Tomiño amplía e mellora a rede de saneamento público no barrio de Vilachán

Concello de Tomiño A Nova Peneira

A obra, incluída no Plan Concellos 2022 e que dará servizo a 24 vivendas, levarase a cabo cun investimento de 190.000 euros

Tomiño, 8 de abril de 2022.

A Concellaría de Servizos Públicos do Concello de Tomiño emprenderá en breve obras de ampliación e mellora da rede municipal de saneamento (fase 2) no barrio de Vilachán (parroquia de Santa Mª de Tomiño).

O custe total das obras, incluídas no Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, ascende a 187.004,32 euros.

Como explica o concelleiro da área, Lois Vázquez, a intervención consistirá concretamente, na colocación dun colector de 1.100 metros de lonxitude, que pasará polos lugares de O Torneiro, A Rotea e O Xibao, dando servizo a 24 vivendas.

Deses 1.100 metros de tubaxe, 240 son de renovación do colector existente, por fallos no funcionamento. Ademais, renovaranse 8 acometidas (conexión do colector principal cas vivendas).

O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que o Concello vai acometendo novas obras de saneamento en distintos barrios do termo municipal(Vilachán, O Torneiro, A Rotea, O Xibao, etc.) que se levan a cabo en varias fases.

“Na actualidade, máis dun 60% do total de unidades familiares existentes en Tomiño, gozan deste importante servizo e está previsto seguir ampliándoo progresivamente”, comenta.