“A partir dos 50 anos as mulleres son moito máis atrevidas cós homes á hora de tatuarse”
A Nova Peneira achégase ata a parroquia viguesa de Zamáns para falar con Clara Fontao, unha pioneira no mundo da tatuaxe en Vigo, pois nos seus comezos, hai case 25 anos, foi a primeira muller tatuadora que houbo nesta cidade. Clara é considerada como unha das mellores profesionais do sector, e nós fomos coñecela.
Clara, cóntanos un pouco da túa historia, cando e porque comezas no mundo das tatuaxes?
Sempre me gustou debuxar e sobre o ano 1997 comecei a interesarme por este mundo. Eu movíame nun mundo alternativo e as tatuaxes ían bastante ligadas a este mundo da música e das artes en xeral. Tiven sorte, puiden aprender cun tatuador e xa me quedei tatuando ata agora.
Tes algún estilo definido?
Teño un estilo moi cambiante, adáptome aos distintos estilos sen encadrarme, non é o normal, pero fago de todo.
Cando alguén ven facer unha tatuaxe precisa algún tipo de asesoramento ou xa veñen coas ideas moi claras?
A xente agora xa ven coas cousas moi claras, en internet hai moitísima información e pouco lles teño que asesorar.
E que é o que motiva as persoas a facerse unha tatuaxe?
As veces e sinxelamente decorativa, outras por marcar algún acontecemento importante da súa vida, ou sobre os gustos, unha forma de vida, pode ser por moitos motivos diferentes.
Son máis os homes ou as mulleres os que se tatúan?
Agora mesmo hai de todo. Si que é certo que a partir dos 50 ou 60 anos son as mulleres as máis atrevidas e as que máis se tatúan.
A min dáme a impresión de que nos últimos tempos as tatuaxes están en auxe , tanto xente nova como máis maior, é así?
Si, a tatuaxe evolucionou moitísimo neste últimos 20 anos. Antes tatuábanse cousiñas pequenas e sobre todo nas costas. Moito tribal, letra china…Isto evolucionou moitísimo e fanse cousas máis persoais, máis grandes, máis visibles, con infinidade de estilos e de zonas onde tatuarse por todo o corpo. Tamén en calquera tipo de clase social, calquera profesión. Antes as tatuaxes eran un estilo máis alternativo e agora xa fai anos que podes ver un médico, ou unha avogada con tatuaxes, eu mesma tatuei a un dermatólogo.
A profesión é un mundo maioritario de homes?
Cando eu comecei en Vigo era a única muller, agora xa non, xa hai moitísimas mulleres con moita calidade. Hai moito nivel en xeral, este mundo evolucionou moito na calidade dos artistas.
Afectou a pandemia a túa profesión?
Non, unha tatuaxe e algo que che gusta, que che da alegría e non notei que afectara.
Onde desenrolas a túa profesión, tes estudio propio ou es itinerante?
Antes tiña un estudio en Vigo, na rúa Aragón coa miña parella, el levaba a parte das camisetas e eu facía tatuaxes, agora ese estudio está pechado i eu fago, de momento, as tatuaxes a domicilio. Nun futuro non moi afastado teño previsto montar o estudio aquí en Zamáns.
A min contáronme que es a mellor tatuadora coñecida con diferencia, pero non só tatúas, senón tamén te dedicas á pintura. Cando comezaches a pintar?
Cando era pequena. Comecei a pintar cun retratista vigués moi coñecido chamado San Luís. El foi que me ensinou a técnica de pintar acuarela, perspectiva, óleo… Grazas a el hoxe en día podo dedicarme a isto. Foi alguén importante na miña vida, era unha persoa que sempre te animaba a pintar, que ninguén che cortara a imaxinación, el ensinoume de pequena a seguir debuxando sempre.
E segues pintando?
Agora moito menos do que me gustaría, teño familia, fillos e traballo. Para min pinto menos pero estou intentado buscar un pouco máis de tempo para facelo.
Fálanos un pouco da túa obra, Clara.
Teño moito debuxo de mitoloxía Celta e as súas deusas. Gústanme todas as culturas antigas e os muralistas mexicanos tamén. Hai moitos anos, antes de comezar a tatuar fixen un mural para a plataforma da insubmisión na praza dos cabalos de Vigo. Tamén teño feito murais en locais privados como cafeterías e locais de ocio.
Quen é o teu pintor ou pintora referente?
Un pintor que era de Niza que se chamaba Gustav Adolf Mossa sempre me gustou moitísimo. Agora comezo a coñecer mais pintoras, é unha mágoa pero delas sempre houbo moi pouca información. Tamén me gusta Dalí, Klimt…
E o tatuador ou tatuadora que máis che gusta?
A verdade e que hai unha lista interminables de xente moi boa, o mundo das tatuaxes evolucionou moitísimo e agora mesmo hai moitísimo nivel. O que si che podo dicir que o que me chamou a atención hai moitos anos foi Rober Hernández, tatuador pouco realista pero con un estilo escuro con cousas moi interesantes.
Mencionabas antes que tes fillos e parella, como fas para compaxinar a túa arte coa vida familiar?
Teño sorte que a miña parella tamén traballa pola súa conta e podemos compaxinarnos as axendas para estar un dos dous a cargo dos nenos, procuro facer unha soa tatuaxe ao día para poder estar e desfrutar dos pequechos.
Algún proxecto en mente para o futuro?
Seguir tatuando e, o que si quero, e poder sacar tempo para pintar e debuxar máis. Estou facendo un curso online para soltar un pouco a técnica e facer outro tipo de cousas, quero seguir explorando e sempre axuda ter outro tipo de formación.
E se algún lector ou lectora deste xornal quere poñerse en contacto con Clara Fontao para facer unha tatuaxe como pode localizarte?
A través da miña conta de Instagram Espira 13 ou no Facebook Clara Fontao.