Olga é a muller de Antoine, o francés ecoloxista que os veciños mataron por lles impedir abandonar a “merda”, di a película, na que viviran toda a súa vida. Poñamos unha aldea de Petín, en Ourense. Saberán xa que estou a me referir á historia que conta a premiada película de As Bestas. Non a traio aquí para escribir unha crítica de cine, senón unhas disquisicións sobre as razóns da boa acollida da fita polo público. Dou por descontado a parte dese éxito debido ao bo oficio dos realizadores, da parella de guionistas e, por suposto, dos actores. O que me interesa é, en lugar diso, soster que outra parte da boa acollida consiste nun manexo das emocións propio do que se chama posverdade. O mostrar que nos conflitos sociais a verdade está do lado de quen poña máis paixón.
Concordo en que o filme capta algo relevante da nosa época. Vemos unha loita a morte entre dúas familias veciñas con, por dicilo de xeito pedante, proxectos de emancipación opostos. Unha familia da aldea e outra que vén de fóra, de Francia, máis concretamente: que chega con ideas alternativas buscando un lugar onde vivir de xeito sustentable, de escapar da ansiedade que imprime o mandato capitalista de aproveitar as oportunidades e non renunciar a ningunha satisfacción.
A convivencia pacífica entre as dúas únicas familias da aldea dura dous anos. Ata que chega a oferta dunha eólica para instalar muíños nos montes en man común da aldea. A familia do lugar non está disposta a deixar pasar a oportunidade de cumprir o seu proxecto de vivir na cidade mercando unha licencia de taxi en Ourense. A francesa, pola súa parte, non pode renunciar ao seu proxecto dunha vida non sometida ao estúpido e destrutivo mandato que reduce aos humanos a meros consumibles. Con todo, Antoine insiste en buscar un acordo. Explica que o seu proxecto de turismo ecolóxico daría máis beneficio do que ofrece a eólica. Pero, canto máis intenta explicar máis empeño poñen os nativos en non renunciar ao súbito sentimento de liberdade, de poder decidir por si mesmos, que a eólica decontado lles permite. Son dous mundos enfrontados. O dun proxecto sustentable contra outro insostible. A película preséntaos coma a loita de dúas forzas elementais. A imaxe dos “aloitadores” no curro de Sabucedo, o da Estrada, coa que arranca a fita non deixa lugar a dúbida. A emoción da liberdade individual contra o cálculo ao que debe someterse toda vida en común.
No entanto, a película non remata coa conclusión da escalada de violencia masculina. Durante cerca da última hora, a fita conta a paciente loita da viúva contra a burocracia da Garda civil que ten dado, incomprensiblemente, o asunto por pechado. Cando mandan a un axente a súa casa para lle avisar de que apareceu o corpo do seu home, Olga sorrí. Os veciños serán xulgados e daquela os espectadores saímos do cine tranquilos e conmovidos pola enteireza da muller. Inquietante e brillante modo de nos lembrar como acaba calquera intento de confinar a liberdade individual.