Arte para o cambio

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

“Folerpas de papel caen devagar sobre fachos prendidos” é o título da exposición que veño de volver gozar na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu. E digo o de “volver gozar” porque é un evento ó que fun varias veces (e volverei ir) neste marzo do 2022.

Grazas a indispensable colaboración do Concello de Bueu, Ramiro Agulla construíu unha atmosfera nova nun local que volve ser un oasis cultural da nosa vila.

Esta exposición non só é un conxunto de esculturas senón que converte este recuncho do meu pobo nun lugar de inescusable visita para calquera amante da arte, onde se combinan a beleza das pezas, a luz, a música e a escenografía para convidarnos a reflexionar sobre unha serie de temas actuais que esta marabilla nos transmite.

Se ben me provoca unha enorme satisfacción saber que algo así pasa ao meu carón non é, para nada, comparable cos azos que me transmite a esperanza que un evento así me provoca. Explícome:

Esta exposición está sendo visitada por estudantes de colexios de Bueu (ogallá tamén veñan da contorna) e son eles, coa complicidade do autor, quen crean mil e unha versións dunha obra aberta á interpretación de quen a visita

Se ben é certo que a exposición foi visitada por xente da categoría artística de Xulio Lago e Camilo Camaño, (este acompañado pola sobriña de José Solla) non resulta menos importante que “xente de a pé” coma un servidor vaia a sala con ganas de volver entrar. Mais creo que o fundamental é que o alumnado dun Instituto chegue dunha maneira tan directa á arte e que esta lles motive, lles faga pensar. Así pasou aquí, unha representación de estudantes do IES Johan Carballeira foron presentarlle un proxecto ao Alcalde de Bueu: o ART FOR CHANGE (que deberiades seguir no seu Instagram) e, tras explicarlle a idea que teñen deste traballo curricular foron convidados polo Concelleiro de Cultura a visitar as “folerpas” de Ramiro.

Que queredes que vos diga?

Nun momento tan escuro onde temos uns dirixentes tan aterradores que non só son incapaces de evitar unha guerra no suposto mundo civilizado senón que son inútiles á hora de buscar solucións para os problemas da poboación.

Nunha época na que esa inutilidade da clase política só reflicte o paupérrimo da condición humana de case todos e cada un de nós.

Neste momento, nesta época… eu teño esperanza!

E teño esperanza grazas ao alumnado do Johan Carballeira que, xunto a marabillosas e marabillosos docentes, son capaces de pensar nun cambio deste mundo, e de loitar por el. E fano a través da arte!

Desde unha pequena vila como Bueu son capaces de conectar con centros de Portugal, Francia, Irlanda, Turquía, Italia, Estonia e Lituania e procurar que o seu futuro, o futuro do Planeta, sexa mellor que o que nós lle queremos deixar.

Elas, eles, son capaces de coller esas FOLERPAS QUE CAEN DEVAGAR e facer que eses FACHOS PRENDIDOS sexan os que alumeen a súa presenza na vida.

GRAZAS por deixarme seguir tendo esperanza na Humanidade.