Lucía Santos candidata do BNG á alcaldía de Marín

MERECEMOS CALIDADE DE VIDA

O BNG desenvolverá un modelo de concello para as persoas, cuns espazos públicos amables e cómodos, cuns servizos públicos de calidade e cunha importante oferta de lecer e actividades que permitan o maior benestar da veciñanza e a satisfacción das súas necesidades.

MERECEMOS UN MARÍN DINÁMICO

O BNG impulsará e dinamizará a economía local e a creación de emprego con propostas destinadas a favorecer a actividade das empresas e unha aposta decidida polo comercio local, así como fomentará a actividade social e cultural para facer de Marín un concello vivo.

MERECEMOS CONSERVAR O NOSO PATRIMONIO:

O BNG potenciará a posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, símbolo da nosa identidade e creador de oportunidades. O BNG aproveitará o noso rico patrimonio para promover un turismo sustentable e de calidade ao longo de todo o ano.

MERECEMOS UNHA VILA ABERTA AO MAR

O BNG impulsará propostas dirixidas a abrir Marín ao mar, mediante a negociación e a colaboración co Ministerio de Defensa e a Autoridade Portuaria. Marín non pode vivir de costas ao mar, polo que conectar o centro urbano co litoral será un obxectivo preferente.

MERECEMOS APOSTAR POLA MOCIDADE

O BNG situará á mocidade como colectivo prioritario da súa política, pois a nosa xuventude é o presente e o futuro do noso concello. Promover medidas para que a mocidade poida vivir en Marín será un dos piares fundamentais do BNG.