O concello máis fermoso do mundo, o recuncho do país galego onde a paz o acougo e a beleza están todas as esquinas da localidade, Fornelos de Montes, prepárase para comezar as súas festas. Comezará, como é habitual, coa festa gastronómica da Chanfaina o 21 de Xullo, para nos primeiros días de agosto dar paso á semana cultural e ás súas festas patronais. Nós non quixemos faltar á nosa cita con Fornelos, e un ano máis subimos a mergullarnos na maxia da luz da praza desta localidade e conversar co seu alcalde para coñecer como marchan as cousas polo Concello.
Emiliano Lage alcalde de Fornelos de Montes.
“Teño a certeza de que o traballo e a ilusión con que o pobo de Fornelos prepara a súas festas van facer que, un ano máis, sexan un éxito”.
O primeiro que me chama a atención, alcalde, son as faixas que están no edificio que está á beira do Concello: “Cotos coa xustiza” “ Cotos co compromiso”.A que se refiren?
O edificio ao que te refires é a Rectoral, é un edificio da Igrexa. A parroquia que eles chaman “ Cotos” corresponde a unha división eclesiástica que abranguería ao Concello de Fornelos e a parte de Pazos. Polo que eu sei as dúas mensaxes refiren só a posición moral da igrexa da procura do compromiso social cos máis necesitados, e a busca da xustiza social. Non se trata de nada en concreto, só a expresión da súa visión moral da realidade.
Non teñen ningún problema co Concello?
A min non me consta. Temos moi boas relacións.
Outro aspecto que me parece relevante é o volume inmenso de persoas que hai na praza. Hoxe tiven verdadeiros problemas para aparcar
Na nosa praza polas mañás é moi difícil aparcar.
Pero en inverno tamén?
É difícil todo ano, pero no verán máis, pois o volume de persoas é maior.
Que non se poida aparcar non é bo, pero imaxino que para o alcalde de Fornelos será un orgullo, nun momento no que o rural galego está como está, que a praza principal de Fornelos teña a vida que ten?
Non te equivocas en absoluto. O alcalde de Fornelos está moi orgulloso de cada curruncho de Fornelos, e a vida que ten a nosa praza é un dos motivos máis importantes que contribúe á construción dese sentimento. A nosa praza é un lugar fermoso, e ten de todo nun espazo pequeno polo que resulta un sitio moi agradable e cómodo.
Como está a situación do centro médico?
Ben, na liña de como está a sanidade na nosa comunidade. A verdade é un problema. O alcalde de Pazos máis eu acabamos de ter unha xuntanza co director de atención primaria para trasladarlle os nosos problemas. Fíxate que chegamos a estar unha semana sen ningún médico.
Ningún en absoluto?
Ningún. Só había persoal de enfermería. Despois desa entrevista conseguimos que volvera o médico, pero as consultas de pediatría quitáronnolas.
Canto tempo viña o pediatra?
Viña dous días a Fornelos e tres a Pazos.
Entón unha familia con nenos ou nenas que precise atención pediátrica como ten que facer?
Non lle queda outra que ir a Redondela. Na entrevista , que antes mencionei,o director xeral díxonos que ía intentar dar unha saída, pero de momento non se solucionou.
Nesta reivindicación de solucionar os problemas sanitarios do pobo sentícheste apoiado pola oposición?
Polo BNG si, polo PP non. O PP está a outra cousa.
A que cousa?
A utilizar as redes sociais para facer oposición destrutiva, pero política en beneficio de Fornelos fan 0, e traballo efectivo que poida incidir no ben común de Fornelos fan menos que 0.
Como está indo este mandato?
Razoablemente ben pero con atraso.
O motivo?
Temos un problema de escaseza de persoal. Un problema que chegou a ser grave pois tivemos a dous funcionarios de baixa, algo que nun concello como o noso nótase moito. O problema está en vías de solución, agora só temos un, pero claro ao haber menos persoal todo se retarda. Xa estamos traballando nas licitacións das obras das importantes actuacións que temos pensado levar a cabo.
Cales son esas actuacións?
- -A reforma da piscina, cun orzamento que supera os 300.000€
- -Unha moi importante actuación no multiusos, cun presuposto semellante ao anterior.
- -A apertura da rúa da praza ata a estrada xeral.
- – Imos quitar os bambáns que están detrás da Igrexa , facermos unha praza e arranxar toda a contorna da Igrexa pois por fin logramos o permiso de Patrimonio.
- -Tamén temos numerosas actuacións previstas en distintos camiños de diversas parroquias, así como obras relacionadas coas traídas de augas.
- -Estamos pendentes da DEPO para licitar o cambio a LED do alumeado da única parroquia do Concello que aínda non a ten: Calvos
O resto do Concello ten LED?
Si.
Notaches aforro?
Substancial. Investimos medio millón de € no cambio, pero foron moi ben investidos.
Que tal as relacións coa nova DEPO?
Cordiais e correctas.
Notas algunha diferenza no trato con respecto á anterior?
Non, de momento non noto ningunha.
Non estamos entón na DEPO de Louzán que claramente discriminaba aos concellos que non eran do PP?
Non, nin moito menos. Agora ben: da Xunta non podo dicir o mesmo.
Por que?
O trato, como non podía ser doutro modo entre administracións distintas, é bo,pero de momento todas as obras que lles pedimos tiveron resposta negativa.
Estamos a piques de iniciar a tempada de festas. Dinos o que está por vir ao pobo de Fornelos?
Ben pois imos iniciar unha das épocas máis bonitas do ano para a veciñanza de Fornelos. Comezámola coa festa gastronómica da Chanfaina o día 21 de Xullo, no sitio habitual. O 9, 10 e 11 de Agosto( venres, sábado e domingo) temos as nosas festas patronais. Tamén teremos,antes das festas patronais, a semana cultural, actividades para os nenos, como a festa da espuma, o encontro de corais. E por suposto non podemos esquecer o noso marabilloso festival folk.
As expectativas de asistencia que temos este ano?
Habitualmente ven moita xente. E agardo que este ano non sexa diferente. O traballo e a ilusión con que o pobo de Fornelos prepara as súas festas así o merecen, e teño a certeza de que un ano máis así vai ser. Todo o noso pobo vive as nosas festas con compromiso e esforzo e particularizar en ocasións non é xusto. Pero desta volta quero facer unha excepción para salientar o esforzo inmenso e o cariño superlativo que dúas persoas adican á organización das nosas festas: Tano e Eva. O agradecemento deste alcalde e deste goberno a ambos carece de límites.
Creo que hai pouco recibiches a visita do alcalde de Gondomar?
Sii. O meu compañeiro e amigo Paco Ferreira. Está a facer un reto moi bonito consistente en visitar en moto a totalidade dos concellos de Galicia e desde logo foi un pracer recibilo no noso pobo.
Eu nunha entrevista que tiven con el o mes pasado facíalle a broma de que cando se xubile de alcalde podía meterse nos “Anxos do Inferno”
Ha, ha, ha, ha, ha….. Paco alén de ser moi bo alcalde é un home moi activo, e estou seguro de que cando acabe o seu período na política non lle faltarán retos que afrontar con ilusión.
Rematamos Emiliano. O PSdeG ten solución a curto prazo?
O PSdeG precisa unha catarse. Comezar de 0 e construír un proxecto galeguista autónomo. Mentres non o faga non terá opcións realistas de ser unha opción de goberno.