Vivimos nun concello en decadencia. É unha evidencia evidente, só temos que pasear polas rúas de Marín para decatarnos desta triste realidade.
As anteriormente cheas de vida rúa Real, do Sol, Caracol, o centro de Marín, están hoxe invadidas de baixos fechados e edificios en ruínas. Hai rúas onde os locais abertos son menos que os fechados. Acompañando este panorama temos un número importante de edificacións paralizadas e a medio facer, e solares abandonados e cheos de silvas dando unha imaxe lamentábel.
Isto non é de agora, levamos anos vendo e padecendo estes espantallos urbanísticos sen que ningún goberno municipal fixera ren por solucionar este problema.
Esta situación representa moi ben o facer, mellor dito o non facer, dun goberno municipal que máis ven parece estar formado por organizadores de festas e eventos que por xestores políticos dun concello. Moi preocupados por sacarse fotos en canto evento hai, pero pouco en solucionar os problemas de Marín.
Marín carece de política urbanística.
O concello deixa facer para non molestar nin quedar mal con ninguén, non vaia ser que perdan algún voto. Imita a Pontevedra ancheando beirarrúas sen ningún tipo de planificación nin modelo. O mellor exemplo disto son os carrís bici que non levan a ningures, Marín debe ter o de menor lonxitude do mundo á beira da Escola Naval, todo sexa polas subvencións da Unión Europea.
Consecuencia de todo isto pode ser o adormecemento da nosa vila outrora chea de vida diúrna e nocturna. Mentres as rúas e estabelecementos de hostalaría de Pontevedra están cheos a todas horas, Marín a partir das dez da noite comeza a transformarse nunha vila abandonada, e o lamentábel é que tamén acontece as fins de semana.
Quitando tres festas puntuais no verán en que se enchen as rúas, o resto do ano parece que os concellos limítrofes ofrecen mellores alternativas de ocio e cultura.
A política cultural debería ser un atractivo e ter unha oferta ampla e variada ao longo do ano para dar vida ao noso pobo. Pola contra os que dirixen este concello repiten todos os anos o modelo “Panorama” onde meten moitos cartos para uns días concretos, as festas patronais, e o resto do ano estamos a velas vir. Unhas festas que son como fotocopias, ano tras ano os mesmo. Como en urbanismo, en cultura falta planificación e ganas de facer as cousas ben, primando a improvisación e falta de criterio.
Temos un goberno municipal ancorado no pasado e que gosta de desfiles militares e procesións. É temos unha oposición carente de iniciativa e que exerce unha oposición “doce e amábel” que lle ven moi ben ao Partido Popular para continuar sacando maiorías absolutas. Con este panorama en breve Marín será unha cidade dormitorio, se non o é xa.
Marín, 26 de xuño de 2024
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.