A primeira para ti Cristina, como estás de ánimos para afrontar unha responsabilidade tan grande?
Eu estou ben, grazas por preguntar Tino, son consciente de que unha situación tan grave como esta, sen precedentes na historia do noso país, esixe estar á altura para dar resposta a todas as necesidades que puidesen ter os veciños e veciñas do noso pobo.
Que medidas está a tomar o concello para axudar aos segmentos máis vulnerables da sociedade?
Dende o departamento e servizos sociais reforzamos o sistema de reparto de alimentos para asistir non só aos usuarios habituais senón tamén a todos aqueles veciños que polas situación que estamos a vivir poidan precisar unha axuda puntual. Temos tamén un servizo de voluntariado que en colaboración co persoal do Concello está ao dispor de todas aquelas persoas que ou ben pola súa idade, ou ben por calquera outra circunstancia teñan dificultades de mobilidade para desprazarse a adquirir alimentos ou medicinas. A nosa vontade é moi clara, non deixar a ninguén tirado en ningún caso, e que todo o mundo saiba que o concello vai estar aí para atender as necesidades. E quixera destacar tamén o papel das asociacións de veciños coas que estou en contacto permanente e cónstame que están á altura para botar unha man no que se precise.
Estás contenta do nivel de civismo que está a amosar a sociedade de Oia ata o momento?
Houbo unha evolución en positivo, ao principio non había a necesaria toma de conciencia da seriedade da situación ,pero ese problema se está a solucionar e, en liñas xerais, a inmensa maioría compórtase coa responsabilidade cívica que un problema tan grande como este require.
Temos constatado algún positivo no concello?
De momento( 23/3) non, pero asumo que é moi probable que chegue en calquera instante, e estarmos preparados para aplicar con rigor todos os protocolos sanitarios necesarios.
De material sanitario, mascarillas, luvas e xel desinfectante como estamos?
O máis complicado son as mascarillas, de feito estamos fatal. Conseguimos xeles hidroalchólicos que repartimos polas tendas para que estiveran a dispor da veciñanza.
O confinamento prolongado pode ocasionar serios problemas psicolóxicos, algunha mensaxe en positivo para a veciñanza, alcaldesa?
Son momentos de extraordinaria dificultade, probablemente os máis difíciles da nosa historia recente desde a guerra civil, e temos que estar á altura. Eu salientaría que nestas circunstancias vese o mellor do se humano, quédome coa grande cantidade de persoas que se ofrecen como voluntarias, dando o mellor de si mesmas para axudar ás demais. Tomemos o seu exemplo e demos o mellor de nós aos que nos rodean, só así superaremos isto o antes posibles e coa menor cantidade de dano posible.
Moitas grazas Cristina, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Oia