1936: golpe militar e saqueo na provincia de Lugo

1936: golpe militar e saqueo na provincia de Lugo
O Incio. Busto do médico Manuel Díaz O Pequeniño
Dionísio Pereira - Historiador
Dionísio Pereira – Historiador
El fascismo no era una ideología, ni un sistema de pensamiento, ni una filosofía de la vida, ni una teoría económica. Los escritores han tratado en vano de desenterrar un programa económico excavando en las actividades fascistas y sus programas. No han hallado más que improvisaciones de día en día, porque el hecho brutal del fascismo era la conquista, el pillaje y el botín. (Herbert Southworth)

No noso artigo sobre a represión económica na provincia de Pontevedra (ver FONTES), centrado na pillaxe levada a cabo nos primeiros tempos da guerra civil baixo tutela das autoridades sublevadas, formulabamos a pregunta de se aquela ríspeta metodoloxía corrupta do saqueo organizado puido ser aplicada país adiante. Tomabamos como punto de referencia a xeira de estafas, extorsións, roubos e secuestros que as bisbarras de Tabeirós e Terra de Montes padeceron no primeiro semestre da contenda, baixo a trama argallada polo daquela xefe de provincial de Falange (FE), Manuel Castro Pena. A carón do xefe accidental da Guardia Civil de Pontevedra, o comandante Joaquín Velarde, Castro Pena tamén estivo implicado no incerto destino de 120.000 pesetas dun fondo de socorros, creado o 8 de outubro de 1936 por orde do gobernador militar de Pontevedra e depositado na sucursal pontevedresa do Banco de España. A orde en cuestión, tiña a finalidade de centralizar as subscricións patrióticas e rematar cos numerosos abusos e irregularidades que, con elas, se cometían por parte de cívicos e falanxistas, un obxectivo que os manexos de Castro Pena e Velarde permiten dubidar do seu efectivo cumprimento.

Partindo destes feitos, quixeramos insistir en que a extrema violencia coa que se levaron a cabo os latrocinios foi acompañada pola corrupción que, desde un primeiro intre, salferiu a membros relevantes da FE e de distintas milicias activas ate a súa unificación en abril de 1937. Daquela actuaron, pois, unha morea de tramas organizadas por boa parte do territorio galaico, cuxo “modus operandi” ía dende extorsionar á xente perseguida poñéndolle prezo á vida, a evitar ir á fronte de guerra, a zafar da cadea ou a non padecer humillacións sexuais, ate lucrativos negocios con obxectos requisados (radios, máquinas de escribir, gando ou, mesmo, armas confiscadas), apropiación de diñeiro recadado en multas abusivas ou subscricións patrióticas xestionadas con opacidade, roubo de mobles e obxectos dos edificios de sociedades e sindicatos antes de ser oficialmente incautados, ou mesmo casos de evasión a Portugal de ouro, xoias e diñeiro ingresados nas arcas falanxistas. Unhas tramas que non se poden entender á marxe dos “mecanismos de dominación” e represión postos en marcha tras o golpe, recrutándose neles “sus agentes, casi siempre imbricados en la propia estructura política configurada por los sublevados” (Prada, J.; 47; 2016). Un bo exemplo do devandito témolo no acontecido na provincia de Lugo; pero antes cabería engadir que nos estudos sobre a represión franquista na Galiza as referencias á corrupción practicada polos sublevados son, ate o momento, poucas e limitadas ás investigacións que María Jesús Souto e Ana Cabana realizaron a fins do século pasado e na segunda década do presente, respectivamente, co territorio lucense como referente. Pensamos, xa que logo, que esta ausencia ven sendo unha eiva notoria, tendo en conta que unha das características que definen ao fascismo (ou se se quixer, a ese fascismo peculiar, nacionalizado español, que resultou ser o franquismo), foi, precisamente, a corrupción intrínseca ao sistema.

Mario González Zaera

A FE lucense tivo unha convulsa historia de confrontacións internas que, andando febreiro de 1936, ocasionaron a separación orgánica da zona norte, con José Viador Traseira de secretario, da zona sur, cuxa secretaría encabezará inicialmente o industrial veciño de Sárria Mario González Zaera. Tras o golpe, este último asumirá a Jefatura Territorial de Galicia e ascenderá ao cargo de Consejero Nacional de FE; estamos a falar, pois, dun cadro moi relevante do falanxismo galego, partidario asemade do “heterodoxo” Manuel Hedilla. A traxectoria de Zaera tras o alzamento militar, foi descrita hai pouco por un conveciño: “O seu afán crematístico é notorio: detrae importantes cantidades de diñeiro da “Subscrición patriótica” e da Tesourería de FE, extorsiona (o anel de Romelle, multas en metálico a esquerdistas sarriaos, “venta” de vidas e liberdades de vermellos…),…O negocio do espolio e unha trama de corrupción, foi o hábitat destes señores da vida e da morte, artífices da represión e o terror a través das Escuadras Negras”. O anel de Romelle viña sendo unha xoia visigótica de grande valor que un veciño de Samos lle entregou a Zaera, como prezo a pagar pola vida dun seu fillo; pasado o tempo, o propio Zaera vendeuna ao Museo Arqueológico Nacional, onde está exhibida dende os anos 50.

Compoñentes das Escuadras Negras de Sarria e O Incio. 1936 – Arquivo Xosé Ramón Ermida

O falanxista sarriao foi detido e procesado primeiro en novembro de 1936 sen outra consecuencia que o abandono da xefatura Territorial (pero non do Consejo Nacional de FE) e, logo, en León avanzado xa o ano 1938, coa asañada loita de bandos dentro da FE como transfundo. Pero o que aquí nos interesa é que os sumarios abertos daquela, infórmanos polo miúdo das andainas de Zaera e dos seus cómplices de trama: o xefe comarcal de FE de Sarria Eduardo Requejo, o xefe de Milicias Javier Saco e o xefe de Milicias de Paradela Luís López. Unha malla que actuou por todo o Partido Xudicial de Sarria e algúns concellos limítrofes tal que Triacastela, Bóveda ou Cospeito, en íntimo vencello coas temibles “Escuadras Negras” de Sarria, O Incio, Paradela e O Courel: roubo de vehículos, espolio de pertenzas ás persoas asasinadas, atracos, violacións, saqueos de locais de sociedades, extorsións, secuestros, etc. foron prácticas recorrentes. Un dos episodios máis sanguentos, a captura, tortura e asasinato do médico do Incio, Manuel Díaz “O Pequeniño”, atribuído á “Escuadra Negra” de Eirexalba, tivo como brutal conclusión a amputación dun seu dedo para tirarlle o anel de ouro.

A corrupción de Zaera e os seus colegas é visible, por exemplo, na recadación para o Exército levada a cabo no outono de 1936 nas 52 parroquias de Sarria por Manuel Carrozas, un dos seus sicarios vinculado á “Escuadra Negra” que ameazou canto quixo. Naquela altura, a incerteza do destino dos fundos alentou unha nova Causa xudicial, a 1156/36, que fixou en 450.000 pts. a cantidade ingresada pola FE de Sarria entre xullo e novembro de 1936 e de difícil xustificación. Tamén chama a atención que o susodito Luís López circulaba, segundo informe do Servicio Nacional de Seguridad, por todo o territorio “nacional” cun salvoconduto expedido polo Estado Mayor do General Mola, dedicado á venda no seu propio beneficio de aparatos de radio, máquinas de escribir e outros produtos confiscados. Ao cabo, na Causa que lle incoaron en 1938, a Zaera atribúenlle a cantidade de 400.000 pts como produto das súas exaccións, estafas, fraudes e malversacións, que, ademais, tiveron lugar non só en Lugo, mais tamén en Vigo, Ourense e Coruña.

As tramas nos Ancares e no Courel

O montañoso leste da provincia de Lugo coñeceu a reciclaxe de vellas redes clientelares da Restauración, revestidas agora dun falanxismo que, por postizo, non deixou de ser igualmente depredador: estamos a falar no primeiro caso de Pascual Rosón e, no segundo, da Arsenio Rodríguez Peral, sempiternos caciques locais que controlaban os respectivos concellos dende os seus postos de secretarios. Ambos foron procesados tras diversas denuncias alentadas por rivalidades municipais e tamén provocadas polos seus excesos que afectaron, mesmo, a afervoados seguidores do novo réxime; primeiro Rosón en febreiro de 1937 e despois Rodríguez Peral en agosto do mesmo ano. E tamén en ambos casos o panorama que os sumarios deixaron ao descuberto, foi moi semellante: fraude a través da obrigatoria Subscripción Pro-Vestuario del Ejército, cuxa recadación total non se enviaba logo ao Goberno Civil; extorsións masivas simulando “paseos” en lugares solitarios ou ameazas de envío para a fronte, que desembocaban en desembolsos que ían das 100 ate as 1500 pts.; cobro de subornos cos que non poucos esquerdistas pretendían evitar a cadea; prestacións voluntarias abusivas; estafas a veciños obrigados a asinar papeis conforme debían importantes cantidades de diñeiro…O resultado foi, así mesmo, semellante canto ás penas irrelevantes que se lles impuxeron a ambos.

Antes de rematar, non debemos esquecer as andainas depredadoras do grande rival de Zaera na provincia de Lugo: José Viador, en 1937 xefe provincial de Milicias e, logo, inspector provincial de FE. Como sinala Xosé Ramón Ermida, no devalo da guerra civil e “valéndose do medo que infundía e da violencia coa que actuaba, fíxose cunha grande propiedade de 691,50 hectáreas de monte comunal na Fraga Vella, pertencente á veciñanza de Mondoñedo, Alfoz e Abadín. Ao tempo, empregou unha parte importante da mesma como man de obra gratuíta e chegou a desafiuzar unha familia que residía nas terras que viña de apropiarse”. Como é sabido, Viador, “un duro entre os duros”, foi axustizado pola guerrilla na primavera de 1940.

A corrupción como norma

Unha das testemuñas da defensa de Mario González Zaera durante o xuízo desenvolvido en 1938, o falanxista Francisco Bravo Martínez, membro do Consejo Nacional de FE e director naquela altura de La Voz de Galicia, declarou: “…en Galicia existía un barullo en la vida económica de Falange. En la Territorial de Galicia no había libros de ingresos ni de gastos”, afirmando a continuación que eran “….defectos bastante generalizados en los primeros tiempos de la insurrección”. Unhas chatas, engadimos, que favorecían todo tipo de prácticas corruptas e fraudulentas no ámbito galaico, tal e como aconteceu coa xestión económica da FE pontevedresa na época en que foi encabezada por Manuel Castro Pena, ou coa FE lucense incluído o período do racionamento (decretado o 14 de maio de 1939), no que a corrupción no reparto dos cupos e no abastecemento dos alimentos non foi a excepción, senón a norma, tal e como o recollen María Jesús Souto e Ana Cabana nos seus traballos.

FONTES

  • Causas 1/38 León, 216/37 Lugo, 578/37 Lugo, AIMN.
  • Cabana, A. La derrota de lo épico, Valencia: Publicaciones de la Universitat de Valencia, 2013.
  • Ermida Meilán, X. R. “Para nós o matar é unha honra. As Escuadras Negras de Falanxe” in AAVV “Os nomes do terror”, Santiago: SERMOS Galiza, 2017, pxs. 63-78
  • Id. “O que fixeron os militares nas comarcas do Courel, Lemos e Quiroga (I) e (II)”, Nós Diario, Coleccionable Os Nomes do Terror nºs 30 e 31, 23-24/12/2020.
  • Pereira, D. “1936: golpe militar e saqueo na provincia de Pontevedra”, A Nova Peneira, nº 10, Abril 2021.
  • Prada Rodríguez, J. Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo, Madrid: Biblioteca Nueva, 2016.
  • Souto Blanco, M. J. Los apoyos al régimen franquista en la provincia de Lugo (1936-1940). La corrupción y la lucha por el poder, Sada: Edicións do Castro, 1999.