Celso Milleiro
Marín foi un dos focos máis importante no movemento obreiro galego de finais do século XIX e primeiro terzo do século XX. Igual de interesante foi a historia protagonizada polas mulleres, así como o papel xogado polo anarquismo durante a II República Española, cando posuíu a súa maior agrupación na Galiza co Sindicato da Industria Pesqueira de Marín.
Menos coñecido foi o papel xogado polos traballadores do rural, en concreto no agrarismo. Pese a non ser un precursor na loita anti-foral na Galiza, no concello organizáronse agrupacións labregas en todas as parroquias.
Os antecedentes hai que procuralos na constitución de sociedades de socorro do gando vacún, baseadas na axuda mutua e autoxestión. A máis antiga naceu en 1873 organizada polos gandeiros de Cela (Bueu), Ardán e Piñeiro. Despois virían a de San Xián en 1888, Piñeiro en 1891 e O Campo en 1893.
Hai cen anos conviviron no termo municipal máis de media ducia de asociacións agrarias. A máis potente delas foi “A Liga de Agricultores de Marín”, con sede en Soaxe, e creada en 1915. En Ardán xurdiu en 1920 “A Unión de Agricultores e Obreiros”, no Campo a Sociedade “Rexurdimento” que naceu en 1923 e cambiaría de nome a finais da República polo de “Progreso”. Tamén en Mogor, Pardavila, Piñeiro e Lourizán (Pontevedra) crearían canda a súa sociedade labrega. A que máis perdurou no tempo foi a filosocialista Unión Campesiña de San Xián, nada en 1908.
Todas estas sociedades deron continuos bandazos ideolóxicos, pasando polo “control” do sindicalismo socialista para pasar despois á influencia do radical republicano Emiliano Iglesias e mesmo volver de novo á órbita socialista. Outros pasaron das mans caciquís, dereitista e monárquica a de súpeto ingresar na CNT. Algunhas pasaron por vicisitudes internar con continuas refundacións.
Da man do avogado marinense e agrarista Raimundo Vidal Pazos, estas sociedades fundaron a Federación Agraria Municipal que as afastaría da Federación Obreira (preto á UGT). Preocupadas polo benestar social do mundo rural, demandaron melloras das súas parroquias: fontes, camiños, puntos de luz, etc… Funcionando ao final como meras asociacións veciñais. A propia Federación Municipal foi o berce da fundación da Federación Agraria Comarcal do Morrazo.
O agrarismo marinense dotouse de medios para a investigación co obxectivo de mellorar a produción agrícola e gandeira. Interesante foi a iniciativa da Federación Municipal Agraria ao constituír en 1928 un Campo de Demostración Agrícola en San Brais (Aguete). Este plan foi aprobado por Gallástegui e tiña unha superficie de sete ferrados, dividido en catro zonas: horticultura, pradaría, millo e patacas.
Politicamente, os agrarismo tivo presencia no consistorio desde os anos vinte dada a importante afiliación que tiñan. O apoio á candidatura do bloque esquerdas nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 foi vital para vitoria republicana, sendo rotunda na terceira circunscrición que abranguía as parroquias de Piñeiro e Ardán.
Na historia do agrarismo marinense ficaron nomes como Antonio Ventura Blanco, José Benito Trabazo, José Alonso Fervenza, Antonio Naveira e José Rodríguez Proenza, entre outros.