Manuel Caride, responsable comarcal do BNG de Vigo

Manuel Caride BNG

Despois de dous intensos procesos electorais achegámonos ata o local do BNG de Vigo para conversar con Manuel Caride, o seu responsable comarcal, e coñecer de primeira man a situación do nacionalismo nas 8 localidades que na estrutura orgánica do Bng abrangue a comarca viguesa( Vigo, Redondela, Pazos, Fornelos, Mos, Baiona, Nigrán e Gondomar). Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A situación do nacionalismo na nosa comarca é positiva. Seguimos en fase de crecemento e non nos pomos ningún tipo de límite”

Cal é a túa valoración sobre o proceso electoral estatal que acabamos de vivir o pasado mes de xullo?

Os resultados do BNG na Comarca de Vigo foron positivos. Aumentamos votos en todas as localidades e nos concellos de Mos, Pazos de Borbén e Redondela quedamos por encima da media nacional. Aínda con esta suba recoñezo que foi un pouco desilusionante non poder conseguir o escano de Pontevedra.

Como é posible que un partido que non existe fora da realidade virtual, como Sumar, saque máis votos que o BNG e si logre acadar ese escano en Pontevedra?

Isto obedece á clave dunhas eleccións que estiveron moi polarizadas e moi mediatizadas na televisión en espazos aos que nós tivemos moito menos acceso que as forzas estatais. Nós non tivemos a posibilidade de estar en ningún debate estatal, e no que estivemos na TVG foi emitido a unha hora intempestiva.

A xente non percibiu que votar ao nacionalismo tamén era un voto útil. Isto queda claro co deputado que conseguimos pola Coruña, Néstor Rego, que grazas a el a axenda galega vai ter presenza. Se non estivese aí o BNG, a axenda galega quedaría fóra desas negociacións para a constitución do futuro goberno.

Antes das xerais foron as municipais. Cal é a túa valoración sobre o resultado do Bloque na comarca viguesa?

A valoración xeral foi que tivemos uns resultados satisfactorios. Aumentamos a representación en moitos concellos e o máis importante é que volvemos ter representación en todas as localidades da nosa Comarca obtendo uns resultados cuantitativos importantes . Por moi poucos votos non conseguimos a segunda acta no concello de Gondomar e a cuarta no concello de Mos, e Redondela.

A concelleira de Gondomar Manuela Rodríguez será a deputada provincial do Bloque polo partido xudicial de Vigo. Que agardas do seu traballo?

Non teño ningunha dúbida de que vai realizar un traballo soberbio. O compromiso e o nivel político de Manuela están a un nivel superlativo.

Imos analizar agora todos os concellos que compoñen a vosa comarca . Comezamos por Vigo.

Valoración moi boa. Triplicamos a representación, e case duplicamos a o número de sufraxios conseguindo 15.008 votos, estabamos con 8462. Subida espectacular froito do traballo colectivo do equipo de Vigo e de que Xabier que demostrou que un só concelleiro do BNG fai moito, cunha política construtiva e unha oposición rigorosa.

Aínda que os resultados de Abel Caballero seguen sendo espectaculares, creo que baixar 20000 votos, Dos 100.000 aos 80.000 é unha baixada substancial. Pensas que isto é o principio da fin?

Creo que si se lle deu un toque moi serio de atención, pero esta perda de votos non se corresponde coa perda de concelleiros. A Lei de D`Hondt prima ao máis votado.

Ten o 70% dos concelleiros e o 60% dos votos. Está sobre-representado nun 10%.

Si. Creo que se nota certo cansazo por parte do electorado das políticas autoritarias

Vigo é a cidade máis importante de Galiza, Manolo. Nun momento dado, o BNG tivo a alcaldía . Pódese soñar, a medio prazo, que tela de novo sexa unha opción realista?

Loxicamente o BNG non se pon límites. Daquela Lois Castrillo empezou aos poucos cun só concelleiro, o seguinte paso foi catro, despois 8 cos que chegou a ter a alcaldía de Vigo. Se agora seguimos neste mesmo camiño, é factible que isto volva pasar. O BNG é unha forza en alza en todo o país, e o seu traballo de todo este tempo foi premiado neste proceso electoral.

O coñecemento que ten Xabier Pérez Igrexas na cidade de Vigo é o adecuado ou aínda se pode mellorar?

Sempre se pode mellorar, pero neste proceso electoral si se evidenciou o aumento de coñecemento do candidato e o feito de que o paren pola rúa, identifíqueno e encómieno polo seu traballo é indicativo de que xa é recoñecido.

El ten ánimos e folgos sabendo que isto é unha batalla a moi longo prazo?

Si, sen dúbida si.

Agora imos co Concello de Redondela. Subiuse pero non tanto como se esperaba?

Este é un concello bastante complicado pola situación aritmética que ten e pola cantidade de partidos que se presentan. Aquí obtivemos tres concelleiros e a piques de conseguir o cuarto. O resultado en Redondela foi bo tamén

Avalas a decisión de non entrar no goberno de Redondela?

Si, esta decisión tomouna o consello local de Redondela e está totalmente apoiada pola comarca de Vigo.

Que opinión che merece a dimisión de Anxo Lusquiños, ex responsable local do BNG de Redondela?

É unha decisión persoal e hai que respectala, pero non comparto o seu criterio.

O BNG pediu un liberado para apoiar a Digna na súa investidura, pero e non formará parte do goberno. Cal é a túa opinión?

A oposición tamén ten dereito a ter recursos e medios humanos para poder facer o seu traballo político. Os compañeiros e compañeiras de Redondela son soberanos para decidir as liñas políticas do BNG de Redondela e eu só podo expresar o meu orgullo por compartir camiño con eles.

Agora imos coa valoración ao Concello de Pazos de Borbén.

Conseguimos o obxectivo que era volver á corporación, isto é importante e tamén de ser determinantes. Quedamos a nada de conseguir o segundo.

Que política vai facer o BNG neste concello?

Unha política construtiva, propositiva e fiscalizadora. O BNG non é a muleta de ninguén e fará o que os seus afiliados e afiliadas consideren, sempre pensando no ben común da veciñanza.

Chegamos a Fornelos de Montes. Creo que este concello é un claro exemplo do inxusta e absurda que pode ser a política. Eu falei moitas veces con Emiliano, o alcalde, este sempre me di que no seu pobo o único que fai oposición é o BNG, xa a facía Pedro no seu tempo, e agora faino a vosa concelleira Mila Casal. Os do PP levan 12-14 anos sen facer nada, a miralas vir, sen presentar nin unha triste moción nos plenos. Como é posible que o BNG, con todo o seu traballo, consiga manter a acta polos pelos, e o PP presentando unha candidatura chea de xente nova consiga subir a tres concelleiros?

Isto demostra que o PSOE ten moito voto de dereita neste concello, voto que estaba cedido ao PSOE polo perfil do alcalde. Pero que no momento no que o PP presenta unha renovación e caras novas conseguen ilusionar e volven recuperar parte dese voto. Nós mantivemos a representación. Nós en Fornelos temos o obxectivo claro de consolidar e aumentar a asemblea de militantes da localidade baixo o liderado de Mila Casal, que fai un traballo soberbio.

En Mos BNG obtivo unha subida substancial e as perspectivas sobre o potencial de crecemento semellan moi positivas?

Si, os resultados foron espectaculares no Concello de Mos. Nas eleccións municipais foi o concello que obtivo os mellores resultados da comarca conseguindo 1807 votos de 13000, o 20% e tres concelleiros. Froito e mérito de Gustavo Barcia e do bo traballo da organización que conta con todo o apoio comarcal. A única pega, o reforzo do Partido Popular de Mos.

Por que se produciu este reforzo do Partido Popular?

Unha boa pregunta. Nós fixemos os deberes pero as demais forzas que non suman.

Creo que o transfuguismo influíu claramente.

Eu penso que entre outras cousas si, desde logo que si.

Agora imos co concello de Baiona. Por que non mantivestes os dous edís que tiñades neste concello?

En Baiona, ao igual ca no Porriño ou en Vigo a forza gañadora acadou un resultado moi elevado, e ese enorme número de votos penalizou ás restantes. Faltou moi pouco para conservar a 2º acta pero non puido ser.

Non se vendeu ben a xestión que fixo o BNG no Goberno de Baiona?

O que nos quedou claro é que a xestión en si mesma non chega. Baiona ten moito voto da dereita e no BNG non soubemos rendibilizar o bo traballo que se fixo neste concello.

Como está agora a organización de Baiona?

Está en proceso de relanzamento.

Falemos de Nigrán.

Un resultado súper positivo. A alcaldía do PSOE aquí é moi consolidada e forte, entrar aquí de novo era difícil e conseguiuse polo froito do traballo como formigas do últimos catro anos.

E que expectativas de futuro hai neste concello?

En Nigrán agora mesmo hai uns niveis de afiliación como nunca na historia. Aquí chegamos a ter a tenencia de alcaldía no noso mellor momento.

Pode o BNG de Nigrán soñar en volver conseguilo?

En política non hai nada escrito. Todo é posible e nada é seguro. Agora mesmo estamos nun nivel de crecemento importante e creo que hai posibilidades de chegar a ser unha alternativa de goberno neste concello.

Gondomar é outro exemplo do inxusta que pode chegar a ser a política.

É inxusto non ter o segundo edil neste concello, faltáronnos moi poucos votos. Despois de 4 anos dun traballo social inmenso e un bo traballo de oposición fronte á desidia e o desinterese doutros que non fixeron nada, é inxusto. É certo que duplicamos o voto, pero non chegou para sacar o segundo.

Como é a situación xeral da Comarca en canto a afiliación e recursos?

Positiva e en crecemento. Parte importante do noso financiamento é a través das cotas da militancia. O noso obxectivo sería non chegar a ter dependencia das achegas institucionais. A organización neste momento está economicamente saneada.

E ti como estás de ánimos, non estás canso?

Estou cansado por dous procesos electorais moi seguidos e un inesperado, pero sigo motivado e con ilusión desta fase ascendente do BNG para chegar a un enorme resultado nas eleccións galegas e poder desbancar ao Partido Popular.