Colocouse un panel informativo da Ponte do Tamuxe e puxéronse en exposición tres retablos pertencentes a unhas almiñas de Tabagón
O Rosal, 4 de xaneiro de 2023.
O Rosal continua avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio, apostando pola sinalización de lugares emblemáticos da localidade como o son a ponte do Río Tamuxe ou mediante a exposición de tres retablos de petos de ánimas, elementos tradicionais e moi ligadas a historia e cultura local.
Neste sentido, o Concello do Rosal conseguiu unha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 6.636 euros dentro da liña de axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.
No marco deste investimento, instalouse un novo panel informativo sobre a Ponte do Tamuxe. Este panel ampliado proporciona información detallada sobre os elementos estructurais e a historia da ponte, ofrecendo a veciños e visitantes unha experiencia máis enriquecedora.
Outra das accións destacadas foi a restauración de tres retablos orixinais de madeira pertencentes a diferentes almiñas de Tabagón. Foi Miguel Martínez, veciño do barrio, quen hai anos impulsou esta actuación xa que era coñecedor da existencia destas pezas. Daquela, os retablos foron retirados e enviados ao Museo Provincial de Pontevedra para a súa restauración, mentres que nas almiñas colocáronse unhas réplicas feitas en resina. Agora os retablos orixinais exhíbense de maneira permanente na nova casa da Comunidade de Montes de Tabagón, xunto a un panel explicativo. “A mostra permanente é posible grazas a recuperación das pezas qrealizada no seu momento por Miguel, a quen amosámoslle o noso agradecemento. Deste xeito, xa forman parte do patrimonio material e colectivo de todos os rosaleiros”, destaca o concelleiro de cultura, Carlos Villanueva.
Os paneis instalados contan con códigos QR que permiten acceder á información tanto en castelán como en inglés. Un feito enriquecedor para todos aqueles interesados que queiran profundar no saber sobre a Ponte do Tamuxe e os retablos de Tabagón.