Vigo, o latexo subterráneo

Oriana Méndez Marea Vigo
Oriana Méndez
Concelleira da Marea de Vigo.

Álvaro Cunqueiro dixo aquilo de que Vigo foi fundada á beira dun verso de Martín Códax. Unha cidade fundada por un poeta que, ademais, deixou as súas creacións líricas vinculadas tamén á notación musical que conservamos. Dende que Martín Códax deixase para a historia as súas composicións medievais, son innumerables os creadores e as creadoras que desenvolveron e desenvolven as súas producións de xeito individual ou en colectivos e movementos artísticos, cun selo ou cunha sorte de marca de auga da ría.

O século XIX, coa súa potencia arquitectónica e, moi especialmente, o século XX vigués, que constituíu un auténtico estoupido de movementos artísticos, colocáronnos nunha situación de privilexio que se foi perdendo nunha pronunciada pendente descendente ao longo da última década. A cidade de Manoel Antonio, de Álvarez Blázquez ou de María do Carme Kruckenberg, perdeu a hexemonía cultural que a caracterizaba e xa se fala de colapso de Vigo como cidade de cultura contemporánea. Se imos ao pasado inmediato, temos perdas que xa foron tantas veces sinaladas publicamente como ignoradas dende o Goberno local de Caballero: o festival Are More de música clásica, a Fotobienal, o festival de jazz ImaxinaSons, o festival ALT de artes escénicas ou a despedida de Vigo do festival SinSal son mostras ben evidentes. Tamén os programas especialmente orientados a fomentar o talento da mocidade foron caendo: Súbete ao Castro ou a Casa da Xuventude. Con eles tamén desapareceron os locais de ensaio municipal para os grupos da cidade; o último, Vigosónico, coa escusa da pandemia. Cando vai volver abrir Vigosónico? Levamos preguntando por el dende hai máis dun ano. Tras o peche, o 14 de marzo de 2020, o Goberno local tardou oito meses en responder ás chamadas dos usuarios e usuarias que só pretendían entrar para recoller os seus instrumentos, que quedaran alí co peche súbito de marzo. As preguntas sobre o futuro de Vigosónico sucedéronse no Pleno do Concello de Vigo sen conseguir resposta ningunha, en ningún sentido. Custa entender este desprezo, esta falta do mínimo respecto, á veciñanza da cidade. Responderá agora o Goberno diante da organización que veñen de amosar os músicos e músicas que ensaiaban en Vigosónico esixindo a reapertura do espazo?
Tamén é Vigo, dende hai décadas, capital editorial. Hoxe atopamos o nome da nosa cidade nas categorías que organizan as temáticas das bibliotecas baixo a etiqueta “novela negra viguesa”. Mentres, o que non está en Vigo son, precisamente, as bibliotecas, grandes ausentes dos nosos barrios; un feito sinalado, sobre todo, pola veciñanza, como se viu coa manifestacións dos veciños e veciñas en Sanjurjo Badía pedindo a prometida biblioteca para Teis. O que se está negando, o que se está impedindo en Vigo cando o Goberno local insiste en rexeitar a creación dunha rede municipal de bibliotecas que dea resposta ás necesidades dos barrios e parroquias, é negar a máis democrática das institucións, como dixo Doris Lessing, Nobel de Literatura. Cando Vigo volve ser sinalada pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD) debido ao abandono que padecemos en termos de servizos bibliotecarios, o que se revela é que a cidade máis poboada do país é a que goza dunha peor situación bibliotecaria. Cando Abanca decide pechar algunhas das bibliotecas que estaban nos barrios dende a obra social de Caixanova e o Concello non negocia a cesión do espazo para aproveitar os espazos existentes e establecer neles bibliotecas públicas municipais, o que temos é negación de servizos públicos de calidade para os nosos barrios.
Levamos anos, lexislaturas incluso, denunciando que Vigo está nunha situación máis que alarmante. Dará o photocall de cartón-pedra agochado a existencia dunha nutrida comunidade cultural que latexa por dentro? De certo, sobreviviremos ao abandono e ao desprezo institucional porque a personalidade creativa, como a forza industriosa e libre de Vigo, cara e envés da mesma moeda que somos, non remata nunca. Dispostas a salvarnos nós mesmas. Seguimos.