Club Petanca Arcade

Petanca Arcade

O paseo que discorre desde o peirao de Arcade ata a ponte de Ponte Sampaio é dunha beleza superlativa. Moi cómodo para realizar, e dunha distancia pequena para percorrer na que poderemos apreciar distintas zonas que poderían figurar na máis fermosa das postais. Após deixarmos atrás a ponte do ferrocarril, e pouco antes de chegarmos á histórica ponte na que se desenvolveu a famosa batalla entre as tropas napoleónicas e as milicias populares galegas, atopamos un campo de petanca no que todos os días os compoñentes do Club Petanca Arcade acoden a practicar o seu deporte preferido. E ata alí fomos nós a coñecer un pouco máis sobre este deporte que nace na Provenza, no país dos occitanos, e chega á península ibérica a través do contacto con Catalunya. De feito o nome Petanca xorde da expresión en idioma provenzal “ Pés tancatas” ( pés xuntos).En Galicia goza cada vez de maior popularidade e non é estraño atopar en calquera curruncho do noso país a xogadoras ou xogadores disputando unha emocionante partida de petanca. Alí coñecemos a 5 dos socios do club petanca Arcade. Falamos con Suso, Enrique, Valentín, Jorge e George, un simpático serbio de 82 anos ao que o amor trouxo a Galicia.

A Petanca engancha moito. Cando un a proba xa non pode parar”

Cantos socios ten o club?

Arredor de 20

Sodes todos socios ou tendes algunha socia?

Temos algunha muller que ven de cando en vez a xogar pero socias non hai. Non temos equipo feminino

E por que?, este deporte é tradicionalmente masculino?

Non, tamén hai equipos femininos. Nós non temos de momento porque non cadrou. Somos un equipo moi novo, que só ten algo máis de dous anos de vida. Estariamos encantados de ter equipo feminino desde logo.

Cando nacestes?

A finais do ano 2.018 constituímonos oficialmente como club. É dicir temos formalmente dous anos e medio de vida. Pero a afección ven de moito tempo atrás, de feito nós levamos máis de 15 anos xogando aquí

Sabedes como se iniciou a afección pola petanca en Arcade?

Que nós teñamos constancia tróuxoa un home, o señor Pepe, que era galego emigrado a Catalunya. Seica foi alí onde se afeccionou a practicala e que nós saibamos tivo moita responsabilidade en espallar a afección a practicala no noso pobo.

En Catalunya hai moita afección á petanca?

Moitísima, en toda esa zona de Europa é un deporte enormemente popular. Eu creo que en Francia despois do fútbol debe de ser dos deportes máis practicados do país

Sempre practicades a petanca nesta instalación do Peirao?

A maioría das veces si. Pero para xogar á petanca vale calquera sitio. Se está o campo feito mellor, claro, pero ás veces coincídenos noutro espazo e rapidamente argallamos o terreo de xogo

Que tipo de superficie se precisa?

Unha superficie rectangular de entre 12 e 15 metros de longo e de 4,20, mínimo, de ancho. O tipo de superficie pode ser calquera: terra, area, pedra….

E vós en cal preferides xogar?

Hai que aprender a xogar en todos, porque cada campo é diferente

Este é un deporte que engancha?

E tanto que si. Se a probas xa non podes parar

A que anos se pode comezar a xogar?

Desde moi neno. Aos 4 ou 5 anos xa é perfectamente posible

Caramba, e ata que idade?

Ata que o corpo aguante. Fíxate por exemplo no noso compañeiro George. El ten 82 anos e aquí segue feito un mozo

Para os neófitos coma min, cóntanos como é unha partida de petanca?

Pois poden ser partidas individuais, partidas de parellas ou partidas de tres contra tres. O obxecto do xogo consiste en arrimar bolas a un boliche en quen máis arrime é quen gaña. As partidas poden ser por puntos ou por tempos

Canto dura unha partida?

Algo máis dunha hora

É un deporte que provoque cansazo físico?

Non que va. De feito como ves hai moita xente maior que o practica

Vexo que nas equipaxes está o logo do Concello. Que tal se portan con vós?

Imos ver, algunha colaboración con nós si que teñen. E nós agradecémola desde logo. Quixera destacar que nos fixeron dous campos novos na zona do Salgueirón. Pero vou aproveitar a oportunidade que nos dades para reivindicar algo que é moi importante para nós que é que eses campos teñan un teito, xa que desa maneira sería posible que no inverno puidésemos practicar o noso deporte en condicións óptimas. Por outra parte e en relación coa pregunta que nos facías antes tamén sería importante termos vestiarios, desa maneira sería moito máis fácil termos equipo feminino.

Antes dicíasme que é un deporte que engancha moito. E é emocionante, quero dicir se nas partidas pode haber rivalidade e tensión?

E tanto que si. É un deporte no que ás veces a diferencia entre a victoria ou a derrota pode ser cuestión de milímetros , que hai que comprobar co metro. E asegúroche, Tino, que ás veces as tensións, e incluso os cabreos poden ser moi elevados

Hai máis clubs pola comarca?

Si, hai moitos. Tanto na zona norte de Pontevedra como na zona sur hai numerosos equipos.

O voso club participa nalgún tipo de liga?

Si, malia que este ano polas circunstancias sanitarias que estamos a vivir decidimos non facelo. A nosa liga comeza en febreiro e remata no mes de xuño. E este ano aínda que se está a disputar, nós que temos moitos xogadores maiores decidimos non participar. Agora mesmo estamos a participar nalgúns torneos, como por exemplo nun que fixeron en Lugo. E no ano 2022 espero que poidamos participar na liga con normalidade

E a vosa liga en que zona xeográfica se disputa?

Na mesma que a da Peneira. No sur da provincia de Pontevedra