Ernesto Orge Presidente da Agrupación de Fútbol Veteranos de Vigo

Entrevista Orge A Nova Peneira

O fútbol profesional hai moito tempo que se move máis en parámetros de negocio, que nos de competición deportiva en sentido estrito. Ese mundo manexa cantidades indecentes de diñeiro, e é utilizado a modo de elemento alienador de masas de persoas que centran as súas emocións máis profundas neste espectáculo, convertendo e esencia das súas vidas o que debera ser puramente accesorio. O fútbol profesional é tamén refuxio de especuladores que utilizan a súa proxección nos medios de comunicación como instrumento para darse coñecer e ter máis facilidade na realización dos seus negocios, cando non directamente para lucrarse. As pugnas polo control dos resortes de poder deste sector son moi elevadas, así pois vemos como na actualidade a Federación e a Liga de Fútbol profesional están inmersas en plena batalla xudicial para determinar quen ten a potestade de organizar os horarios dos partidos, o que ten enorme relación cos contratos televisivos pola emisión dos encontros da liga española. Porén aínda hai moita xente que se toma este deporte como o que é, unha competición deportiva, e que lle dedica gran cantidade do seu tempo de maneira altruísta .Na área de influencia de A Nova Peneira ,existe unha competición de futbolistas veteranos organizada pola AGRUPACIÓN DE FÚTBOL VETERANOS DE VIGO totalmente independente da federación galega, con máis de medio século de historia e con preto de 2.000 fichas activas na actualidade. Nós falamos co seu presidente, Ernesto Orge, natural da fermosa parroquia de Calvos, do non menos fermoso concello de Fornelos de Montes.

O PRESIDENTE DA FEDERACIÓN,RAFAEL LOUZÁN, VEU Á NOSA CASA A PRETENDER LEVARNOS OS EQUIPOS”

Canto tempo levas metido no fútbol de veteranos?

Esta temporada é a número 45 para min

E como se iniciou a túa relación con este mundo?

Cando era moi novo, gustábame moito a arbitraxe e xogar ao fútbol tamén, pero moi bo non era a verdade, e entón metinme de cheo a arbitrar en veteranos

45 anos, son moitos anos, levas toda unha vida ,fuches ti o fundador desta competición?

Non, cando eu cheguei había 10 equipos, a competición foi fundada por unha persoa de Ourense Jose Luis Estévez, xa falecido. De feito todas as temporadas celebramos un memorial na súa honra

Vós non tendes relación coa Federación galega de Fútbol verdade?

Non, nós somos unha competición independente. Eles queren absorbernos, pero os equipos prefiren manter a nosa autonomía. As zonas de Lugo e Coruña decidiron integrarse na federación, a nosa zona xunto coa de Ourense tomamos a decisión de seguirmos sendo autónomos

Que ámbito xeográfico abrangue a agrupación de Vigo?

Moi semellante ao voso, estamos en Vigo, Redondela, Louriña, Val Miñor, Baixo Miño, O Condado e O Morrazo

Cantos equipos tedes?

Neste momento 82

E licencias?

2.000 xogadores e 60 árbitros

E a arbitraxe inclúe o famoso VAR?

Non, nós non temos iso, pero pronto contamos ter o FURANCHO

Ha ha ha ha, e iso en que consiste?

Pois nalgo máis agradable có VAR, consiste en que cando rematen os partidos os xogadores e os árbitros vaiamos mandarlle unhas fechas e unhas tapas a calquera sitio

Ha ha ha ha, moi interesante desde logo. Ti segues arbitrando?

Non, retireime hai 7 anos, o tempo pasa para todo o mundo

E como organizades tantos equipos?

Están divididos en 5 categorías, en función dos resultados deportivos

Algún equipo especialmente destacado?

EL NIÑO, que ten gañado moitísimos campionatos, chegaron a xogar ex xogadores do Celta como Gudelj ou Mazinho..hai equipos moi bos como por exemplo o Cañiza

Por que motivo non queredes formar parte da federación?

Os equipos non queren, a nosa competición é moi bonita e preferimos seguir mantendo a nosa independencia

Cantos sodes na xunta directiva?

Somos cinco persoas, que a verdade traballamos arreo

Como son as relacións co presidente da Federación Galega, Rafael Louzán?

El foi presidente de da DEP moitos anos, e naquel momento a nosa relación era excelente, portouse moi ben con nós. Porén no momento que deixou a DEP e converteuse en presidente da federación galega de fútbol, a cousa cambiou

Por que?

Veu á nosa casa a pretender quitarnos os equipos. Algo que ningún dos anteriores presidentes da federación fixo, todo o contrario, sempre tivemos unhas magníficas relacións cos presidentes que precederon a Rafael Louzán. Incluso na actualidade temos moi boas relacións coa delegación de Vigo. Desde logo que a nosa intención é resistir e conservar a independencia

Ti xa non es ningún neno, ves posibilidades de que unha nova xeración poida tomar as rendas e darlle continuidade ao voso proxecto?

É complicado porque é algo que se fai de maneira altruísta, e non é fácil atopar xente que poidan dedicarlle gran cantidade do seu tempo libre a isto, pero por nós non vai quedar. Sería unha mágoa que non puidese ser así, de feito temos boa saúde, este ano por exemplo temos tres equipos novos