Chega a Feira do Viño do Rosal con máis horas de actividade de lecer e enoloxía da historia.XXXII Feira do Viño do Rosal

Feira do viño Rosal

Concello e Adegas da Confraría dos Cabaqueiros presentan a XXXII edición da Feira do Viño que se inaugurará o vindeiro venres 12 de xullo ás 13:00h na Praza do Calvario.

O Concello do Rosal e a Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal presentaron hoxe a XXXII edición da Feira do Viño do Rosal, a celebración vinícola máis destacadas da comarca. O evento tivo lugar no Lagar en Eiras, e contou coa asistencia da alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández Callís, o Concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, así como, representantes das nove adegas que conforman actualmente a Confraría entre os que se atopa o novo presidente, Carlos Gómez, director de Adegas Valmiñor.

Durante a presentación, a alcaldesa, Ánxela Fernández, e o presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Rosal, Carlos Gómez, presentaron o cartel do evento, e a programación da XXXII edición desta Feira tan esperada. Trátase da Feira do Viño con máis horas de lecer e actividade enolóxica da historia. A inauguración, tal e como avanzaron na presentación do evento, será o vindeiro venres 12 de xullo ás 13:00h, na Praza do Calvario.

A veciñanza e os visitantes poderán gozar de todo tipo de actividades innovadoras e moi diversas para desfrutar en familia. Avanzaba a alcaldesa que haberá un scape room centrado no sector vitivinícola, unha actividade para nenos e nenas a cargo de Xosé Tomás froito da nova obra editada polo Concello titulada “Entre Viños e Viñas”, un espectáculo de maxia e globoflexia e, entre outras actividades. Tamén haberá un obradoiro de cociña para a cativada. Ademais, contarase con concertos musicais de diversos estilos a cargo de Brass Band, Helen & Shana e outros conxuntos pop e tradicionais, que farán do evento tamén un punto de encontro musical para tódalas idades. Darase continuación tamén a diferentes exposicións de filatelia, pintura ou fotografía. Nesta XXXII edición aumenta a programación enolóxica contando coa celebración de dúas catas. Tamén haberá tempo para desfrutar do deporte e o patrimonio do Rosal cunha visita guiada polos Muíños do Folón e do Picón. Para algunhas das actividades será precisa a inscrición previa, que se poderá realizar a través do seguinte enlace https://drive.google.com/file/d/1DsxQqj11ItzG11RkOREJsIQWNhej5j-f/view , do QR que hai máis abaixo ou chamando ao Concello ou dirixíndose á área OMIX directamente.

Ademais, contarase con servizo de autobús circular que conectará os barrios do Rosal e tamén a Comarca para non ter que coller o vehículo.

Poderase consultar toda a información da actividade na páxina web do Concello e especificamente nas redes sociais da Feira do Viño, a través da páxina @feiradovino.

A Feira iniciará co acto institucional do día 12 cun pregón a cargo de Fernando Gurucharri, antigo Presidente da Unión Española de Catadores e organizador, entre outros, do Concurso Nacional de Viños Novos (Premios Bacos). Gurucharri tamén dirixirá a Cata Comentada que terá lugar o mesmo día e que estará aberta a todo o público As inscricións deben ser realizadas a través do formulario dispoñible nas redes sociais da feira e na páxina web do Concello. Esta actividade ofrecerá aos asistentes unha oportunidade e experiencia única para explorar e apreciar os viños das adegas que conforman a Confraría.

A XXXII Feira do Viño do Rosal, recoñecida como Festa de Interese Turístico, terá como protagonista un ano máis ao viño producido na Denominación de Orixe Rias Baixas, Subzona O Rosal . As nove adegas que conforman a Confraría (Adegas ValMiñor, Adegas Novás, Altos de Torona, Lagar de Pedregales, Lagar de Cervera, O Aforado, Quinta de Couselo, Santiago Ruiz e Terras Gauda) contarán coas tradicionais casetas instaladas na renovada Praza do Calvario, onde tamén se desfrutará da maridaxe do viño cunha gastronomía que verá incrementada a súa variedade e oferta.

“Celebramos a importancia dun sector e dun produto que é parte da nosa identidade, cultura, orixe, tradición, historia, presente, futuro e orgullo rosaleiro. O traballo de moitas persoas, veciños e veciñas, cunha gran calidade humana, profesional, delicadeza e cariño na elaboración destes caldos é un dos piares fundamentais que está detrás da recoñecida calidade do viño do Rosal. O viño é un patrimonios cultural e social de todos os Rosaleiros e Rosaleiras e a Feira do Viño o escenario onde compartimos, damos a coñecer, recoñecemos, valoramos e gozamos da súa maridaxe coa música, o lecer, as amizades, a familia e os visitantes con todo tipo de actividades innovadoras”, relata a alcaldesa.

O presidente da Confraría dos Cabaqueiros presentou ao pregoeiro e tamén director da cata do venres 12 de xullo, Fernando Gurucharri, quen conta con grande experiencia e formación nestes caldos. Antigo presidente da Unión Española de Catadores e presidente do prestixioso Concurso Internacional de Viños Bacchus, entre outros. Ademais, fixo fincapé e agradeceu a tódalas entidades, tanto públicas como privadas, que apoian ao sector e de xeito específico, á Feira do Viño do Rosal. Finalizou resaltando a importancia do evento e singularidade, así como a alta calidade dos viños do Rosal.

O Concello e a Confraría dos Cabaqueiros do Rosal convidan a toda a veciñanza e visitantes a gozar da mellor Feira do Viño con toda a familia e amizades brindando co mellor viño, o do Rosal.

Primer comentario

Deixa a túa opinión