Teis, entre o mar e o monte, a cidade e o arrabalde: a parroquia viguesa que conserva alma de barrio e movemento de cidade.
Quen chega a Vigo por primeira vez adoita mirar cara ás Illas Cíes, ao Casco Vello ou ás grandes avenidas comerciais do centro. Mais existe outro Vigo, menos turístico e máis auténtico, o dos barrios dos arrabaldes. Esta parroquia da que imos falar hoxe esténdese entre o mar, os montes e a vida industrial da cidade. Ese Vigo chámase Teis.
Situada na zona nordeste da cidade olívica comprende 5,80 quilómetros cadrados e os seus límites abranguen a zona costeira comprendida entre Arealonga de Redondela e a zona de Guixar, próxima ao centro da cidade. Teis é unha das parroquias máis poboadas da cidade con máis de 24.000 habitantes, é un lugar cheo de contrastes. Aquí conviven a paisaxe portuaria coas zonas verdes, os restos do pasado industrial coas praias pequenas e tranquilas, os barrios familiares coa tranquilidade das antigas aldeas. Un barrio que conserva unha identidade profundamente viguesa e no que aínda se pode entender como medrou a cidade ao longo do século XX.
Os veciños de Teis adoitan falar da parroquia coma se fose unha pequena cidade dentro de Vigo. E, dalgunha maneira, é certo. Durante décadas, este territorio desenvolveu unha personalidade propia marcada pola vida mariñeira, pola industria e polo forte movemento veciñal que caracterizou historicamente unha das zona máis loitadoras da cidade.
Ao camiñar polas súas rúas percíbese rapidamente esa sensación de comunidade. Hai pequenos comercios tradicionais, cafeterías frecuentadas pola veciñanza de toda a vida e prazas onde aínda existe vida de barrio. Fronte ao ritmo acelerado do centro vigués, Teis conserva unha atmosfera máis tranquila.
A parroquia experimentou un enorme crecemento durante o século pasado debido á expansión industrial de Vigo. De feito, a súa proximidade á Ría manifestou a súa importancia como foco industrial onde naceron as primeiras fábricas conserveiras na zona da Guía, os estaleiros e fábricas atraerían miles de familias traballadoras, convertendo Teis nun dos grandes barrios obreiros da cidade. Esa pegada segue visible na arquitectura, nas historias familiares e mesmo na maneira de entender a vida cotiá. A configuración do seu espazo urbano xurdiu coa creación da rede de tranvíasque circularon desde 1914 para unir os lugares de maior crecemento co centro da cidade. Neste sentido, trazouse unha liña que enlazaba o centro con Teis e Chapela, e isto fixo que o Barrio deixase de ser unha unidade territorial uniforme. A parroquia San Salvador de Teis, pola súa situación estratéxica na cidade, sufriu unha desestruturación brutal e continua, fragmentándose e dividíndose nas 6 barrios que actualmente ten que son Moutada, Paradela, Pugariño, Rorís, Paraixal e Presa.
Teis é moito máis có seu pasado industrial. Tamén é natureza, patrimonio e mar. Ten espazos tan fermosos como:
A Guía, este é o gran miradoiro da Ría de Vigo.
Se existe un lugar capaz de resumir visualmente a esencia de Teis, ese é o monte da Guía. Situado sobre unha elevación natural fronte á ría de Vigo, este espazo ofrece unha das panorámicas máis fermosas da cidade.
O paseo ata a cima permite afastarse do ruído urbano e entrar nun ambiente tranquilo, rodeado de árbores como carballos ou pinos e camiños sombreados. No alto atópase a ermida da Nosa Señora de A Guía, un pequeno templo branco que se converteu nun dos símbolos católicos históricos da parroquia.
Desde este punto a vista é espectacular. As Illas Cíes aparecen ao fondo da ría, mentres o porto de Vigo, os estaleiros e os barrios mariñeiros se espallan ao redor, na cara sur podemos observar á península do Morrazo e a ponte de Rande. Ao solpor e a luz dourada sobre o mar transforma completamente a paisaxe.
A Guía é tamén un lugar moi querido pola veciñanza. Aquí celébranse romarías, encontros familiares e paseos cotiáns. Non é só un espazo turístico: é unha parte esencial da memoria de Teis.
Moi preto do monte existen ademais restos arqueolóxicos e indicios da presenza dun antigo castro, recordando que este territorio leva habitado desde moito antes da industrialización viguesa.
O paseo marítimo da ETEA: un novo balcón sobre o mar.
Un dos espazos que máis cambiou nos últimos anos é a antiga ETEA, a Escola de Transmisións e Electricidade da Armada. As súas orixes remóntanse ao ano 1916 data na que se crea a Base Naval de Ríos simultaneamente coas de Marín e Arousa. A base ocupaba unha superficie de 2.000 metros cadrados e tiña capacidade para minar a entrada da ría. Durante décadas, esta zona militar permaneceu practicamente pechada ao público, foi en agosto de 2002, cando cesou definitivamente o uso do espazo militar trasladándose as actividades a base de Ferrol. Hoxe, boa parte do recinto converteuse nun amplo paseo marítimo aberto á cidadanía grazas á acción coordinada dos diferentes Axentes e Colectivos do Barrio de Teis.
O paseo da Etea combina zonas verdes, vistas abertas ao mar e unha sensación de tranquilidade difícil de atopar preto dunha cidade tan dinámica como Vigo. Desde aquí poden observarse embarcacións deportivas, barcos cruzando a ría e pequenas praias frecuentadas principalmente pola veciñanza. A zona gañou popularidade entre corredores, ciclistas e familias que buscan un espazo agradable para descansar.
A antiga arquitectura militar segue presente nalgúns edificios do recinto, creando unha curiosa mestura entre pasado e presente. A ETEA simboliza ademais unha das grandes reivindicacións históricas de Teis: recuperar espazos pechados para uso público, zona que non deixa indiferente a ninguén e en continuo conflito entre o Concello e a Xunta de Galicia.
As praias de barrio.
Aínda que Vigo é coñecida polas praias de Samil ou O Vao, Teis tamén conserva pequenos areais menos famosos pero con moito encanto.
Praias como a da Punta, coñecida tamén como paria do Areiño e localizada no monte da Guía e uns cincuenta metros de lonxitude ou, a da ETEA, teñen un carácter moi distinto ás grandes praias urbanas. Aquí non hai enormes paseos marítimos nin grandes infraestruturas turísticas. O ambiente é máis íntimo e familiar e no chiringuito da Etea, durante case seis meses de temporada, pódense desfrutar de diferentes concertos musicais, ben entrada xa a tardiña, cunhas vistas e un ambiente nada envexable o de outros puntos da cidade máis turísticos.
No verán, os veciños baixan con cadeiras, neveiras e paraugas, mantendo esa tradición tan galega de vivir a praia de maneira sinxela e próxima. As augas tranquilas da ría e as vistas cara ao outro lado da enseada converten estes espazos en lugares perfectos para descansar sen afastarse da cidade e observar o solpor no horizonte.
Estas praias permiten ademais observar outra cara de Vigo: unha cidade profundamente conectada co mar, onde a actividade portuaria e a vida cotiá conviven constantemente.
O Parque da Riouxa.
Este fermoso parque foi construído entre 1990 e 1991 polo arquitecto catalán Ricardo Bofill. Ten unha extensión de aproximadamente 6 hectáreas. Entre os seus elementos, destacan un anfiteatro de pedra e céspede, un paseo con pérgolas e un xardín botánico con especies arbóreas autóctonas, como o carballo ou o castiñeiro; mesturadas con outras foráneas, como o castiñeiro de indias. O parque foi un encargo polo finado alcalde Manuel Soto para crear unha zona verde no barrio de Teis, concretamente na antiga leira de Dona Fermina, unha parcela privada na que antigamente se organizaban eventos particulares e desde entón fíxose un espazo para público para a veciñanza.
A Madroa.
Outro dos grandes atractivos de Teis é a súa proximidade á natureza. Mentres boa parte da parroquia é urbana, nas zonas máis altas aparecen montes, camiños forestais e áreas verdes que funcionan como pulmón natural para Vigo e a súa contorna.
Este monte, situado na parte superior da parroquia, converteuse nun importante espazo de lecer para os vigueses. Ademais das instalacións deportivas e do zoo de Vigo, a zona conta con rutas para camiñar e excelentes vistas sobre a cidade e a ría.
Nos días despexados é posible contemplar desde aquí boa parte da costa sur galega. O contraste entre o verde do monte e o azul do Atlántico resulta especialmente bonito e atractivo para fotógrafos e amantes da paisaxe.
En poucos minutos pódese pasar da contorna industrial e portuaria a espazos naturais silenciosos e elevados sobre o mar, poucas parroquias galegas poden presumir deste feito.
A gastronomía de barrio galego.
Non podemos deixar de mencionar que calquera visita a Teis debería incluír unha parada gastronómica. A parroquia conserva numerosos bares, taperías e restaurantes frecuentados principalmente por veciños, algo que adoita ser garantía de boa comida caseira e de calidade onde non faltan pratos como polbo á feira, mexillóns ao vapor, navallas, peixe fresco da ría, empanadas, ou caldeiradas.
As rúas próximas ao mercado de Teis e á avenida de Galicia concentran boa parte desta vida gastronómica popular. Aquí podemos descubrir o ritmo diario da parroquia mentres se comparte barra coa veciñanza.
A memoria industrial de Vigo
Un dos aspectos máis interesantes de Teis é precisamente aquilo que moitas veces pasa desapercibido: a súa paisaxe industrial.
As vías do tren, os antigos espazos fabrís, o porto de Guixar, grandes edificios obreiros ou O Monasterio da Visitación das Salesas Reais construído en 1942, forman parte dunha estética urbana moi característica. Lonxe de resultar fría, esta paisaxe conta a historia do crecemento económico de Vigo e da chegada de milleiros de traballadores durante o século XX. Aquí é posible comprender como a industria transformou non só o territorio, senón tamén a identidade social dunha comunidade enteira.
Moitas familias conservan historias ligadas aos estaleiros como os de MetalShip, Factorías Vulcano ou Montenegro, ás conserveiras ou ao traballo portuario. Esa memoria continúa viva nas conversas cotiás e no orgullo co que a veciñanza fala do barrio.
A vida social segue sendo unha das grandes fortalezas de Teis. Durante o verán, as festas populares reúnen música, gastronomía e tradición relixiosa, mantendo vivo o espírito das antigas parroquias galegas.
As celebracións da Guía son probablemente as máis coñecidas, atraendo visitantes doutras zonas de Vigo. As romarías, os postos gastronómicos e as actuacións musicais crean un ambiente festivo moi ligado a nosa cultura.
Ao longo do ano tamén existen numerosas actividades organizadas por asociacións veciñais e colectivos culturais. Teis conserva unha forte tradición asociativa e loitadora que axuda a manter viva a identidade local.
Quen visita esta parroquia descubre unha parte menos coñecida de Vigo, pero tamén unha das máis sinceras. Un lugar onde o mar, a memoria industrial e a vida de barrio seguen formando parte da mesma paisaxe.

