O que non nos contan. Con Rusia sen amor

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Militante independista

“A primeira vítima dunha guerra é a verdade”, algo así dixo o senador estadounidense Hiram Johnson hai 125 anos. Isto mesmo estámolo a experimentar nestes días nos que uns medios de comunicación nada afeitos xa a nos contar a verdade, converteron os seus informativos en “partes de guerra” e a súa programación en propaganda maniqueísta.

Insatisfeitos con ter practicamente o monopolio da información ou, o que é o mesmo, o monopolio da propaganda, o poder admistrativo do imperialismo en Europa –a Unión Europea– prohibe tamén a emisión de Rusia Today e Sputnik gardándose para si a exclusividade da mentira bélica. Faise, polo tanto, necesario difundirmos o que outros non difunden.

Non é a miña intención facer contrapropaganda, aínda que esta for lexítima, dado a pouca difusión que temos as xentes do común que nos expresamos en medios humildes. Sería inxenua empresa. Tan só pretendo dar a coñecer uns cantos datos que non se divulgam nos medios oficiais, nos voceiros do Poder, é dicir, o que se nos oculta. Eis, a saber:

1. Ucraína non é unha realidade nacional homoxénea e nela conviven –ou convivían– dende hai séculos varias nacionalidades entre as que está tamén a rusa. Foi coa Revolución Bolxevique, e coa súa adhesión á Unión Soviética, cando Ucraína disfrutou por primeira vez na súa historia de democracia, igualdade e dereito á autodeterminación.

2. Durante a invasión nazi da IIª Guerra Mundial, as antigas forzas reaccionarias e prozaristas colaboraron co IIIº Reich e abrazaron o racismo “antieslavo” [sic] e a xenofobia antirrusa. Tamén se propagou o delirante mito de “holodomor”, unha suposta grande fame que tería sido promovida polos bolxeviques para exterminar á poboación do país.

3. Tras o colapso da URSS, a malchamada “Revolución” Laranxa foi un golpe de estado ultranacionalista planificado e apoiado pola Casa Branca por medio da CIA e outros axentes. Este tipo de manobras intervencionistas dirixidas dende os EEUU xa foran tristemente coñecidas na América Latina dende as décadas dos 70 e 80 do XX.

4. O ultranacionalismo ucraíno actual está inspirado en S. Bandera, un supremacista que colaborou co nazismo alemán no xenocidio das minorías étnicas do país. Boa parte das forzas políticas legais do actual réxime político ucraíno beben destas fontes fundamentadas no fascismo, no anticomunismo e no ultraliberalismo “europeísta”.

5. A contrarrevolución denominada “Euro Maidan” foi outro golpe de estado ultranacionalista organizado para enmendar, outravolta, uns resultados electorais completamente democráticos. De novo, o intervencionismo otanista utilizou a desestabilización, a manipulación mediática e a xenofobia para subverter o resultado das urnas.

6. Tras isto, un goberno formado por ultranacionalistas e neonazis ilegalizou partidos obreiros, socialistas e comunistas e permitiron a impunidade dos asasinatos políticos. O máis coñecido foi o incendio provocado no edificio dos sindicatos de Odessa, no cal foron queimados vivos medio cento de sindicalistas e militantes de esquerda.

7. O exército ucraíno, no cal se integraron –co visto e prace do goberno de Kiev– milicias neonazis como o Batallón Azov, leva facendo unha limpeza étnica xenocida en Donbass dende hai oito longos anos. Nesta masacre silenciada, Ucraína leva asasinadas a máis de 14 mil persoas, moitas delas civís, entre as cales se atopan moitos nenos e nenas.

8. De feito, foron Ucraína e a OTAN quen violaron continuadamente os Acordos de Minsk no relativo os masacres do exército ucraíno sobre a poboación civil de Donbass. A diplomacia da Federación Rusa leva anos denunciando eses incumprimentos coa calada por resposta por parte das potencias imperialistas occidentais e dos seus estados monicreques.

Finalmente, cómpre esclarecer que os comunistas pouca ou nada simpatía podemos ter polo V. Putin, un personaxe que foi posto aí precisamente para evitar o acceso ao poder do Partido Comunista da Federación Rusa, forza líder da oposición. Porén, moita menos simpatía podemos ter por un goberno ucraíno criminal, racista, nazi e supremacista.

A cerca de admin 62 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.