A piques dunhas apaixonantes eleccións municipais analizamos a situación política dos 5 concellos da nosa comarca, e os posibles resultados das vindeiras eleccións. Velaí vai
O Rosal
Resultados 2019
Alcaldesa : Ánxela Fernández BNG
- BNG 7
- PP 5
- PSdeG 1
Previsión 2023
O BNG non debera ter ningún problema para conservar esta alcaldía, incluso mellorando os resultados que lle deron a histórica maioría absoluta no ano 2019.O proxecto de reforma substancial do seu concello, cuxa xoia da coroa é a remodelación da praza do Calvario, unido á política de universalizar a cultura e a súa accesibilidade e sensibilidade vai facer, creo eu, que Ánxela Fernández obteña un apoio maioritario nas vindeiras eleccións municipais. Asemade neste concello a oposición neste mandato nin estivo, nin está nin se lle espera.
Oia
Resultados 2019
Alcaldesa: Cristina Correa PP
- PP 6
- PSdeG 4
- BNG 1
Previsión 2023
A popular Cristina Correa vai conservar esta alcaldía case con certeza. E non é que non tivera conflitos nin polémicas nestes catro anos : A situación da sanidade, os intentos do seu partido de chantar inmensos parques eólicos na serra da Groba…Porén os moitos anos nos que o PP creou neste concello estruturas clientelares, previas a Cristina Correa, dificultan en gran medida a creación de alternativas sólidas. Presúmese unha importante suba do nacionalismo despois do grande traballo do seu concelleiro Xosé Antón Rodríguez “ Xuster”.
Tomiño
Resultados 2019
Alcaldesa:Sandra González BNG
- BNG 11
- PP 4
- PSOE 2
Previsión 2023
Pouco despois de que Ana Pontón accedera , no ano 2016, á súa actual responsabilidade no BNG concedía unha entrevista a este medio de comunicación na que manifestaba que Sandra González, alcaldesa de Tomiño, era unha das súas referentes políticas. E esa forma de entender a realidade é compartida pola inmensa maioría sa sociedade tomiñesa. Sandra é unha política brillante, con ela e co BNG Tomiño é inmensamente mellor do que era antes, e vai seguir sendo a alcaldesa de Tomiño mentres ela queira.
Tui
Resultados 2019
Alcalde: Enrique Cabaleiro PSdeG
- PSdeG 8
- PP 3
- CS 2
- BNG 2
- C21 1
- En Marea 1
Previsión 2023
Tui é unha cidade cunha complexísima aritmética municipal malia que xa se vai aclarando un pouco a cousa porque se a composición da corporación do 2019 resulta complicada, a do 2015 era un auténtico xeroglífico para expertos en exiptoloxía. Lembremos que naquel mandato chegou a haber ata 8 organizacións políticas con representación municipal nun concello que só ten 17 actas. O resultado de Tui non é tan fácil de prognosticar como os 3 anteriores. Presúmese un desgaste de certa relevancia do grupo de goberno, unha suba igualmente relevante do PP que imaxino recollerá como mínimo os dous concelleiros que están baixo as siglas do defunto C,S. E unha suba tamén do BNG liderado pola médica Carme Núñez que imaxino levará a acta de En Marea, Lano Alonso xa non se vai presentar, e pode ser que lle quite algo ao PSdeG pola súa esquerda. En calquera caso imos apostar porque Enrique Cabaleiro vai conservar a alcaldía. Si, o bloque da dereita vai subir e o da esquerda, lastrado polo máis que presumible descenso do PSdeG, vai baixar. Pero non cremos que lle dea á dereita tudense para sumar 9 asentos e converter a Nico Montes, o novo candidato popular, en alcalde de Tui
A Guarda
Resultados 2019
Alcalde: Antonio Lomba PSdeG
- PP 6
- PSdeG 5
- BNG 5
- CG 1
Previsión 2023
A Guarda é outra vila na que , como Tui, non resulta doado prognosticar quen vai ocupar a alcaldía despois dos comicios de maio. A dificultade está, ao meu xuízo, en dilucidar que vai ter máis votos entre as dúas forzas que constituíron o bipartito inicial do 2019 , que como é sabido non resultou a acabou por romper, o PSdeG ou o BNG?.Naquel momento só 84 votos separaron a ambas forzas ,que foi os que fixeron que o socialista Antonio Lomba puidese conservar a alcaldía. É probable que o PP sexa o partido máis votado na localidade pero parece case imposible que poida acadar unha maioría suficiente para gobernar. O perfil do seu candidato, Roberto Carrero, dá para o que dá, para obter os votos dos segmentos da dereita tradicional. Pero carece de capacidade política para penetrar en ningún outro segmento de poboación.
E, malia que non resulta fácil, como nos casos anteriores ímonos mollar para dicir que o desgaste inequívoco que sofre o PSdeG en xeral e Antonio Lomba en particular parece entrever que van ser superados desta volta polo BNG e o nacionalista Anxo Baz semella que se converterá no vindeiro alcalde da localidade.