Como nos últimos anos a semana da muller traballadora a ELM de Camposancos engalana a súa localidade cunha serie de figuras femininas que representan á muller de onte desenvolvendo distintos traballos. As figuras son de madeira e están vestidas de época. Cada unha delas representa unha acción diferente: Unha delas leva un bebé no colo, outra estaba a preparar a comida, outra representaba a unha muller camiño da leira…o que se trataba era de amosar que ao longo da historia as mulleres levan o peso do traballo nas familias, e de reivindicar a igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade
A idea é de Merchi Martínez, a presidenta da Entidade Local Menor. Este ano as figuras colocáronse xa na ultima semana de febreiro, foron situadas nun pequeno parque a carón da parada de autobús e moi preto do casino de Camposancos. Este ano só foron catro figuras, máis a dun neno, algunha menos que en anos anteriores, pois por mor de ter moi limitado o tempo foilles imposible preparar máis.
O éxito da exposición é máis que notable, non hai coche que non pare a ver as figuras cando pasa polo seu lado e moita xente do concello da Guarda, e incluso doutras localidades do Baixo Miño, achégase a velas.
As figuras están expostas ata uns días despois do 8M, e logo gárdanse na vella escola da parroquia, escola pechada e que se utiliza como almacén de material, ata o próximo ano.
Lamentablemente este 2025 temos que referir un episodio desgraciado pois varios obxectos, que acompañaban a exposición, de elevado valor sentimental para a presidenta da ELM, foron roubados. En concreto a persoa ou persoas responsables do roubo leváronse: unha ola, unha talla, unha leiteira e un cazo para ferver o leite.
A semana da muller pechouse en Camposancos cun acto interactivo de “Cantos de Roda” celebrado o domingo 9 no casino e dirixido por Cristal Méndez Queizán.
