Entre o 21 e o 28 do vindeiro mes de abril unha nova edición do festival internacional de curtas chegará á nosa vila. Este festival é organizado pola asociación Andaina, un colectivo que realiza un traballo moi meritorio de atención a persoas con diversidade funcional e que pretende, alén de traernos cinema de moita calidade a Redondela, facer do festival unha plataforma para impulsar a visibilidade das principais necesidades e problemas que padecen as persoas con diversidade funcional. Sen dúbida o traballo de Andaina merece que o FIC sexa un enorme éxito, e estou seguro de que así será. Nós falamos con Antonio García o seu director.
“ O noso Festival é unha grande oportunidade para podermos ver cinema de calidade en Redondela”
Que é Andaina?
Unha asociación que atende a persoas con diversidade funcional de Redondela e dos Concellos limítrofes. Digamos que abranguemos as localidades de toda a comarca.
Vós non só atendedes as necesidades destas persoas senón que tamén desenvolvedes un labor social importante?
Si, tamén temos un enfoque social importante. Unha das nosas actividades é a organización do FIC que ten entre os seus obxectivos que se poida visualizar a diversidade funcional dentro do cinema.
Canto tempo leva traballando Andaina?
Fundouse no ano 97 pero estivo moito tempo parada. Logo retomámola, outras familias no ano 2011.Nesta segunda xeira levamos 13 anos de andaina.
Por que naceu Andaina?
Naceu como resposta a unha necesidade evidente: En Redondela non existía ningún tipo de colectivo que proporcionase atención e espazo para o lecer ás persoas con diversidade funcional.
Cantos rapaces tedes na asociación?
Temos 50 familias asociadas.
En que espazo desenvolvedes as vosas actividades?
Agora mesmo estamos “ prestados” polo Concello de Redondela no antigo colexio de Trasmañó que compartimos coa A.V desa parroquia.
É un espazo suficiente?
Non, quédasenos pequeno.
E outro ano máis toca pór a Redondela no punto de mira internacional cunha nova edición do Festival Internacional de Curtas?
Na nosa vila o tecido social e cultural é moi relevante e nós pois achegamos a nosa parte cubrindo ese oco que había na diversidade funcional.
Nós collemos o testemuño do Festival Redondela en curto que como sabes desapareceu por motivos alleos ao festival e nós démonos de conta de que no que atinxe ao cinema en Redondela había un vacío e aproveitamos a oportunidade seguindo coa nosa temática da diversidade funcional. E sempre promovendo un cinema de calidade.
Calquera persoa que dirixa unha curta pode participar?
Si, este é un festival aberto onde as produtoras e calquera particular, pois tamén temos unha sección novel, poden presentar os seus traballos. Por descontado hai unha selección na que se verifica que cumpran as características que esiximos en tempo e temática e de participación de persoas con diversidade funcional.
Na fase de pre selección cantas curtas recibistes este ano?
Arredor de 200.
Miña nai, isto require moito tempo de ver curtas?
Pois si, algo máis dun mes.
Preséntanse algunhas curtas que non cumpran coas bases?
Si, algunha si. Xa sexa por tempo, xa sexa por idioma , xa por temática …..algunhas non as cumpren
E de calidade que tal andamos este ano?
A selección final é, pensamos nós, de moi boa calidade. Na selección final é onde entra o xurado. Temos tres seccións: documental, novel e oficial. Á selección final chegan arredor de 20 curtas: 6 na documental, 5 na novel e 9 na oficial. Veredes moitos actores e actrices coñecidas e insisto en que o noso festival é unha grande oportunidade para vermos cinema de calidade en Redondela.
Dinos algún dos membros do xurado?
O actor redondelán Miguel Borines, Cuchi Carreira, director, Seso Durán, músico, Magali Couñago, traballadora social e eu mesmo.
As películas finalistas poderán visualizarse todas?
Si, todas.
Que días?
A partir do 21 de abril. Primeiro faremos pases orientados aos centros escolares nas que alén da visualización das curtas haberá charlas que as acompañen e distintas actividades no eido da inclusión que permitan que os rapaces e rapazas se poidan pór na pel de quen ten diversidade funcional.
Cando é a entrega de premios?
O 28 de abril. Durante a semana, como che dixen temos as proxeccións para escolares, e a fin de semana xa as temos abertas ao público.
Como se porta o Concello con vós?
Estamos nun momento delicado. O problema da falta de espazo é moi importante. Sabemos que iso depende da Xunta pero algo máis entendemos que se podería facer. Outros concellos si o fan. Estamos perdendo socios porque ao non dispormos do espazo necesario e hai algunha atención que non podemos dispensar.