Especial : “A parroquia de Chapela”

Especial :” A parroquia de Chapela”

Chapela é unha parroquia de Redondela que posúe unha identidade propia moi marcada. De feito non creo que exista un só veciño nin unha soa veciña de Chapela que ante a pregunta de; de onde es natural? respondese que de Redondela. Todos responderían, sen ningún lugar a dúbidas que eles son naturais de Chapela. Un de Redondela é un choqueiro e un de Chapela é un bereteiro. A parroquia representa arredor de 1/3 da cantidade total dos habitantes do Concello de Redondela. E é unha parroquia que ten as súas propias necesidades , problemas e singularidades. A continuación ofrecémoslle dous traballos con catro persoas que naceron en Chapela, viviron toda a súa vida en Chapela aman a Chapela coñecen cada curruncho de Chapela e sofren con ela. Neste primeiro texto conversamos con:

Cándido Villar, Gonzalo Balo e Antón Cabaleiro

Cándido é un dos fundadores do club de remo e tivo unha enorme relación co tecido asociativo. El é de perfil combativo e solidario leva toda a súa vida na loita veciñal a prol do ben común. Gonzalo tivo unha participación fundamental no tecido asociativo pois foi presidente da asociación de veciños e veciñas. Iniciou a súa actividade na anpa do colexio de Angorén e participou na creación da federación de anpas de Redondela. En 1984 entrou na asociación de veciños sendo da súa directiva ata o 2.002, participou activamente nas loitas polo seu centro de saúde. E por último, Cabaleiro, tamén tivo unha relación co deporte, en concreto co balonmán e o fútbol, pero é unha figura sobranceira no mundo da música, foi compoñente do grupo local de danza : “Frores mareliñas”, estivo na Roda e el é un dos cantantes do grupo Treixadura , un dos máis significativos do panorama musical galego. Tamén tivo actividade política pois foi durante unha temporada concelleiro do PSOE que daquela lideraba Eduardo Reguera

A mesma pregunta para os 3.Comezamos por Cándido. A un de Chapela pódeselle dicir que é de Redondela?

Non abofé que non. Malia que as relación son moi intensas, de feito hai moitos matrimonios entre persoas de Redondela e Chapela, a nosa identidade está moi marcada. Eu son de Chapela.

E ti Antón de onde es?

Eu son de Chapela.

Tócache a ti Gonzalo?

Ben, eu nacín en Vila de Cruces pero levo aquí 47 ano e tamén son de Chapela claro. Pero ese dilema no seu momento tivo moita polémica incluso houbo xente que apostaba por escindirnos de Redondela, agora está bastante máis tranquilo creo eu. Chapela pertence administrativamente a Redondela pero na realidade ten máis relacións con Vigo.

Se mañá houbese un referendo de autodeterminación na parroquia con tres opcións de voto: -continuar en Redondela-integrarse en Vigo –constituírse en concello independente, vós que credes que gañaría?

Eu creo que gañaría a independencia -responde Cándido- sen embargo eu teño moitas dúbidas-afirma Gonzalo- sen dúbida o ser un concello independente tería moitos votos pero eu creo que entre as tres opcións que formulas estaría a cousa moi igualada. Eu discrepo –di Antón-penso que a ampla maioría apostaría por deixar todo como está que por outra parte entendo como o máis razoable

Chapela ten dous equipos deportivos de enorme importancia que contribúen a vertebrala socioloxicamente: o club de remo e o equipo de balonmán. Neste último caso quixera que valorades a figura de Soto?

Ben, Soto é unha persoa de extraordinaria importancia para a historia do balonmán Chapela e o equipo non podería entenderse sen o seu traballo brillante e a súa xenerosidade. Sería estupendo que puideramos volver á división de honra pero nós valoramos máis que ofreza á mocidade de Chapela unha oportunidade marabillosa para o lecer e a práctica do deporte. Nese sentido coincidimos contigo en que tanto o equipo de balonmán como o club de remo son dúas institucións esenciais para a vida de Chapela.

Cales son os problemas máis significativos que ten a parroquia de Chapela?

Neste caso os 3 convidados coinciden en afirmar que son os seguintes:

O inmenso volume de transporte pesado existente, para atender as necesidades das empresas que se atopan na baixada a Pescanova, pois o caos e a desorganización deste tipo de tráfico son notables. Seica os problemas que causa, mesmo de fendas nas casas, son moi importantes. De feito na nosa conversa de pouco menos dunha hora de duración foron varios os camións enormes que se animaron a acompañarnos. Son máis de 100 os camións que pasan cada día martirizando a vida dos veciños e veciñas que os soportan día si e día tamén

A situación da autoestrada é gravísima, no que atinxe aos ruídos, para os veciños que viven ao seu carón e que non dá solucionado o tema da peaxe, pois a gratuidade actual só se daría obrigándonos a adquirir nun banco un dispositivo electrónico de tele peaxe. O que é unha flagrante inxustiza e un agravio comparativo, de difícil explicación, con outras zonas que non o precisan

O urbanismo caótico e salvaxe .Houbo catro intentos de quitar un plano urbano pero non se deu sacado adiante porque intereses varios o impediron

A destrución da natureza mariñeira que historicamente sempre tivo Chapela

A escaseza de espazos de socialización

Como está a situación do centro de Saúde de Chapela?

Houbo un momento que funcionou moi ben,-manifesta Cándido- pero agora empeorou notablemente.

E vós que opinades?

Estamos de acordo con Cándido, o servizo empeorou notablemente. E é unha mágoa pois o noso centro de saúde, xunto co de Cambre na Coruña foi o primeiro que se montou en Galicia. En Chapela nos anos 70 do século pasado( cando naceu o centro de saúde) había epidemias endémicas de Tifo e o traballo que fixeron os profesionais do noso centro de saúde ao longo da súa historia foi soberbio. Agora o funcionamento do centro de saúde non só empeorou en Chapela senón en toda Galicia-di Gonzalo-pois responde a unha estratexia premeditada para deteriorar a sanidade publica e facilitar os beneficios das empresas privadas de saúde.

Agora-afirma Cabaleiro-é practicamente imposible conseguir unha cita presencial.

Aucosa está xa fóra de Chapela, pero os cheiros fedorentos que desprende afectan á veciñanza da parroquia?

E tanto que si-neste caso claman o mesmo os tres convidados ao unísono-É algo realmente noxento. Eles din que gardan todas as obrigas ambientais pero nós non damos crédito pois ás veces o cheiro chega a ser verdadeiramente insoportable.

Rematamos con dúas preguntas que tedes que contestar de maneira individual

Redondela trata a Chapela de maneira xusta, ou non?

Notas algunha diferencia no trato a Chapela entre a administración de Javier Bas e a de Digna Rivas?

Antón Cabaleiro

Eu creo que non hai vontade discriminatoria, pero o certo é que se podían facer moitas máis cousas. Por exemplo é imprescindible mellorar as beirarrúas existentes

Ben, son administracións diferentes. Eu creo que Digna está pondo todo o seu empeño en face as cousas o mellor posible

Gonzalo

Desde a óptica de veciño de Chapela digo claramente que Chapela merece máis e mellor, pero sendo solidario entendo que todas as parroquias de Redondela teñen problemas e necesidades, os recursos son os que son e hai que tratar de xestionalos con equidade

Ben a min resúltame difícil responder a iso pois hai tempo que non teño trato directo coas administracións. O que vexo ,en todos por igual, é que parece que importa máis o interese do partido có do veciño

Cándido

Pois eu si penso, e o digo con claridade, que Redondela trata a Chapela de maneira inxusta e que a nosa parroquia está claramente discriminada. Para min as distintas administracións de Redondela só se preocupan de pór bonita a zona da praia, pero os camiños interiores están totalmente abandonados.

No que respecta ao tema político eu o que notei é que coa administración de Digna Rivas mellorou moitísimo a xestión cultural.

Pois vaia, que mágoa que Daniel Boullosa o concelleiro de cultura, marche non?

A ver que pasa no futuro, pero a min paréceme que a súa xestión foi brillante.