparate que nós lle deixamos a eles.