
Redacción. A Guarda
O pasado día 8 o escritor guardés , e colaborador desta casa, Francisco Álvarez “ Koki” presentou no precioso centro cultural da vila baixomiñota o seu último libro “Aldea Buxán”. Ante numerosas persoas, que acudiron a coñecer as características do libro deste escritor que como Gabriel Celaya, “ maldí a poesía concibida como un luxo cultural polos neutrais”, e acompañado do profesor e escritor Manuel Forcadela , que fixo a súa presentación, Koki debullou as características dunha obra de relatos de personaxes varios que poderían artellarse en calquera parte do mundo pero que , isto xa é interpretación persoal, despois dun intenso proceso de busca, como o alter ego de Otero Pedrayo, Adrián Solovio, acaban artellándose arredor de si. Remato cunha cita do libro que me chegou ao máis profundo e que comparto plenamente, tanto o seu sentido, como a opinión do autor referente a que o ser humano non está social nin bioloxicamente preparado para executala e expreso a miña esperanza de que nun estadio posterior da evolución da nosa especie si poida estalo:” A solución está en que cada un faga seus os asuntos dos demais”. Amén, amigo Koki.