Desta volta hanme permitir que lles fale do meu amigo Foz, chamado así por ser nativo dese lugar na Mariña de Lugo. Coñecino hai moitos anos e sentía por ela unha especial veneración por ser xustamente como era. Nin máis nin menos.
Luís Gonçales Blasco, meu amigo Foz, era da rolada do 41 e militante activo de base no compromiso por Galiza. Pasou a vida -nos derradeiros tempos- poñendo en claro moitos aspectos escuros desta historia que cada quen contou como lle veu en gana e que aínda segue a ser sospeitosa de estar non ben contada.
Foi profesor de Lingua e Literatura, sabía moi ben -por praxis da docencia, que esixe da experiencia- onde se movía el e onde estaban os terreos empantanados da nosa recente historia. Sabía moi ben o enlamado dos camiños nos que se trazaban as liñas decisivas dun nacionalismo que medraba entre fisuras moi sensibles e precisas. Na década dos 60 contacta co grupo Brais Pinto en Madrid, aquel niño de tantas ilusións entre tantas dificultades. Foi así como cos anos convértese nun dos fundadores membros da UPG. No 68 andaba clandestino e exíliase en París e chega a traballar na Editorial “Ruedo Ibérico”, aqueles libros que chegados de lonxe tantos ollos abriron a pesar da férrea censura. Foi alá onde se licencia en Lingüística Xeral. Regresa á Casa alá polos anos 77, movéndose nos territorios do independentismo. Coa súa incesante actividade participa na creación do Partido Galego do Proletariado, de Galiza Ceive, da Primeira Fronte Popular Galega, da Assembleia do Povo Unido, … Era incansablemente activo, non paraba. Preocupáballe moito ese presentido fracaso das ideas. Non lle cabía na cabeza, tampouco a min, e sei que a moitos máis, que estivera toda a xente tan dispersa e metida en loitas estériles de “mamonadas” cando nos principios básicos estabamos ferreamente de acordo. Era, todo hai que dicilo, un gran conciliador de vontades, unha persoa aberta a calquera suxestión, a calquera cambio consensuado e firme na vontade fundamental da honra na orixe e coa sabedoría da forza en común, que é moita máis forza. Nunha das últimas etapas foi membro da Coordinadora Nacional de Cerna.
Loitador con causa, evidentemente, e desde abaixo seguía sen descanso na mesma brecha das batallas. Nadou contra corrente sempre pero con moral de vitoria. Era así de decente. Foi membro da AGAL e da Academia Galega de Lingua Portuguesa. Publicou traballos e libro de lingua, literatura e historia política en Agália e noutras revistas. É autor dun libro fundamental para o entendemento e cosmovisión de Galiza con aquela enorme base de datos na que volve dicir “A semente da nación soñada”, como homenaxe a Ferrín (2008) e “A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986)” que sacou no 2012. Tamén de “A UPG em Portugal e alguma coisa mais (no 2022). Saíu en defensa, con artigos e libros, de Celso Emilio Ferreiro cando recibía este ataques sibilinos por parte de moita xente que non chegara nin a coñecelo, pero que aproveitaba os vaivéns para sinalalo con descaro. Así escribiu “Anotaçons a propósito da UPG e do papel de C.E. Ferreiro e outros” e “Vida e obra de Emilio Ferreiro Míguez” e “Celso Emilio Ferreiro, nacionalista Galego” (Xerais, 2023). Volve por Celso Emilio, no medio de tanto silencio, quen na súa obra deixa documentación fidedigna e ben clara do seu pensamento nacionalista, sobre todo tendo en conta o contexto histórico, social e literario da súa biografía. Eu tamén o vin en Madrid, termando da vida sen que ninguén acordase del e onde o abandono viña dos nosos. Tema co que eu tamén falei co Manuel María, nesa distancia curta dos afectos e da confianza, e tamén el confirmaba aquel erro e que a vinculación coas Mocidades Galeguistas e a reacción posterior coa expulsión de UPG tiña moito por mor desas fisuras tan sensibles que certamente acontecen e son tan molestas, sobre todo cando hai tantas frontes nas que loitar e procurar avances, a pesar do caos.
Eu sinto moito a súa viaxe aos eidos da nostalxia, este 18 de agosto. Debía estar enfermo cando nas derradeiras convocatorias do “Tres Manueis” non aparecía ou viña tan só un momentiño. Asistía a aqueles sitios onde eramos poucos a defendernos da corrosión e o esquecemento, nas memorias agradecidas de heroes da nosa historia non contada, na memoria de Antón Moreda, na celebración dos roteiros da memoria por terras marcadas en pedra para que alguén pare a reflexionar no pasado e ir abrindo horizontes de porvir. Sempre tiven, como dixen, por el unha veneración especial por sabelo tan enteiro, a pesares dos pesares; por velo sempre tan limpo, a pesar de tanta merda que lle botaron; por velo tan íntegro, a pesar do “sinalamento” de tantos que estaban emporcallados no beneficio propio. Por ser tan cabal no medio das tantas miserias, por ser como foi. En fin, Foz tivo un comportamento excelente e foi un amigo enteiro e fiel, comprometido coa verdade, anque nos pese. Gardarei memoria e honra por telo coñecido e participar con el en moitas andainas, memoria agradecida por saber conducirme neste camiño de tantas incógnitas e será parte do meu ronsel de lembranzas.


