A perda da maioría absoluta do PP no concello de Pazos de Borbén foi unha das mellores novas na área de influencia da nosa publicación. Despois de 24 anos de desleixo e caciquismo a maioría da sociedade de Pazos optou por un cambio de rumbo, e o ex alcalde Andrés Iglesias xa poderá dedicarse a facer o que lle pete sen ter que asumir a pesada responsabilidade de deixarse caer polo concello de cando en vez. A anécdota da perda da chave do despacho da alcaldía, que nos refire o novo alcalde ao final da entrevista, é unha metáfora do que foi a alcaldía de Andrés Iglesias: Non tiña nin a máis remota idea do máis básico e fundamental.
Este primeiro mandato de Luciano Otero como alcalde de Pazos non vai ser doado, pois como sempre pasa cando se consegue reverter o que parecen eternas maiorías absolutas inicialmente acádase por moi pouco e a consolidación aritmética adoita darse no segundo mandato. Agora o PP segue a ter a maioría dos votos, non a maioría da corporación, pois ten 5 actas. Alternativa Veciñal do alcalde Luciano Otero ten 4, o BNG 1 e o PSOE 1.O acordo con estes dous últimos grupos foi o que posibilitou lograr a máxica cifra de 6 e conseguir a investidura de Luciano como alcalde. Seica foi moi fácil co BNG, pois malia que Luciano é ex BNG e as relacións non é que sexan especialmente cordiais, o bloque amosou visión política , xenerosidade e soubo estar á altura do mandato de cambio da veciñanza de Pazos.
Porén o acordo co Partido Socialista non foi tan doado, e as palabras do seu representante no pleno non foron o que se di moi afortunadas. É moi pronto aínda para valorar nada, só desexar que os representantes do PSOE en Pazos de Borbén saiban estar á altura das circunstancias históricas nas que se encontra Pazos neste momento, e que nunca se esquezan de como funciona o PP. Os episodios de transfuguismo do veciño concello de Mos son un exemplo de ata onde son capaces de chegar. Nós falamos co novo alcalde de Pazos.
“ Imos con toda a ilusión e a responsabilidade do mundo a meternos de contado na mellora da estrada de Nespereira, o polígono de Amoedo, o arranxo das depuradoras e a tratar de deseñar un plan xeral “
Non sei que virtudes terás como alcalde, só o paso do tempo o poderá dicir, pero desde logo, como ser humano, perseveranza si tes. Non?
Si. Chegar ata aquí foi un traballo duro e laborioso, non só noso, senón tamén de xente de Pazos que sempre tivo levantada a bandeira da loita pola xustiza social e a igualdade. Estou agradecido a todas as persoas que durante estes corenta anos de democracia pelexaron por unha visión diferente de Pazos.
Asumimos esta alcaldía con humildade. Somos conscientes de que antes houbo xente merecedora dela, pero a nós déusenos agora a oportunidade , que recibimos con enorme ilusión.
Vin estes días nas redes socias que durante un tempo vas a compatibilizar o teu traballo coa alcaldía .Como é iso?
Mentres non se celebre o pleno de organización onde se aproban as dedicacións teño que compatibilizar as dúas cousas, se non, non cobro. Xa pedín días de libre disposición no traballo pero as dúas cousas non son compatibles, á alcaldía hai que dedicarlle tempo completo desde o primeiro día.
Cando se vai celebrar este pleno?
Aínda non o decidimos pero será axiña, por lei ten que ser dentro dos 30 días posteriores á investidura.
Podemos emitir unha valoración do que te atopaches ao chegar oi aínda é moi cedo?
Sentinme moi ben recibido polo persoal de traballadores e traballadoras do concello, cunha actitude proactiva e con ganas de traballar e sacar proxectos adiante. Agradecido pola benvida e a implicación que están amosando.
E sobre a situación económica do Concello xa podes valorar con rigor?
Nun primeiro momento xa podemos suliñar un grave problema: Atopamos dificultades que teñen que ver cos recursos dos traballadores que se contratan a través da Deputación para o servizo de obras e limpezas. Isto faise en dúas quendas de seis meses cada unha. O concello fixo isto nunha soa quenda os seis primeiros meses. A partir de agosto non temos a posibilidade de seguir con esta xente contratada.
Cal foi o motivo desta decisión tan estraña?
Non o sabemos. Tampouco sabemos o motivo que haxa dúas prazas vacantes na unidade de obras e servizos. De cinco persoas, hai tres contratadas e unha delas leva moito tempo de baixa por problemas de saúde. Estamos nunha situación precaria e xa levábamos tempo reclamando que se cubriran estas dúas prazas. Imos cubrir unha temporalmente cun funcionario.
A situación aritmética do concello é complicada : PP-5, vós 4, BNG-1 e PSOE-1 . Como ides artellar as relación co Bloque e co PSOE para ter unha maioría que te permita gobernar con certa tranquilidade?
Apostamos polo diálogo, incluso co PP, non só de cara a investidura que tiñamos claro que os nosos veciños e veciñas querían un cambio para este concello. Agora, se queren colaborar para aprobar proxectos positivos para Pazos e remar para que o concello saia adiante, temos a porta aberta ao diálogo e ao consenso.
Somos conscientes de que temos un goberno en minoría, e somos un equipo que cree e practica o diálogo.
Por necesidade?
Non, por convicción. Fariámolo igual con maioría absoluta.
Que actitude atopaches no BNG e no PSOE?
No BNG unha actitude moi positiva aínda que de momento non entren no goberno e estean na oposición. Pero sei que nos van a apoiar para que se consigan proxectos para Pazos que eles consideran necesarios e positivos para o concello.
E coinciden estes proxectos que cree o BNG necesarios cos que considera Alternativa?
Si, bastante. Creo que os programas, tanto do Psoe, do BNG coma o noso eran bastante semellantes. Coincidimos no básico e nos problemas gordos tamén en todos, creo.
Logo por parte do Psoe a actitude xa non foi tan positiva. Algo que ten que aclarar a organización a nivel local. O seu candidato no pleno de investidura manifestou que votaba a favor de investir ao alcalde de Alternativa pero que non estaba de acordo, que era unha decisión imposta polo partido. Eles terán que decidir cal vai ser o seu papel nestes catro anos.
Imos supoñer que Pazos vai a ter un goberno estable. Cales son as principais liñas de goberno de Luciano como alcalde?
-O arranxo da estrada de Nespereira .
-Actuacións destinadas a mellorar a saúde do polígono industrial de Amoedo. Hai que aprobar unha modificación puntual para poder dar licenzas no Polígono Industrial, para isto queremos traballar conxuntamente coa Comunidades de Montes .
-A aprobación dun novo Plan Xeral
– E a mellora das depuradoras, que por estas xa tivemos varias demandas e xa hai empresas que queren colaborar para poder facer as obras precisas coa aprobación do concello.
Que pasos concretos imos tratar de dar para poder aprobar o plan xeral?
A técnica municipal xa esta facendo consultas coa Xunta para explorar as dúas posibles vías: Que o faga a Xunta cos participación do concello, ou facelo só o concello.
Ves factible que neste mandato poidamos ter un plan xeral aprobado? Isto é un traballo que leva moito tempo, o PP en varias décadas de goberno non foi capaz ou non tivo vontade política de facelo.
O Obxectivo e que ao longo deste mandato polo menos estea en marcha e avanzado. Sería estupendo que puidera quedar aprobado tamén.
Cando gobernaba Andrés Iglesias non se levou a cabo a mellora da estrada de Nespereira porque desde o concello obviouse a responsabilidade de tratar de conseguir as sinaturas necesarias dos veciños e veciñas propietarios do terreos afectados pola ampliación da estrada. Supoño que contigo non haberá ese problema?
Non, en absoluto. Imos a ter colaboración total co que se nos demande desde a Deputación e defender sempre os dereitos de Pazos. Non imos bloquear unha obra porque teñamos que facer algún investimento económico.
Co polígono de Amoedo que pasos ides seguir?
Estamos traballando a nivel técnico e avanzamos coa modificación puntual, queremos solucionar isto o antes posible sen atrasos innecesarios por non dedicarlle o traballo preciso.
Unha visión creo que moi común de Pazos despois de tantos anos de goberno Popular e de unha imaxe rancia, caduca e casposa, pouco atractiva para poder vivir aquí e desenvolver un proxecto de vida persoal. Ides a traballar para reverter esta visión de Pazos?
Neste concello como tal temos pouca autoestima e pouca visibilidade de cara a fóra. Hai xente que cando chega a visitarnos sorpréndese do cerca e bonito que está Pazos. Temos que comezar a valorarnos, poñer en valor o noso patrimonio e darnos a coñecer.
Cando se formule o pleno de organización e teñas o teu salario como alcalde para poder adicarte á alcaldía a tempo completo poderemos atoparte no concello sen problema?
Desde logo que sempre vou estar no meu posto de traballo. Como anécdota contarche que cando cheguei, a porta da alcaldía estaba pechada con chave e a chave non aparecía. Chamaron ao anterior alcalde para ver se sabía da chave e non tiña constancia dela desde facía tempo.
Miña nai¡¡
Xa hai chave e xa se pode abrir a porta.
Para rematar Luciano. Que pulsión maioritaria captas nas rúas de Pazos?
Na pleno de investidura notamos unha alegría colectiva e isto nótase que é froito do traballo de moitas persoas ao longo de moito tempo.