FRONTEIRAS…

Artigo de opinión A Nova Peneira
Olga Nogueira
Olga Nogueira

Un ano máis tocou procesión das Letras Galegas, este ano baixo a “elástica fronteira” da “Galiza que limita coa saudade” que cantou (e digo cantou porque o seu neto di que lle gustaba cantar, e que foron cancións en galego a lingua que lles legou á familia) Florencio Delgado Gurriarán.

Nunca lles agradeceremos o suficiente aos exiliados o seu labor, dentro e fóra de Galiza. Como nunca lles agradeceremos tampouco aos que non se exiliaron, e aguantaron, como puideron, aquí. Nin nunca lles agradeceremos ás nosas nais/pais o nos teren transmitido o galego como lingua materna (ás que o fixeron) ou como neolingua (ás que así o fixeron tamén). E entre grazas e grazas un escritor galego, dos que máis ten enganchado (e vendido) en lingua galega (entre outras) nas últimas décadas, falece na UCI do Álvaro Cunqueiro. Novo de máis.

Eu, no Día das Letras Galegas deste ano, merquei (puiden facelo en Narón, un Concello onde as Letras Galegas se celebran con feira de libros en galego, obradoiros, espectáculos de teatro, música…) o último libro de Domingo Villar. Porque a min educáronme no respecto á xente maior (non hai idadismo onde eu son). Mais cedo aprendín que a vida é un sopro. E que o respecto débeselles a todos por igual: novos e vellos. Se acaso enfatizado en función da valía e da actitude vital. Por iso que o Día das Letras Galegas se lle dedique só a escritores mortos é un erro, a corrixir. E que se lle dedique só (ou case) a homes (en 59 anos só 5 mulleres) é un atraso insultante (con todo o respecto para os homenaxeados), que limita a nosa posibilidade de sentir este día como unha celebración.

A min interésame a lingua galega, na que se escribe a literatura, e que conforma a nación. Ou así o dixeron os que alicerzaron tal denominación. Interésame e preocúpame. Porque a vexo retroceder a pasos de xigante cando os avances son de miñoca. De miñoca no inverno. Como acontece coa nova lei de educación na secundaria. Hai unhas semanas sóubose da eliminación dunha hora de Lingua Galega en 1º da ESO. Houbo algún rebufo, mais a min pareceume unha oportunidade, xa que se trocaba por unha nova materia de Libre Configuración de Centro. E eu crin na posibilidade de instalar, nalgúns, unha materia relacionada coa lusofonía (lingua e cultura portuguesa, cultura lusófona, ou similar). Porque non podemos seguir de costas a ese universo lingüístico e cultural. Mais por veces nos centros hai inercias que o complican. E esta materia nova parecíame unha oportunidade para a lingua galega. Mais seica a Xunta propón trocar esa materia de Libre Configuración por un Reforzo. Que pode ser de Lingua ou de Matemáticas. E, dentro das linguas, pode ser de Galego ou de Castelán…

Ou sexa: unha posible nova perda para o galego. Que xa non se escoita nos patios escolares. Que non está vivo entre o alumnado. E que, como fósil, é duro de oír. “To conto?” É o primeiro que me adoita dicir o alumnado cando comezan o exame oral dos libros de lectura. Agora xa estou afeita. Custoume descifralo as primeiras veces. Para eles, todo normal.

Gurriarán e o resto que digan o que queiran, mais para min, Galiza limita ao Norte, ao Sur, ao Leste e ao Oeste coa incapacidade dos galegos e das galegas por querernos máis. Mais como son optimista, e sei da forza infinda do amor e da xuventude, apuxo, a canda moitos outros/as, por ampliar esa fronteira. Cada día. Até o infinito e máis alá.