Letras

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

Hai uns días lía que nos estabamos barcelonizando na Nosa Terra. Viña isto a conto do Día do Libro, tan importante na Cidade Condal e en toda Catalunya. A verdade é que son moitas as librarías que me confirman que isto é así, que o Día do Libro está pasando a ser un bo día de ventas.

Evidentemente isto non sucede grazas á intervención de ningunha administración, simplemente é o eco de que o Sant Jordi sexa tan importante e de que os medios de comunicación lle dean a relevancia que merece.

Na II Guerra Mundial as estritas restricións de capital que había en Islandia facían moi difícil importar agasallos, cousa que sucedía non co papel.Aí naceu o costume de agasallar libros nas festas de Nadal e que se coñece como Jólabókaflód (inundación de libros polo Nadal)

Na actualidade a Asociación de Editores de Islandia distribúe gratuitamente cada novembro o BóKatídindi, un boletín coas novidades editoriais do momento. O pobo islandés agasalla libros en papel, non libros electrónicos, e culminan a tradición pasando a Noiteboa e o día de Nadal lendo, na casa, cos seus seres queridos.

Claro que Islandia é un pobo culto que non rescata bancos e sobrevive sen politíc@s e nós…

A verdade é que xa me gustaría que na Nosa Terra arraigaran estes costumes. Mais isto non é cuestión de sentarse e agardar senón que hai que plantar a semente, coidala día a día e, mirar como vai medrando e procurar que non se nos veña abaixo nun descoido.

Pero resulta que ese non é o camiño que escollemos na Galiza: O luns dezasete foi o día das Letras Galegas e, unha vez máis, pasou polas nosas vidas sen pena nin gloria (salvo contadas excepcións). O feito de que siga sendo unha xornada festiva xoga claramente en contra da importancia que debería ter. Este ano moita xente aproveitou para ir a Vila Nova de Cerveira porque alí teñen unha randeeira cunhas marabillosas vistas.

Paréceme moi ben que cada un faga o que queira co seu tempo libre, o que quero dicir é que as nosas LETRAS merecen un mellor trato, e por iso a Xunta de Galicia debe tomar a decisión de variar o rumbo, se é que quere defender a nosa Cultura e non simulalo simplemente. Claro que para iso as vindeiras Galas de entrega dos Premios Follas Novas do Libro Galego deberían ser retransmitidos en directo pola canle pública. E os libros de texto deberían ser vendidos en librerías (os de papel e os dixitais) en non saltándose a canle de distribución

Pódese facer! Este ano o Concello de Bueu distribúe un cartel con seis ocos para encher coas distintas pezas dun quebracabezas que hai nas cinco librarías do Concello e na Rede Municipal de Bibliotecas. A persoa que o faga ten dereito a trocar o xustificante de telo completado por un libro de Xela Arias en calquera das librerías participantes. Estes libros son mercados polo Concello nas librarías do pobo, invertindo os cartos no pobo e repartindo Cultura. Mercarllos ás editoriais acabaría empobrecendo a toda a poboación. Por iso, non me pidades que lle chame bo xestor ao con-sentidiño.