Comezamos o ano conversando co voceiro dos socialistas de Salvaterra, o veciño de Oleiros Félix González. El manifesta sentirse decepcionado pois, ao seu xuízo, o desleixo e a incapacidade do goberno non fai máis que aumentar e poñen a Salvaterra nunha situación moi complicada, pero á vez ilusionado en chegar á maioría social do Concello para convencela da urxencia da necesidade do cambio político. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ O Goberno de Salvaterra só se ocupa da foto e da festa. E mira para outro lado ante os graves problemas e necesidades do noso Concello”
Algo máis de medio ano despois das últimas eleccións municipais faime un primeiro balance do xuízo que vos merece a acción política do goberno municipal?
Por desgraza non mudou nada. As circunstancias que antes das últimas municipais nos levaban a reclamar a urxente necesidade do cambio político en Salvaterra non se modificaron en absoluto .Este é un goberno de desleixo, inacción e que só se preocupa por dúas cuestións: As festas e as fotos.
Só festas e fotos?
Si, este é un goberno populista que non aborda os graves problemas que padece Salvaterra. Por exemplo aínda non se aprobou a conta xeral do ano 22 .A primeira comisión ao respecto está convocada para o 11 deste mes( facemos esta entrevista o 2 de xaneiro)
Será a conta xeral do 23 ,supoño?
Non , a do 22.A do 2022 está sen aprobar aínda.
Pero iso é moi perigoso, podería pór en risco subvencións creo eu
E tanto que si. Non é que se poñan en risco, é peor. É que ás primeiras subvencións que se convoquen este ano Salvaterra non vai poder concorrer por non ter aprobada a conta xeral do 2022.
Como é posible iso. Se o goberno ten maioría absoluta¡¡
O desleixo e o pouco interese no traballo deste goberno son as únicas explicacións posibles.
Falemos da situación da sanidade no Concello de Salvaterra?
Hai uns meses comezou unha obra no centro de saúde, unha actuación dirixida ao aforro enerxético e a mellorar os accesos para persoas con mobilidade reducida, unha obra necesaria, pero a situación sanitaria do noso concello segue a ser moi mala. No que se refire á falta de profesionais hai momentos en que é terrible, absolutamente terrible, e este segue a ser un dos principais problemas que afecta ao noso Concello. Nós no pleno de xullo presentamos unha moción sobre a carencia de persoal sanitario que se aprobou por unanimidade
E que fixo o goberno?
Nada. A situación a día de hoxe segue a ser igual o peor. O desleixo deste goberno é de tal calibre que mira para outro lado e non fai nada para que o goberno autonómico aborde de contado este grave problema.
A Marta Valcárcel impórtalle máis o seu partido que a veciñanza de Salvaterra?
Parece que si.
Por que levastes a pleno unha moción en defensa dos traballadores municipais?
Deriva dunha xuntanza que mantivemos co comité na que nos presentaron as súas principais carencias, como por exemplo algo tan básico como a falta dun plan de seguridade para os traballadores.
Asombroso .En serio non existe un plan de seguridade para os traballadores e traballadoras do Concello?
Non, non existe. E á algo que esixe a lei, pero é que tampouco existe nin RPT nin convenio colectivo. O PP leva gobernando toda a vida e a situación está como está. Se cando dicimos que a inacción e o desleixo son as principais características deste goberno é porque , por desgraza, en realidade é así.
Algunha outra carencia significativa que vos formularan os representantes dos traballadores ?
A inexistencia de vestiarios nos que se poidan cambiar ou duchar os traballadores que saen a realizar o seu traballo nas distintas zonas do Concello.
Que votou o PP á vosa moción?
En Contra.
Pois estou desexando que me contes os seus argumentos, porque para xustificar o voto en contra dun plan de seguridade, dunha RPT, e dun convenio colectivo para os traballadores e traballadoras municipais hai que ser pouco menos que un mago da dialéctica?
Basicamente:” Estamos traballando niso”…É dicir, nada, nada de nada.
Sobre os problemas do pavillón de Leirado que nos tes que dicir?
No último pleno preguntamos por iso e nos dixeron que ían amañalo.
O último pleno foi en decembro?
Non, en novembro. Nós temos plenos ordinarios cada dous meses.
Vaia. É certo que a lei o permite, pero para un concello concello do volume de poboación e dos problemas que ten Salvaterra non sería necesario unha acción política algo máis consistente?
Si, claro que si. Os plenos todos os meses non estarían de máis , desde logo que non. As persoas que estamos voluntariamente en política, estamos para axudar a resolver os problemas á cidadanía, e para iso hai que facer política, día si e día tamén. Malia que tamén che digo que se fose polo contido que o goberno municipal lle dota aos plenos este é tan escaso que non dá nin para encher un cada dous meses.
O concello pechou a biblioteca municipal entre o 26 do 12 e o 2 de Xaneiro. Cal é a opinión dos socialistas de Salvaterra?
Este é un exemplo máis de que este goberno está desconectado da realidade. O exames na universidade son en xaneiro,e os mozos e mozas do noso pobo que estudan as súas carreiras fóra e volven para pasar as festas en Salvaterra precisan estudar para os seus exames. E este goberno na época de exames vai e pecha a biblioteca. O dito, están fora da realidade.
En Salvaterra non fai falta un auditorio?
Si, desde logo que si. De feito no partido socialista levámolo no noso programa electoral nas dúas últimas eleccións municipais. A modo de exemplo: este nadal nun concerto da banda de música na casa da cultura había tal cantidade de xente, nun espazo tan pequeno, que calquera que tivera ollos na cara decataríase de esa necesidade que ten o noso pobo.
Que opinas das relacións entre o Concello e as Comunidades de Montes?
Eu son Secretario sa Comunidade de Montes de Oleiros e comunicación do Concello con nós apenas existe. Polo que sei a comunidade de montes de Salvaterra está na mesma situación. Non existe un plan para traballarmos en conxunto o Concello e as Comunidades de Montes
O PP conservou a alcaldía por unhas poucas ducias de votos, por uns votos que levou unha candidatura irrelevante de Podemos Salvaterra que o único
resultado que tivo foi darlle a alcaldía ao PP. Tes constancia de que Podemos Salvaterra faga algún tipo de actividade política?
Que a min me conste, non.
Como estás ti de ánimos e de moral?
Eu estou moi ben, moi forte , plenamente consciente de que Salvaterra precisa un cambio que a saque de contado da situación de esclerose na que a sumiu o PP e coa firme intención de chegar ao corazón da maioría social do noso pobo. Máis pronto que tarde o cambio político chegará a Salvaterra.
Que tal son as relacións co BNG de Salvaterra?
Moi boas e fluídas. Ambos somos conscientes de que a alternativa ao PP é un goberno de coalición progresista entre as dúas forzas e cando poida ser, vai ser sen dúbida.