Marcos, é un artista de Mos que posúe unha sensibilidade especial para crear obras que penetren ata o máis profundo e íntimo da alma do espectador. El practica múltiples disciplinas artísticas ,aínda que se cadra é a escultura en pedra a súa principal especialidade. Marcos Láiase de como está artellado o traballo da escola de cantería da DEP, pois, ao seu xuízo supón unha competencia desleal para as persoas que se dedican a este oficio, xa que os concellos, o cliente potencial máis importante para un escultor, reciben as súas pezas de balde, doadas pola escola de canteiros.Conversamos con el sobre este asunto e sobre a súa concepción teórica da finalidade da arte en xeral. Velaí vai o que deu de si a nosa charla
“A ESCOLA DE CANTERÍA DA DEPUTACIÓN FAI COMPETENCIA DESLEAL AOS QUE TRABALLAMOS NESTE OFICIO.FÍXOA CANDO NA DEP GOBERNABA O PP, E POR DESGRAZA SEGUE A FACELA NA ACTUALIDADE”
Se alguén che pregunta cal é a túa profesión, que lle contestarías?
É complicado, verás, do que máis vivo é da escultura e da cantería, ou sexa que son escultor e son canteiro. En boa parte vivo da arte.
Cando comezou a túa vocación, e cando convertiches esa vocación na túa profesión?
Desde que deixei de estudar, xa non me lembro pero fixen 3º de BUP 3 veces e mandeino ao carallo. Dende sempre tiven vocación e habilidades para arte, debuxo e pinto dende pequerrecho.
O talento para a creación artística é innato ou pode aprenderse?
Eu creo que unha mestura de ambas posicións.
Ao longo da Historia da Filosofía hai dúas tendencias que coexisten en relación coa finalidade da arte, hai quen considera que a arte debe ter unha finalidade meramente estética e hai quen considera que a arte non pode descontextualizarse do seu momento social e político e debe polo tanto, reflectir o que pasa ao seu arredor. Ti que opinas?
Por dicilo en poucas palabras, eu creo que a arte debe transmitir. Calquera tipo de tendencia artística ten que transmitir. É máis, considero que hai obras de arte feitas por xente que as realizou de casualidade, sen seren artistas, converten cousas en arte.
Nunha ocasión entrevistei a un escultor moi interesante, que entende que se unha creación súa é observada por 10 persoas, quen aportan 10 miradas distintas para el é un éxito. Eu, ao contrario, penso que se o artista non é quen de transmitir aquilo que pretende transmitir fracasa. Ti que opinas?
Ás veces a arte é casual e libre, libre incluso de nós mesmos, tanto de quen a fai como de quen a interpreta.
Pero, se ti realizas unha escultura que pretende transmitir por exemplo, un momento de angueira existencial e eu observador interpreto que reflicte a alegría da primavera, para min ti non conseguiches o teu obxectivo.
Ou non falamos o mesmo idioma, é que estamos a falar de linguaxes diferentes. A arte é unha linguaxe, é unha maneira de expresar. Moitas veces a linguaxe da palabra non atopa a maneira de expresar o que realmente queres dicir.
A escultura que tes na estrada de Mos a Redondela, no cemiterio de Mos, trata de reflectir, corríxeme se me equivoco, a dor das persoas represaliadas pola ditadura e o sentimento de solidariedade e de agradecemento dos seus descendentes por teren loitado pola democracia.
Esa escultura si é unha homenaxe aos represaliados pero, se te fixas, hai unha figura humana que está a ler un libro, outros libros están pousados, e outros metidos nun burato. Eses libros representan, teñen gravado no seu lombo cada unha das persoas asasinadas. Esas figura de muller representa á sociedade, e sae do burato para recuperar a memoria deses asasinatos.
Se un paseante interpretase que a muller tirou os libros ao burato porque ler é unha merda, a ti pareceríache a súa liberdade de interpretación correcta?
A min non mo parecería, pero non podería facerlle nada.
Unha das túas múltiples expresións artísticas é coa pedra. Como comezaches a traballar coa pedra?
De casualidade. Eu xa facía escultura con outros materiais. Un día atopeime co canteiro e púxenme a falar con el. Pregunteille como era a técnica. Este home era o Pichín, de Xinzo de Limia, e díxome “ti non estás de vacacións? Pois vente para a miña casa”. E alá fun. Aprendeume as primeiras nocións, logo xa se sabe que na Louriña canteiros e pedra hai á esgalla.
“A escultura xa estaba dentro da pedra. Eu, unicamente, tiven que eliminar o mármore que lle sobraba”, Miguel Ángel
Todas as figuras existen, simplemente hai que quitarlles a pedra que sobra?
Iso é un dito popular que se aplica tanto á pedra como á madeira. Tamén hai o conto do mestre que deixa o aprendiz no taller e di: Olla, aí tes a pedra, dentro hai un santo. Cando veña de volta tes que ter o santo sacado. Cando volveu atopou a pedra esfarelada, díxolle o aprendiz “eu piquei, piquei pero o santo non saíu”.
Como dicías antes, na Louriña hai moitos canteiros. Hai unha escola de canteiros, non si?
Escola de canteiros hai en Poio. A Escola de Cantería naceu en 1979. O Ministerio de Cultura creouna no mosteiro de Poio para recuperar un oficio que estaba perdido. Ou iso é o que eles din. En 1982 pasou a depender da Deputación de Pontevedra.
Estaba perdido, realmente?
Realmente estábase perdendo, non estaba xa perdido, e estábase mesturando coa albanelaría.
Que requisitos non necesarios para ingresar na Escola de Cantería?
Supoño que non hai requisitos previos á matrícula. Quen queira vai alí para aprender. Aos 3 anos danlle o título de canteiro, e aos 5 anos o título de mestre canteiro. Pero ese título non está homologado, penso que a nivel profesional non vale para nada. Pola miña experiencia, ao atoparme con rapaces que saen de alí, é que levan un chasco no mundo laboral, sobre todo polo ritmo de traballo. Habería que reorientar esas prácticas que lles dan.
Cal é a túa valoración do funcionamento da Escola de canteiros de Pontevedra co cambio de goberno na Deputación?
Descoñezo internamente o funcionamento, pero a Escola funciona bastante ben. De feito si que saíron moitos escultores e canteiros que hoxe en día son recoñecidos e están a gañar ben a súa vida. Pero, tamén é certo que a Escola empezou cunha infraestrutura moi pequena, logo trasladouse a unha nave máis preparada, con máquinas, e co devir dos tempos foi baixando o número de alumnos. Non ten nada que ver con quen gobernase antes ou agora, pero pasou duns 100 alumnos a 6. Ten máis persoal, entre xestores, profesores, e directores, que alumnos formándose. Non sei cal é o motivo.
Será que non ten saía profesional?
Falabámolo antes, o alumno recibe unha formación pero cando chega á vida real atópase outra cousa: hai que traballar 10 horas, éche o que hai, e cun ritmo de produción. É triste dicilo pero é así.
Poderase reverter esta situación?
Pois non o sei. Cando hai anos había alumnos eu recibía currículums de alumnos, de 6 ou 7 que me pedían traballo. Eu sempre lles contestaba o mesmo: se a Escola de Cantería está a sacarnos traballo a nós, nós malamente podemos subsistir e menos dar traballo.
Explícame iso, como vos saca o traballo?
Nos tempos de Louzán chegou a elaborar pezas, esculturas, cruceiros, fontes…, que ían a concellos amigos do mesmo partido. Polo tanto, non contrataban canteiros. O noso potencial cliente de obra pública son os concellos, así que os alumnos en prácticas sáenlles máis baratos. Digamos que é unha competencia desleal para os canteiros.
Segue ese problema na actualidade?
Vouche pór dous exemplos. As leiteiras de Mos: Cando estaba o bipartito, comentáronme que querían facer esta homenaxe ás leiteiras. De alí a uns anos as leiteiras apareceron en Mos como favor da Escola a Nidia. A Virxe do Carme de Cesantes: a comisión de festas púxose en contacto comigo, encargoume o orzamento segundo as características que me pedían e para o sitio que pedían. De alí a un ano, Louzán mándalle unha Virxe do Carme en nada parecida ao que querían, nin sequera o sitio. Por certo, é horrorosa. En Vigo, a nécora e o Cristo para A Guía, tamén encargos da Escola. Pídolles aos gobernantes actuais que non fagan o mesmo que se facía. Pídolles tamén que escoiten a asociación de alumnos que reclaman a homologación.
O concello de Mos é cliente teu?
O actual goberno non, he he. Mira, cheguei a ir ao Concello de Crecente a substituír os escudos franquistas polos legais da actualidade. Pois cando lle dixen ao alcalde que eu non era de Nidia senón do meu pai e da miña nai, dixo el:” pero a quen me mandan!” Deixou de gustarlle o meu traballo.
E por que sendo ti de Mos, o concello no che fai ningún encargo?
Supoño que terán unha concepción estética da creación artística, distinta á que eu teño
Ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha ha
Moitas grazas Marcos