Loli pasará a historia por ser a primeira muller alcaldesa do seu pobo. Agora, conforme ao pacto que asinaron co PSOE, os seus socios de goberno, tócalle a tenencia de alcaldía. E a pouco máis dun ano das vindeiras eleccións nós quixemos coñecer a súa visión sobre a realidade política do seu pobo. Ela reivindica con orgullo a xestión do goberno bipartito e a parte que é responsabilidade da súa formación política, Movemento Salceda. Asemade amósase moi ilusionada en ser cabeza de cartel nas vindeiras eleccións, e obter a confianza maioritaria dos seus veciños e veciñas.
“Vou traballar para gañar as elección do 2.023 , pero gañalas de verdade”
Loli, como se leva iso de pasar de alcaldesa a tenenta de alcaldesa?
Con certa humildade para saber estar no tempo que che toca despois de dar un paso atras. Este foi un proxecto a catro anos onde traballamos en equipo independentemente de quen exerza a alcaldía.
Custouche emocionalmente dar ese paso?
Cústame adaptarme aos cambios e ao principio foi así, pero cando collín as rendas das miñas novas responsabilidades xa me fixen ao posto e sigo coordinando proxectos que viñan da miña primeira etapa no Concello.
Que áreas levas agora?
Na alcaldía levaba coordinación de proxectos, persoal e igualdade, agora a maiores levo vías e obras tamén.
Cales son as actuacións máis significativas que levas feito nestes últimos nove meses que levas neste cargo?
A máis importante é a posibilidade de trasladar todas as necesidades desas xuntanzas que tiven con máis de 60 colectivos a pé de rúa e poder atender a maior parte delas.
E cales son as principais necesidades das parroquias de Salceda?
Saneamento, que as vías estean nun estado decente para garantir a seguridade e cousas máis pequenas do día a día como a recollida de augas…
Pero moitas destas non se poden atender non?
Creo que o 95% das chamadas da xente si que somos capaces de atendelas.
Pateas todo o concello de curruncho en curruncho?
De punta a punta. Os luns sempre son revoltos porque hai que expor o traballo de vías e obras de toda a semana e logo xa me poño a visitar os lugares onde se nos chama. Ás 9 da mañá xa estamos na rúa para poder facelo.
En que nivel de saneamento están as parroquias de Salceda?
Das sete parroquias, hai dúas que precisan unha actuación de saneamento xa, Entenza e Soutelo. Levamos pelexando arreo coa Xunta porque nos teñen que dar unha axuda dun millón de euros por cada unha das parroquias e aínda non deron un euro.
Do resto das parroquias sobre un 75% teñen o saneamento completo. En Salceda temos unha poboación de 9451 persoas das que a metade viven no rural, e é fundamental seguir actuando no saneamento das parroquias para que o noso rural teña vida. Isto é esencial porque no centro non temos parque de vivenda activo, desde o 2007 non temos plan xeral e non se constrúe un só edificio. Agora mesmo non temos capacidade para acoller a máis veciñanza.
Cando eras alcaldesa comentábasme que as relación co PSOE eran óptimas e cordiais, agora que es tenenta de alcaldesa estás nese mesmo parámetro?
Somos persoas diferentes e diriximos co noso estilo, pero creo que tanto a miña compañeira Verónica coma min temos como obxectivo o traballo pola veciñanza e imos chegar ao final do mandato con moitísimo do programa electoral cumprido, en equipo e unidas.
Sodes catro concelleiros e concelleiras de Movemento Salceda, non?
Si. Alex, Miguel, Lucía e eu.
Cales son as áreas que levan os teus compañeiros e compañeira?
Levamos a meirande parte do peso do goberno en areas como facenda, que a leva Lucía; mobilidade, cultura, coordinación de proxectos, vías e obras, réxime interior, seguridade, festexo, participación ou patrimonio.
Faime un resumo das principais actuacións dos teus compañeiros e compañeiras de Movemento Salceda.
Na área de mobilidade que leva Miguel, a senda peonil desde o IES Pedras Rubias ata case o centro da vila. Leva saneamento, recollida de fluviais, traída veciñal, e sobre todo, a seguridade para as persoas que a transiten.
En coordinación de proxectos no que dediquei máis tempo e estou máis orgullosa son o cambio de luminarias no centro da vila por luces Led cun investimento de máis de 100.000€ que supuxo un aforro do 50% en electricidade. Temos presentado tamén o proxecto de cambio de luminaria nas parroquias e agardamos que nolo concedan . A ampliación do IES Pedras Rubias, isto é fundamental pois nas idades de 0 a 14 a nosa poboación está 1550 nenos e nenas. Estamos no proceso de licitación da obra de Joaquín Fernández Sestelo para poder dar cumprimento ao plan de mobilidade, esperamos que as obras comecen esta primavera.
Na área de persoal, aprobamos a RPT en febreiro e xa estamos a piques de presentar o primeiro convenio laboral que é moi importante e necesario para a situación dos traballadores e traballadoras do Concello .
En igualdade, orgullosa de ser a primeira muller alcaldesa, nesta segunda quenda tamén hai unha muller alcaldesa, Verónica. Na corporación a maioría son mulleres e a sensibilidade é diferente. Apostamos por facer políticas de igualdade en tódalas áreas.
Un dos temas recorrentes da oposición do PP é a situación económica do Concello. Cal é a túa visión da situación económica ?
O noso Concello agora mesmo cumpre a regra de gasto, os parámetros de estabilidade orzamentaria… As contas están aí e a súa diagnose é pública. O PP pode comprobalo cando queira, a non ser que non se fíe do traballo dos técnicos e técnicas do Concello. O certo é que sempre nos acusan de facer un mal uso do orzamento e de estar sistematicamente endebedados e, por outra banda, dunha maneira demagóxica pídennos redución de impostos. Aquí tomamos moitas medidas, pero hai outras que non son viables, nin xustas para o Concello
Dicíame a alcaldesa o mes pasado, sobre o conflito do catastro que o problema deste Concello, a diferenza doutros e que a oposición non estaba sendo leal co goberno, e mencionaba ao PP e ao BNG en concreto. Estás de acordo?
En concellos como Bueu, Mos e Porriño non tiveron esta oposición, só aquí. O curioso é que o problema máis grave e das fincas que lindan co río ou con regatos que en moitos casos non cumpren a distancia mínima, saben perfectamente que estarían resoltas si se aprobara este plan xeral do 2016 que curiosamente votaron en contra o PP e o PSOE neste caso tamén.
Antes dicías que o goberno de Salceda é un goberno unido e cohesionado, pero nos gobernos bipartitos sempre hai o problema de que a meirande parte do mérito lévaa un . Non tes medo de que Movemento Salceda poida perder un pouco da súa personalidade á hora de ser valorado pola veciñanza?
Eu penso que o contrario. Temos catro concelleiros e concelleiras que estamos a desenvolver un traballo intenso. Non teño ese temor. Movemento Salceda é un proxecto consolidado e sólido que reúne as inquedanzas da esquerda plural que ten claro que o seu traballo ten que ser por e para Salceda. Viñemos demostrando que somo quen de dialogar con calquera, sexa da cor que sexa, non somos monicreques de ninguén.
Ti procedes no BNG?
Si.
Houbo algún intento do BNG porque Movemento Salceda sexa a representación do BNG nas vindeiras eleccións?
Esta é a segunda entrevista que teño contigo. Na primeira xa che dixen que son unha persoa de diálogo e asegúroche que sigo estando na mesma predisposición de dialogar.
A un ano das eleccións Loli, hai posibilidade de que Movemento Salceda non se presente como tal, senón que se meta dentro do BNG?
Agora mesmo non.
E dentro dun ano?
A iso non che podo responder.
Houbo algunha conversa ao respecto?
Si.
É posible que esas conversas cheguen a bo porto?
As propostas que me fagan eu vounas trasladar aos meus compañeiros e compañeiras de MS e decidiremos democraticamente como non podía ser doutra maneira.
Amio foi un golpe durísimo para o nacionalismo, cun divorcio traumático que deixou moitos rancores. Nesa parte de Movemento Salceda que se divorciou do BNG, pasou o resentimento?
Eu creo que si.
Ti estás animada para ser novamente candidata no 2023?
Si. Gústame Salceda, gústame a política e teño un equipo fantástico detrás que ten o mesmo sentir ca min. En Movemento Salceda temos un moi bo ambiente e estou moi cómoda. Sinto a proximidade da xente e estou encantada.
Cando paseas pola rúa séntelo así?
Si. Un montón. Ir polas parroquias e que as xentes te recoñezan e o trato tan directo a min apaixóname.
Haberá posibilidades de recuperar Salceda para Movemento Salceda?
Desde logo eu vou a traballar para que sexa así, non te imaxinas canto. No persoal non son unha persoa ambiciosa, pero si que son ambiciosa en equipo e vou traballar para gañar, gañar de verdade.