Lara é unha rapaza de Zamáns que acaba de cumprir os 40 e á que os camiños da vida levaron a residir e traballar en Barcelona. Ela ten 5 novelas no mercado, unha delas só en formato audio, e estivo estes días na cidade de Vigo presentando unha das súas obras “ La piel infiel”. Nesta novela convídase ao lector e á lectora a facer a viaxe interior coa protagonista nun acto de rebeldía contra a visión patriarcal da muller como obxecto de desexo, para se converter ela mesma en suxeito que desexa. Nós fomos coñecer a Lara.
“Admiro o amor que os cataláns senten polo seu idioma e pola súa cultura”
Cóntanos como chega unha moza de Zamáns a vivir e a escribir en Barcelona?
Pois eu nacín en Vigo, teño 40 anos, e desde moi nena sempre sentín paixón por imaxinar e escribir historias. Desde que tiven conciencia das cousas tiña claro que quería dedicarme a algo que me permitira crear e desenvolver as historias que imaxinaba. Entón decidín estudar cinema, e aos 18 anos mudeime a Barcelona.
Cruzar todo o estado para vivires soa, con tan só 18, anos non che deu un pouco de medo?
Tiña tanta ilusión por estudar o que me gustaba e por coñecer persoas que tiveran gustos e afecciones como as miñas que non quedaba espazo para o medo. Eu son unha persoa moi sociable e ao principio custoume algo máis do que pensaba pero os cataláns malia que non é doado que che dean confianza, unha vez que o fan son extraordinariamente leais e ao pouco tempo xa me sentín integrada e cómoda.
Aprendiches o idioma pronto?
Non me custou case nada, as persoas que somos bilingües temos máis sensibilidade cara os idiomas dos demais. Falo catalán e admiro o amor que os cataláns senten polo su idioma e pola súa cultura.
Como viviches en Barcelona?
Con bolsas, coa axuda dos meus pais e traballando, despois da carreira, no que puidese encontrar.
Que fas cando rematas os estudos?
É unha época un pouco de desorientación, na que non sabes moi ben o que facer. Colaborei nunha curtametraxe e tratei de moverme e situarme no sector. E nesa época foi cando escribín a miña primeira novela:” Una vida M”
Cal é a temática?
Está inspirada na vitoria da selección española no mundial de baloncesto do ano 2006. Trata da incerteza que a retirada da práctica profesional provoca nos xogadores deste deporte. Custoume moito publicala, arredor de 7 anos. Publicouse no 2014. Neses 7 anos que non conseguín publicar a novela fun facendo o que podía no sector audiovisual, e asemade cursei un máster de literatura. Por outra parte creei unha empresa de servizos editoriais que a día de hoxe segue a funcionar.
Que aceptación tivo a túa primeira novela?
Foi unha tiraxe pequena ,pero eu traballei moito co mundo do baloncesto e funcionou moi ben ata o punto que distintos xogadores da selección de baloncesto fixeron comigo diversas presentacións do libro.
Cando publicas a túa segunda novela?
O libro publicouse no 2017. Vai dedicado a Barcelona, foi publicado tamén en catalán con moi boa aceptación. Chámase “tercero sin ascensor”.Esta novela foi moito máis doada de publicar que a anterior. Publicouna o grupo Planeta nun selo de literatura xuvenil. É unha novela que trata de homenaxear ás comedias dos anos 80. É unha historia que nunha trama sobre a fin dunha liga de fútbol moi igualada, trata de reflectir a perspectiva vital das persoas de 20 anos. A tiraxe vendeuse bastante ben e deume a oportunidade de fichar por unha axencia.
E “ la piel infiel”?
Escribina no 2017. Os meus axentes trataron de movela pero non foi posible. É unha homenaxe a Madame Bovary e tamén trata sobre o desexo feminino. A intención é facer a viaxe coa protagonista que trata de rebelarse contra os apriorismos do patriarcado. Nese momento recibo unha oferta de Edicións B para publicarme unha novela da que só tiña a idea.
Como se chama?
“ Cerca de ti”. É unha homenaxe aos thrillers eróticos dos anos 90.Lanzouse no verán do 2021 e non foi nada mal. De feito a día de hoxe os dereitos están reservados para facer unha serie de TV
Pero agora por que estás coa promoción de “ La piel Infiel”?
O mesmo ano que se lanza “ Cerca de ti”, os meus axentes me din que temos a posibilidade de facer un audio libro con “La piel Infiel”. E tivo un enorme éxito. Colocouse entre os máis vendidos, da plataforma que o comercializou, en pouco tempo. Entón desde a plataforma pedíronme que escribira outro audio libro en exclusiva para eles, e así naceu “ El día sin mañana”, que exclusivamente vai ser en formato audio. Trata de dous galegos que intentan volver ao país pouco antes de que o mundo se acabe. En paralelo, aproveitando o interese que suscitou o audio libro os meus axentes trataron de mover “ La piel infiel” , publícao Planeta e aquí estou presentándoa 6 meses despois.
Como constrúes os teus personaxes?
A proba de balas. É o primeiro que constrúo pois o personaxe é o que leva a trama.
Rematamos:Ti es das que pensan que a literatura en particular e a arte en xeral debe de ter unha finalidade só de expresión estética, ou tamén debe de implicarse no contexto social no que está ?
A arte é unha ferramenta que non se pode desentender do seu contexto.
