Pedro Pereira candidato do BNG á alcaldía de O Porriño

Pedro Pereira candidato do BNG á alcaldía de O Porriño

O veciño de Atios Pedro Pereira volve a encabezar a candidatura do BNG á alcaldía do Porriño. Nun contexto bastante máis favorable para a súa organización política que o do 2019 os nacionalistas amósanse moi ilusionados e coa convicción realista, así o din os números das últimas autonómicas, de que están en situación de competir pola alcaldía co PP.

Eu que xa entrevistei moitas veces a Pedro Pereira digo o que xa dixen en numerosas ocasións: Pedro nas distancias cortas amosa ser un político sobresaínte, e teño a convicción de que se cada veciño e cada veciña de O Porriño tiveran a oportunidade de tomar un café con el sería imposible que non fose alcalde.

No BNG temos a convicción de que estamos en disposición de disputarlle a alcaldía ao PP”

Cales son as expectativas realistas coas que se presenta a candidatura que vas encabezar?

Considero que estamos nunha boa situación para experimentar unha suba substancial con relación ao anterior proceso de eleccións municipais. O noso obxectivo claro é liderar un goberno alternativo ao PP no Porriño

Que valoración fas dos dous anos nos que estivestes no goberno?

Entendo que a maioría da sociedade porriñesa puido apreciar que o BNG ten proxecto de vila para O Porriño e valora positivamente a nosa acción de goberno. De tal modo que podemos dicir que estamos en condicións de confrontar o noso modelo co do PP , e consideramos que a maioría da poboación porriñesa identifícase máis no modelo BNG.

Antes mencionabas a túa aspiración dunha suba substancial con relación ás municipais do 19, pero no medio houbo unhas autonómicas nas que tirastes un resultado espectacular, un 26,60% dos votos, fostes 2º forza e se trasladaramos ese resultado ás municipais ti serías con toda probabilidade alcalde. Trasladar o resultado das últimas autonómicas ás próximas municipais é unha proxección verosímil?

Son procesos electorais distintos pero é algo perfectamente posible, claro que si. e na nosa vontade está tratar de que aqueles que nos votaron nas autonómicas tamén o fagan nas municipais e incluso achegarmos á confianza de novos segmentos de votantes. No BNG de Porriño afrontamos o proceso electoral de maio sen ningún tipo de límite con moita ilusión e coa convicción de que o resultado non está decidido nin moito menos.

Cales son as chaves do proxecto político do BNG para O Porriño?

Nós estamos nas antípodas do modus operandi do PP, xestionar o día día e ir zafando os problemas como poden. Nós temos un modelo de vila e un proxecto político a longo prazo cuxas principais chaves son: A adecuación do plan xeral á demanda actual, gañar espazos para as persoas, tamén nas parroquias, incrementar as zonas verdes e desenvolver infraestruturas que vertebren o Porriño do futuro. A circunvalación pola parte sur de cara a Cans é moi necesaria para producir unha significativa diminución de tránsito pola nosa vila , humanizar as súas rúas e facer unha vila máis humana e amable para as persoas que aquí vivimos.

Algunha zona en concreto na que consideres necesario actuar xa?

Si, a contorna do Campo da Feira e a rúa Pío XII, para conectar as dúas zonas peonís hoxe existentes e dotar ao centro do Porriño dun espazo verde de lecer para as persoas. Algo que xa tiñamos deseñado na nosa etapa de goberno

Cales foron as principais actuacións impulsadas polas concellerías do BNG nestes dous anos que estivestes no goberno?

Como sabes nós levamos cultura e aínda considerando a enorme dificultade que supuxo a pandemia fixemos unha xestión cultural máis que notable. Tratamos de achegar a cultura, en colaboración coas distintas asociacións a todos os currunchos de todas as parroquias.

No que respecta ás miñas responsabilidades en pouco tempo fixemos un cambio importante no que é o espazo público. Por exemplo: acadamos a humanización completa da rúa Aloques, unha vella demanda do barrio, melloramos de maneira notoria a rúa Manuel Rodríguez no barrio de San Bieito e quedounos pendente a zona de San Sebastián. Tamén se adquiriron terreos na contorna do río Louro como primeiro paso necesario para transformar este entorno.

Liches a entrevista que fixemos nestas páxinas aos representantes da plataforma veciñal de Torneiros o pasado mes?

Si, lina.

E cal é a túa opinión?

Coincide completamente coa que expresaron os representantes veciñais referente a que o actual alcalde no amosa ningún tipo de feito concreto que permita deixar claro que a súa posición real, fora dos xestos amables, sexa en verdade solidaria coa veciñanza de Torneiros que se opón a semellante actuación na súa parroquia. O alcalde non ten feito nada, desde as súas competencias, para evitar a instalación do centro de transportes en Torneiros.

A posición do BNG sobre o centro de transportes cal é?

Non digo que non sexa necesario, o sector necesita un lugar digno, pero Torneiros non é o espazo adecuado. Nós opómonos a que se faga alí e situámonos con claridade a carón da veciñanza. No pleno presentamos unha moción para modificar o PXOM e protexer o lugar evitando usos industriais e loxísticos.

En relación á situación económica o alcalde declaraba recentemente nun medio de comunicación que en abril ían comezar a pagar as facturas pendentes , que son moitas e de moito tempo, a provedores. Que tes que dicir ao respecto?

De momento non temos constancia de ningún expediente. As facturas de abril son as que había para pagar hai dous anos e que Alejandro Lorenzo impediu que se pagaran ao bloquear os abonos co seu voto en contra.

A conta 413 , de facturas pendentes de pago, é tan grande porque o PP bloqueou de maneira consciente e premeditada que se pagasen esas facturas?

Si.

Rotundamente si?

Si, rotundamente si.

Como valoras a xestión do actual goberno no que atinxe ao asunto do lindano?

Pouco despois de que o actual alcalde chegara á alcaldía a Xunta anunciou un investimento superior ao millón de € para abordar este tema. A día de hoxe non hai nada en marcha. En definitiva , unha máis na dinámica deste alcalde: as súas boas palabras non se corresponden cos feitos. Nin a Xunta do PP nin o goberno local do PP teñen interese en resolver o problema do lindano en Torneiros.

Sobre o conflito coas canteiras de Atios?

Outro exemplo máis que amosa a falsidade coa que actúa o alcalde de O Porriño. O recurso que fixo no seu momento non era necesario; nin o que fixo o PSOE, nin o que fixo o PP. Este último ademais feito en contra da vontade do pleno. O alcalde mentiu, e o concello tivo que pagar as costas dese recurso. Unha irresponsabilidade que só ten un responsable.

Quen é?

Alejandro Lorenzo.

Como valoras a política cultural deste goberno?

Manifestamente mellorable. O seu modelo limítase ao da cultura da festa. Teñen unha eiva importante que é que non practican o consenso nin coas AVV nin coas asociacións culturais. Recentemente o concello gabábase de que o festival de Cans ía ter a maior achega económica da súa historia. Si, pero iso só supón unha suba de 5.000€ mentres o goberno no que estaba o BNG subiulle 20.000€. Logo, razóns para o auto bombo este goberno non ten ningunha.

O PP está a vender a idea de que en Porriño a súa maioría absoluta é pouco menos que inevitable. Sendo realista Pedro, o partido está decidido?

De ningún modo. É máis, pensalo é faltarlle o respecto á veciñanza do Porriño. Nós como che dixen temos a intención, e a convicción de que estamos en disposición de disputarlle a alcaldía ao PP. Temos moi boa candidatura e se a maioría da sociedade nos dá unha oportunidade, como xa fixemos noutras ocasións, demostraremos que somos unha forza na que se pode confiar. Canto máis BNG, mellor lle irá ao Porriño.

Que criterios utilizaches para escoller aos compañeiros e compañeiras da candidatura?

Os criterios son colectivos e márcaos a organización local do BNG. Buscamos persoas implicadas emocionalmente con Porriño, con experiencia na xestión pública , formación , rigor, solvencia e cun perfil social moi marcado.

Preséntanos aos 7 primeiros?

Ben, fágoo porque así mo preguntas pero quero deixar claro que para min todas as persoas da candidatura son igual de importantes.

No número 2 está Miriam Martínez , é traballadora social é unha muller de Budiño que xa ten experiencia de goberno. Ten, sensibilidade social e capacidade de xestión. É a actual responsable local do BNG

-No posto 3 está Marcelo Rodríguez, tamén con experiencia como asesor do goberno. É un home que desenvolve o seu labor profesional no sector medioambiental , un eido fundamental na forma de entender os gobernos do BNG. Ten solvencia, coñecementos e rigor.

-No número 4 está Mónica Bugarín, tamén con experiencia pois foi concelleira na oposición .Actualmente traballa na administración pública, na Xunta de Galicia. E vai ser unha persoa de grande axuda polo seu coñecemento dos procedementos administrativos.

-No número 5 vai Ana Bastos, é mestra de ensino secundario. Ten un amplo coñecemento do sector cultural e é unha persoa como todas as demais, moi implicada emocionalmente co Porriño

-No número 6 vai Cesar Lourido, compoñente da Asociación Cultural Arela, organizadora do Festival de Cans.

-No 7 vai Soraya Domínguez. Mestra de ensino secundario. Actual voceira da Marcha Mundial das Mulleres na Louriña.