Tui ofrece un verán único para gozar na rúa

Programación verán Concello de Vigo

Música en directo, concertos, festivais, cinema e gastronomía forman parte da programación estival

Tui. Venres, 21 de xuño de 2024.

Tui prepárase para vivir un verán na rúa gozando dos diferentes eventos culturais e de lecer que se van celebrar tanto no centro urbano coma nas distintas parroquias que brindarán música en directo, danza, cinema, concursos, gastronomía,… con propostas novidosas e outras que contan con gran tradición.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron esta programación “Tui, verán na rúa” destacando que os meses de xullo e agosto chegan cargados de propostas para todos os públicos e para vivir nas rúas, prazas, parques e torreiros do municipio. Amosaron o seu agradecementos as asociacións e entidades que organizan os distintos eventos e que participan nos diferentes actos previstos.

O programa comeza no mes de xullo en Guillarei, no torreiro das festas, co Guilla Folk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei. O venres celebrarase o VII Festival Folclórico co grupo Eramos Hernández de Gran Canaria xunto aos organizadores. O sábado será a quenda do IX Festival de Bandas de Gaitas coa actuación das bandas de gaitas Lembranzas da Terra e A Insua de Caldelas, amais da actuación de Donicelas e Storrentos.

A música tradicional será de novo protagonista a seguinte fin de semana, o sábado 13 e domingo 14 de xullo, co Festival da cultura tradicional e Folk que organiza a Asociación Cultural San Telmo. O sábado celebrarase na Praza de San Fernando o IX Certame de Gaita e Tamboril, haberá unha mostra-conferencia sobre o traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina e pecharase co concerto do grupo Ardentía. O domingo 14, ás 19.30 h, no Paseo da Corredoira celebrarase o IX Día da Muiñeira.

Do 17 ao 21 de xullo celebrarase na Eurocidade Tui-Valença o IKFEM Festival que baixo o lema Somos Ponte brindará concertos únicos enchendo este territorio transfronteirizo de creatividade.

O Paseo Fluvial de Tui volverá converterse nunha gran sala de cinema ao aire libre con tres proxeccións gratuítas para todos os públicos. Será “O pequeno Nicolás” o venres 12 de xullo, “A viaxe de Ernest e Celestine” o venres 26 de xullo, e “Salta” o venres 9 de agosto.

A programación do mes de xullo pecharase no Parque do Laxal en Rebordáns cunha nova edición da Noite Internacional do Miño no Parque do Laxal na que este ano actuarán grupos de Bosnia Herzegovina, Uruguai, Chile e Italia.

O mes de agosto abrirase con Música no Claustro, con concertos ás 21 h na Catedral do mércores 1 ao xoves 7 de agosto.

A gastronomía será tamén protagonistas no verán e un dos eventos destacados será a Festa Gastronómica da XII Festa do Miño, na que participarán as diferentes asociacións culturais do municipio ofrecendo pratos tradicionais xunto a outros innovadores na rúa Compostela. Non faltará tampouco a animación na rúa nesta xornada.

A ribeira de Caldelas acollerá o venres 16 e o sábado 17 o IV Rocha Folk. Festival Folk Internacional organizado pola Asociación Cultural A Insua de Caldelas. A programación do verán pecharase co XXIX Festival de Bandas de Música o venres 23 ás 21 h na praza de San Fernando baixo a organización da Banda de Música Popular de Tui.

Tui ofrece así un verán cultural único do que gozar ao aire libre, e para todos os públicos.

Toda a información sobre a programación e horarios está dispoñible na páxina web do Concello de Tui tui.gal.

Programación “Tui, Verán na rúa”

Xullo

Guilla Folk

  • No torreiro de festas de Guillarei
  • Venres 5 ás 22 h VII Festival Folclórico
    • Lembranzas da Terra de Guillarei
    • Grupo de baile Eramos Hernández de Gran Canaria
    • Algo pasa con Mery
  • Sábado 5 ás 22 h IX Festival de Bandas de Gaitas
    • Banda de Gaitas Lembranzas da Terra
    • Banda de Gaitas A Insua de Caldelas
    • Donicelas
    • Peche do festival con Storrentos
  • Organiza: Asociación Cultural Lembranzas da Terra

IV Festival da cultura tradicional e Folk

  • Sábado 13 na praza de San Fernando
    • Ás 19.30 h IX Certame de Gaita e Tamboril
    • Ás 21.30 h Mostra-conferencia traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina
    • Ás 22.30 h Concerto do grupo folk Ardentía
  • Domingo 14 no Paseo da Corredoira
    • Ás 19.30 h IX Día da Muiñeira de Tui
  • Organiza: Asociación Cultural San Telmo

IKFEM Festival

  • Do mércores 17 ao domingo 21 na Eurocidade Tui-Valença
  • Programación en Ikfem.com

Cinema ao aire libre

  • Venres 12 ás 22.30 h no Paseo Fluvial
    • Cinema de animación “El pequeño Nicolás”
    • Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 85 min.
  • Venres 26 ás 22.15 h no Paseo Fluvial
    • Cinema de animación “El viaje de Ernest y Celestine”
    • Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 80 min.

Noite Internacional do Miño

  • Martes 30 ás 21.30 h no Parque do Laxal
    • Cos grupos Folk Ensemble Omarska de Bosnia Herzegovina, Ballet Tierra Adentro de Uruguai, Compañía Folclórica Iramawi de Chile e Sbandieratori Ducato Caetani de Italia.

Agosto

Música no Claustro. Festival de Música, patrimonio e creación

  • Do xoves 1 ao mércores 7
  • Concertos ás 21 h na Catedral.

Cinema ao aire libre

  • Venres 9 ás 22.15 no Paseo Fluvial
  • Proxección de “Salta”
  • Cadeiras: 300 cadeiras. Todos os públicos. Duración 85 min.

XII Festa do Miño – Festa Gastronómica

  • Sábado 17 na rúa Compostela
  • Ás 20.00 h Circo Krasnovarak
  • Ás 21.00 h Fanfarria Taquikardia
  • Ás 22.30 h Festicultores

IV Rocha Folk. Festival Folk Internacional

  • Venres 16 e sábado 17 na ribeira de Caldelas
  • Organiza: Asociación Cultural A Insua

XXIX Festival de Bandas de Música

  • Venres 23 ás 21 h na praza de San Fernando
  • Organiza: Banda de Música Popular de Tui

Primer comentario

Deixa a túa opinión