Despois de dous mandatos sen representación, o nacionalismo recuperou a presenza no Concello de Salceda no mandato actual na persoa do veciño da Picoña, Tano Guerra. A asemblea local do bloque ven de nomealo de novo candidato á alcaldía de Salceda nas municipais que se celebrarán en maio do 2027.Nós conversamos con el para coñecer as súa impresións, e a súa valoración sobre a situación política de Salceda. Tano amosouse confiado en que o traballo colectivo do BNG neste mandato sirva como base para acadar un importante crecemento no próximo proceso electoral.
“Nas municipais do 27 aspiramos a unha suba importante en votos e en actas”
Despois de dous mandatos sen representación, o BNG recuperou a presenza na corporación de Salceda no ano 23.Como valoras este mandato desde a óptica do BNG?
O que teño que dicir con total contundencia é que se notaba a falta do nacionalismo na corporación de Salceda.
Por que?
Os que se marcharon do BNG no 2013 estiveron facendo ver nestes anos que o BNG eran eles. Pero estes tres anos que levamos consumidos do mandato actual demostraron que o nacionalismo non estaba, ata o 2023, no Concello de Salceda.
Para ti Movemento Salceda fai apropiación indebida do corpo electoral do nacionalismo?
Si, téñoo clarísimo. Pero xa non o fai. Fíxoo ata que chegamos nós no 2023.Nestes anos amosamos que existen diferenzas salientables á hora de facer política entre MS e o BNG.
Por exemplo?
Nós temos un modelo e un programa de futuro. Non se limitan a unha fase como din eles “a segunda transformación de Salceda”, senón que defendemos un proxecto global que abrangue a Salceda na súa integridade.
Se imos ao particular quixera destacar un aspecto no que temos unha visión radicalmente distinta á de MS : O “catastrazo”.Esta cuestión foi unha das que fixo inviable a nosa participación no goberno local
O goberno de Salceda nunca quixo atender adecuadamente este problema e preferiu fuxir cara adiante. É unha grande inxustiza cara as persoas que viven nas parroquias. Hoxe a zona urbana está pagando a mesma contribución que no ano 16, e a diferenza asúmena a veciñanza das parroquias.
Movemento Salceda non fai nada para afrontar este tema?
Non. Nós ofrecémoslle no ano 24 sentarnos para tratar de abordar este asunto, pero eles non queren. MS non quere problemas, limítase a xestionar como pode o día a día e punto.
Hai posibilidades de que o Concello teña que acabar por devolver cartos cobrados de máis no recibo do catastro?
Si, claro que pode acontecer. A ver como remata este asunto. Pero se fose así sería un problema moi grave para un concello que neste momento ten unha débeda de 4,7 millóns de€.
O dispendio de cartos que fai este concello é intolerable. Por ese motivo non non puidemos apoiar os dous orzamentos que levaron a pleno.
Pero abstivéstesvos
Si, froito dunha negociación política con eles que deu como resultado o compromiso do goberno de acometer unha serie de actuacións que nós entendemos moi positivas para o conxunto da veciñanza de Salceda.
Ben, antes de que me contes cales foron eses compromisos quero facerche unha pregunta moi concreta: Movemento Salceda é un proxecto concibido para darlle traballo a unha serie de persoas determinadas?
Ben, que cadaquén tire as súas propias conclusións sobre o papel político de MS .
Cales son eses compromisos que lle arrincastes ao goberno local na negociación dos orzamentos?
Son dúas cuestións referentes á mellorar a mobilidade na nosa localidade:
-Nós propuxemos unha vía que desemboque na rotonda da Gándara que vai ser enormemente beneficiosa para a xente da Feira, Barreiro e a Picoña. Unha vez que se concrete quedaría unha zona perfecta para o desenvolvemento urbanístico. Esta vía xa fora aprobada polo pleno. Tivemos que negociar que o goberno local se comprometese a encargar o proxecto.
-A vía do Gumil, que baixaría desde a Vendanova ata a zona escolar e deportiva. Esta proposta ten por obxecto suavizar o tráfico arredor da contorna dos colexios. Alí tamén abririamos a posibilidade de desenvolvemento urbanístico de toda esa zona detrás dos colexios.
Nestas dúas zonas pode haber maior desenvolvemento urbanístico que o de todo o PERI do que está a presumir o goberno local.
Fíaste da seriedade do goberno local á hora de cumprir eses compromisos?
Estaremos moi vixiantes. E se non se cumprisen vannos ter en fronte con seguridade.
A aritmética municipal, caprichosa, sitúa ao BNG nunha tesitura complicada, pois ás veces non queda outra que escoller entre MS e PP. Esa limitación ten condicionado a túa actuación política estes anos?
Non, en absoluto.
Como é a situación económica do Concello?
Nós non queremos ser alarmistas, pero a situación económica do Concello haina que abordar con seriedade.
E o que non pode ser e pasarse en ducias de milleiros de € en partidas como por exemplo as que se destinan a festas. A situación económica do Concello esixe que se formule con seriedade a posibilidade de recortar gastos superfluos. No caso contrario non quedaría outra alternativa que subir continuamente os impostos.
Hai risco de intervención?
Podería habelo, si.
A situación económica deriva dunha neglixente xestión económica de Movemento Salceda?
Por suposto. Aínda que cando Marcos Besada chega a alcaldía a situación que herda era desastrosa, pero el nunca se tomou en serio a cuestión económica. E non se pode gastar o que non hai.
É dicir non todo naceu desde o 2007, pero o que este goberno nunca tivo foron criterios de axuste económico para afrontar a situación con rigor.
No mes de marzo apareceron unha serie de insultos, pintados nas rúas da Picoña,contra a túa persoa. Que sabemos diso?
Hai xente relacionada co PP que xoga ao que falta. O PP de Salceda non é a cara amable que pretenden facer ver parte dos seus membros. Xa non é a primeira vez que aparecen pintadas na rúa ao respecto de min.
O tema ven por unha desavinza na CM, eu son o secretario. E hai xente que vai ao seu, non ao de todos, e parece que non teñen escrúpulos en moverse dese modo.
O BNG ven de anunciar que novamente serás ti o seu candidato á alcaldía de Salceda. Cales son as expectativas realistas do Bloque cara as municipais do 27?
Eu penso que o traballo que desenvolvemos estes tres anos foi importante. Fixemos un traballo que ninguén fixo, en cantidade e en calidade. Nós tendo un só concelleiro levamos bastantes máis propostas que o PP que ten 6.Eles fixeron un labor paupérrimo. A verdadeira oposición foi a nosa.
Entendo que a valoración da maioría social de Salceda sobre o nosa política no concello é positiva, e as perspectivas coas que afrontamos o próximo proceso electoral son claramente de ascenso: Aspiramos a unha suba importante en votos e en actas. Nós ata agora tivemos un papel corrector do goberno, a partir das municipais do 27 aspiramos a ter un papel director do goberno.

Dirección A Nova Peneira

