Tomiño pon a punto os parques infantís para o verán

Concello de Tomiño A Nova Peneira

Cunha inversión total superior aos 380.000 euros, foron construídos dous novos parques e outros doce foron renovados ou mellorados

Tomiño, 3 de agosto de 2023

O Concello de Tomiño pon a punto os parques infantís do municipio tras finalizar diversas obras de construción e mellora, cunha inversión total que superou os 380.000 euros. Estas actuacións teñen como obxectivo facer dos parques espazos máis inclusivos, pensados para nenos e nenas con todo tipo de capacidades, e que conviden ao xogo en grupo.

Son dous os novos parques que foron construídos, o parque do Campo da Feira e o de Goián. O parque de Goián foi financiado polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Ambos espazos foron realizados por petición expresa do Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño e en colaboración con el.

No caso do Campo da Feira, conta cun espazo verde e de descanso no que se realizou unha reordenación do espazo e colocáronse novos elementos de xogo, potenciáronse os espazos de sombra que achega a vexetación existente e renováronse o mobiliario urbano e mais as luminarias.

Pola súa banda, o parque da Praza da Mina, no Seixo, foi totalmente renovado, acondicionándose para que os máis pequenos, incluíndo bebés, poidan xogar nel, con chan acolchado e xogos inclusivos. Desde que remataron os traballos de mellora, todos os eventos ao aire libre que organiza o Concello para público infantil realízanse neste parque da Praza da Mina, que se converteu nun espazo moi acolledor.

En canto ás diferentes parroquias do municipio, no Parque de Cristelos tamén se realizaron obras completas de renovación. Entre os elementos de xogo colocados neste parque, destacan a tirolina, a excavadora e a pirámide de cordas.

No parque de Pinzás, levouse a cabo unha acción de mantemento integral, mentres que se realizaron outro traballos no resto de espazos, dentro do Plan de Mellora dos Parques Infantís. En concreto, actuouse nos parques de Vilachán, Cotro, Carregal, Taborda, Vilachán do Monte, Fontenova e Cruceiros en Forcadela, e Gándara, en Sobrada, entre outros. Con estas accións, boa parte dos parques infantís do municipio foron mellorados ou renovados.

O Concello emprendeu ademais, coa Policía Local, unha acción conxunta para manter os parques limpos de defecacións de cans e mais de cabichas, colocando cartelería na contorna de cada un deles. A finalidade é que a cidadanía entenda que son espazos de especial protección e os respecte como tales, especialmente as áreas de céspede artificial, que son utilizadas diariamente por bebés, nenos e nenas para quen o chan é tamén un espazo de xogo.