Españoles! Sánchez Dragó… Ha muerto!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Ao servizo estaba a Raíña Sofía, número 4 da ATP, A por asociación e a P de profesional. Non cheguei a ter claro de onde saía a T, pero mirando o ranking podería ser trilero, tarambaina, turuleco, titanífero (que contén titanio) truán ou tahúr. Para facervos participes, interactivo que queda moi tecnolóxico, fagan coma nun buffet, sírvanse vostedes mesmos e escollan unha palabra, pero unha soa, que a xente nos buffets adoita esquecerse da báscula.

A cuestión é que, cada vez que dona Sofía sacaba, a cámara enfocaba a outro lado e era imposible observar como puña a pelota en xogo. O obxectivo centrábase no marcador da velocidade que collía a bola tralo golpeo coa raqueta. Logo si, xa en aberto, podíase ver o resto do peloteo. Preguntábame o porque da censura e trataba de explicarlles, no salón da casa, a miña tía e curmáns, que o que estaba a acontecer era o colmo da censura mediática. Estes xiráronse cara min e ríndose dixeron:

-Cala un pouco flipao, conspiranoico, chalado…

– Xa! E tamén é unha conspiranoia que, cando xogan Bilbao e Barça a final da copa de Su Majestad, poñen publicidade para non escoitar os asubíos ao Rei ou aumentan o volume do himno para que non se escoiten os pitidos-contesteilles.

Dona Sofía xogaba a semifinal contra Beatriz de Orleáns. Na final esperaba Fabiola de Bélxica, que morrera había uns anos pero que nunca se perdía o Open de Australia xa que a terra batida dábaselle moi ben. Agora, me diredes que o campionato de Australia non se xoga en terra batida. Certo, pero son as inexactitudes dos soños, inexactitudes que as veces impiden que o soño avance e que se quede como en pause. Son tan só segundos, tempo suficiente no que comeza un soño dentro de ese soño para aclarar ese cambio de color de pista. De repente, nese pequeno intervalo prodúcese unha fase Rem e por alí aparece alguén que intenta esclarecer a que se debe o cambio de azul a vermella. Ese alguén asegura que Fabiola é filla bastarda, que polas súas veas corría sangue vermella, cor coa que tinguiu a terra onde foi sepultada e na cal decidira especializarse deportivamente para reivindicar o dereito que temos os súbditos a converternos en reis. A mala sorte foi que o partido continuou xogándose no soño principal mentres, o que xa se convertera nun soño secundario, seguiu o seu curso por camiños angustiosos que me provocaban sofocos pola falta de noticias da disputada semifinal, de cuxo sorprendente desenlace non tiven noticias.

Pero a vantaxe que teñen as mentes tan ben amobladas como a miña é que somos capaces de soñar en estéreo e por iso souben que acabaran empatadas, resultado nunca visto antes en tenis polo avultado do marcador.

Outra das cousas que me pareceron estrañas era porque Fabiola xogaba coa selección belga sendo española.

Pouco despois, xa en estado de vixilia penso:

-Que anormal pode soñar gilipolleces deste calibre?

O bo que teñen os soños é a cantidade inxente de material que che aportan para escribir calquera trangallada e cando alguén che pregunta cal é a túa afección contestas:

-Escribo libros, era o que me faltaba porque foder fodín como se non houbera mañá, así que por probabilidades, algún fillo bravo hei de ter nalgún dos continentes que visitei, e plantar piñeiros fágoo de forma regular tódolos días logo do almorzo. Uf, creo que ler tanto prexudica seriamente á saúde! Convertinme nun pobre cretino!