Pequena historia familiar dun cartel de Castelao

Pequena historia familiar dun cartel de Castelao
Por Farruco Sesto Novás 

(Especial para A Nova Peneira)

Creo que tiña o título xeral de Meu Pontevedra. Era a mostra antolóxica sobre Castelao que puiden visitar en 2016 en compañía de César Portela, nas instalacións do Museo de Pontevedra, á beira do Lérez. No percorrido polas distintas salas, puidemos darnos conta e disfrutar da calidade extraordinaria daquela exposición. Pode dicirse que toda a obra do noso gran Castelao podíase ver alí. Desde os debuxos do álbum NóS, que estiveran perdidos durante décadas e recuperados por fin, pasando polos debuxos dos negros en Nova York, ata os tres álbums de Atila en Galicia, Milicianos e Galicia Mártir, editados durante a Guerra Civil.

Libros, fotografías, Óleos, Carteis, unha mostra moi significativa de Castelao, realmente, para quen quixese coñecer a súa obra e gozala a plenitude. Pero faltaba algo que eu coñecía. Nunha vitrina estaba unha pequena fotografía de 9 x 12 cms, que era a imaxe dun cartel que estaba colgado nas paredes da miña casa en Caracas e que, polo visto, era o único exemplar coñecido. Polo cal non podía estar presente nesa exposición. Agora cóntolles os pormenores que levan a esa fotografía e as consecuencias posteriores. 

O cartel en cuestión representa unha figura feminina con dous pares de ollos, cada un encima do outro, e unha man que se alza para dicir: Alto! Lede todos GALICIA, diario de Vigo. O xornal máis popular e mellor informado. Grandes reformas.Como queira que ese diario de orientación galeguista, publicouse entre 1922 e 1926, temos alí un dato sobre a data do cartel.

Algunha vez, estudando algún dos libros de Castelao, non sei se o Diario de 1921, vin o apuntamento que el fixo dunha estampa rusa que lle chamaba a atención, e que representa ese mesmo fenómeno da dobre mirada. É evidente que cando Castelao debuxou o seu cartel, fíxoo con aquela imaxe na mente, supoño que como unha homenaxe en clave persoal, como tan frecuentemente ocorre na historia da arte.

O feito é que cando en 1962 a miña nai desmontou o fogar que tiñamos en Vigo e trasladou algunhas das pertenzas máis queridas a Caracas, onde estabamos a emigrar, para refundarlo alí, levou con ela tamén varios cadros, papeis e debuxos entre os cales estaba ese cartel dobrado en catro e gardado nun cartafol. 

Cando en 1969 casei, pedinlle ese cartel aos meus pais para enmarcalo e telo nas paredes da miña nova casa.

Foi alí onde o viu Valentín Paz Andrade, nalgún momento dos anos setenta cando viaxou a Caracas. Hai que dicir que el fora, xustamente, o director daquel diario Galicia que Castelao convida a ler no seu debuxo. Tempo despois, en 1977, con motivo do seu lanzamento como candidato a senador por Pontevedra para as Cortes Constituíntes, pediunos unhas fotografías do cartel para adaptalo e reutilizalo na súa campaña electoral. E así o fixo. Por alí debo ter algunha imaxe desa variante, aínda que non puiden atopala. Seguramente ese é a orixe da pequena fotografía que eu vin no recuncho dunha vitrina no percorrido pola exposición de Pontevedra.

Máis tarde descubrín tamén que aquela imaxe entón fotografada apareceu nun libro sobre a historia do cartel galego que, se non me equivoco, é O Cartelismo de Galicia, desde as suas orixes ata 1936, de María Luisa Sobrino Manzanares, un bo libro que gardo na miña casa, alá en Caracas. 

O caso é que, sensibilizado pola visita realizada á exposición sobre Castelao, tiven claro enseguida que debería doar ese pequeno tesouro familiar ao Museo de Pontevedra. 

De tal maneira que, para pechar o ciclo, foi o mesmo César Portela quen fai tres ou catro anos acompañoume a efectuar a doazón formal dese cartel que agora repousa nos arquivos do museo. Ata que algún día podamos velo e gozalo nunha nova mostra.