As escolas de Música e Teatro reanudan a súa actividade de forma presencial con grupos reducidos e todas as medidas de seguridade

Auditorio Municipal de Goián

O alumnado de instrumentos de vento seguirán coa formación a distancia polo momento

Tomiño, 26 de febreiro de 2021

As escolas municipais de Música e Teatro de Tomiño retoman a súa actividade de forma presencial tras as novas restricións marcadas polas autoridades sanitarias. Como xa viñan facendo antes de ter que interromper as clases, ambas as dúas escolas volverán ás aulas con grupos reducidos e adoptando todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de alumnado e profesorado.

Por un lado, a Escola de Música da Agrupación Musical de Goián reanudará a súa actividade co regreso ás aulas do alumnado de iniciación, xardín musical, música e movemento, violonchelo, percusión e do grupo de adultos. Porén, os e as estudantes de instrumentos de vento continuarán coa formación online polo momento.

Farano en grupos reducidos e con todas as medidas de prevención xa implantadas dende o inicio do curso para que estudar e desfrutar da música de xeito seguro puidese seguir sendo posible. Ademais dunha zona de desinfección na entrada das instalacións, cunha alfombra desinfectante e un dispensador de xel hidroalcohólico con pedal, instaláronse mamparas de separación entre docentes e alumnado e reorganizáronse as aulas para garantir unha maior distancia entre os e as estudantes.

Pola súa banda, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño tamén retomará a súa actividade con grupos reducidos e con todas as medidas de prevención que xa se viñan empregando para garantir a seguridade do alumnado. Xa dende o inicio de curso, ademais de ampliarse o número de grupos, reorganizáronse os horarios para poder levar a cabo as tarefas de desinfección e ventilación entre cada unha das clases.