
2 setembro do 2021 ( BNG-Salceda )
A novas valoracións catastrais e as liquidacións do Imposto de Bens Inmobles (IBI) leva a que a cidadanía salcedense esté sometida neste ano 2021 a incrementos que superan o 200 e o 300 %, nos recibos da contribución ao cobro. A situación, que ven dada por unha revisión catastral totalmente cuestionable, está a producir unha grande inquietude entre a poboación, dadas as graves consecuencias para as economías familiares.
É de salientar que o proceso de revisión, que se xestou desde o ano 2020 co silencio cómplice do Concello, non se atén ao procedemento previsto nas Normas urbanísticas de Salceda para mudar a clasificación de solo rústico a urbano. O seu único fin é acelerar e facilitar un proceso recadatorio que afecta unicamente aos barrios da parroquias; e ven acrecentar a inxustiza fiscal que existe dende hai anos en Salceda.
Así, deste proceso quedou excluída a zona urbana de Salceda; polo que medidas que se puxeron en marcha dende o Concello non solucionan o problema creado; entre outras a medida estrela, aprobada por unanimidade polo Pleno, de que no ano 2022 baixaran os recibos ven acrecentar a inxustiza fiscal, a respecto da veciñanza residente nas parroquias.
Neste momento, mais que iniciar un novo PXOM, o asunto en cuestión é a valoración que se fai dos terreos dos núcleos rurais. Cuestionase tanto a súa oportunidade (nun momento social e económico como o actual) como a súa legalidade; xa que co procedemento de revisión pervertese ou obviase o que dispoñen as Normas de planeamento municipal, totalmente vixentes; de acordo co que establece a Lei do solo de Galiza, na
Disposición transitoria primeira. Réxime aplicable aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento ….
2. O planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei e non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, conservará a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación a ela, consonte as seguintes regras:
c) Ao solo incluído no ámbito dos núcleos rurais ou nas delimitacións de solo non urbanizable de núcleo rural, nas súas áreas de influencia ou tolerancia, aplicaráselle integramente o disposto no planeamento respectivo, ….
Si non fora así (manter vixente a normativa municipal) todas as licencias para edificacións concedidas, como menos dende a entrada en vigor da actual Lei do solo de Galiza, no 2016; e mesmo anteriores, significaría que serían ilegais. Así, neste momento, a solución ao problema concreto que se crea coa revisión catastral non é un PXOM novo; con independencia de que en relación con outros aspectos se teña que acometer a súa redacción.
Por toda esta situación existe unha reivindicación xeral de anulación da revisión catastral; e, con tal motivo, a petición de numerosas persoas afectadas, está en marcha a constitución dunha Plataforma Veciñal contra o Catastrazo co fin de anulalo, facilitar asesoramento e tramitar reclamacións contra as liquidacións e recibos ao cobro do IBI.