IX edición da Feira da tapa de Cangas

Feira da Tapa de Cangas do Morrazo. A Nova Peneira Cangas
En breve, a Vila de Cangas vivirá a IX edición da Feira da tapa. Este evento, plenamente consolidado é xa un dos imprescindibles do verán do Morrazo e supón unha inmellorable ocasión para perderse polas máxicas rúas, camiños e corredoiras da vila Canguesa. A nova Peneira conversou con Gustavo,o presidente de ARECA(Asociación de restauradores de Cangas)que xunto co Concello son os responsables da existencia desta feira.
Gustavo Soliño Presidente de ARECA

Pronto teremos unha nova edición da feira da tapa?

Si do 20 ao 30 de xuño.

Como se presenta esta edición?

Eu creo que ben ,como todos os anos este xa é un evento consolidado no verán do noso pobo e as perspectivas son moi positivas.

Non sempre a organizou ARECA verdade?

Non, inicialmente foi unha empresa privada e a partir do V ano comezamos nós.

Vós que a organizades en colaboración co concello ?

Si, realmente o evento pertence o Concello e nós somos colaboradores na organización.

Ben, cóntanos en que consiste esta feira?

A Feira da tapa desenrólase entre o 20 e o 30 de xuño, os locais participantes poden elaborar dúas especialidades, dependendo da tipoloxía do local; ou ben unha tapa ou ben unha elaboración especial. Os restaurantes ou taperías céntranse nas tapas, mentres que as xeaderías, coctelerías ou locais semellantes céntranse na elaboración especial. A tapa cóbrase a 2€ e a elaboración especial a 3.Hai locais que participan nas dúas modalidades do concurso.

E despois, os clientes votan as súas preferidas?

De feito hai dous tipos de votacións, o concurso que deciden un xurado de profesionais e o concurso cuxo resultado deriva da votación popular das mellores tapas dos clientes que as proben. De cada 3 tapas que proben votan a mellor desas 3.

Para os votantes afortunados cales son os premios?

Distintos lotes gastronómicos de gran calidade e tamén unha fin de semana nunha casa rural.

Quen son os xuíces que toman a decisión sobre as tapas gañadoras?

Soen ser cociñeiros de prestixio na provincia, o ano pasado estivo por exemplo Rubén González do cafetín, ou Miguel Outeiral do NH de Vigo. Tamén soen vir profesores da escola de hostalería ou bloggers gastronómicos.

O ano pasado, o teu local, o PAN DE MILLO de Coiro, foi un dos gañadores non?

Pois si.

Non habería un pouco de trato de favor ao presidente de ARECA?

Ha ha ha ha non claro que non, sabes que isto é todo transparente facendo públicas todas as puntuacións.

Xa home, é unha broma eu xa sei que no Pan de Millo sodes uns magníficos profesionais e cómese xenial, supoño que a vitoria faríache sentir moi orgulloso?

Si claro, desde logo que si, de feito non é a primeira vez que gañamos, xa o fixemos varias veces.

Que cantidade de locais prevedes que participen este ano?

Calculo que arredor de 40, máis ou menos como todos os anos.

Rematamos Gustavo cunha última cuestión, como se porta con vós o concello?

Ben, sempre poderían portarse mellor, pero en liñas xerais teñen un trato correcto con nós, especialmente no tema loxístico ao facilitarmos espazos e medios.