O Concello de Tomiño aclara que a reposición do posto de Tesourería é responsabilidade de Xunta e Ministerio de Facenda e Administracións Públicas

Concello de Tomiño A Nova Peneira

A provisión de funcionariado habilitado nacional aos concellos depende do Goberno central, encargado de convocar as oposicións, e da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta como axente intermediario

O Concello de Tomiño atópase nunha situación financeira saneada e sólida, cun recoñecido rápido pago de facturas a provedores e contratas

Tomiño, 31 de agosto de 2023.

O Concello de Tomiño ten vacante o posto de Tesourería trala xubilación da persoa no cargo este mes de agosto. En previsión desta situación, no mes de xullo o Goberno municipal solicitou un concurso público de comisión de servizos ao que non optou ningunha persoa ante a falta por parte da Xunta dunha bolsa de interinidade con persoal coas oposicións superadas para poder proveer ás administracións locais en caso de necesidade.

Ante a desinformación emitida polo grupo da oposición do PP, o Goberno local aclara ao Partido Popular que a reposición e provisión de funcionarios habilitados nacionais á administración local para os postos que quedan vacantes depende exclusivamente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, encargado de convocar as oposicións, e da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, axente intermediario responsable de dotar de persoal os postos vacantes.

O Concello soamente é responsable de crear o posto e de contar coa consignación necesaria. Dende o Goberno municipal laméntase a falta de planificación e organización da Xunta ao non contar co persoal candidato suficiente para cubrir este e outros postos do corpo especial de funcionariado que non depende da administración local.

Cabe destacar que a cobertura do posto non depende de “convencer” a ningunha persoa, senón de seguir os pasos regulamentados establecidos pola administración pública para dotar e proveer de persoal suficiente aos concellos.

O Concello de Tomiño atópase nunha situación financeira saneada e sólida, cun recoñecido rápido pago de facturas a provedores e contratas, e lamenta que se utilicen os posibles mínimos retrasos xerados polas vacacións estivais do persoal de intervención para facer política e xerar alarmismo.

O Goberno municipal seguirá traballando para resolver este asunto en estreita colaboración con Xunta Ministerio e evitar calquera problema derivado desta situación.