A exposición pode visitarse até o 24 de novembro, todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado, de 09.00 a 22.00 horas
Tomiño, 31 de outubro de 2019
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, inaugurou este mediodía a exposición “Unha mirada de antaño”. Fíxoo acompañada de Luis Martín Blanco (director de zona de A Banca), e Paloma Vela (coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación), así coma de outras autoridades locais e rexionais da mesma entidade bancaria.
Tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración no Concello, trasladáronse ao Mercado Municipal de Tomiño, onde participaron nunha visita guiada pola colección de instantáneas realizadas pola fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, a principios do século pasado (1924-1926), durante unha expedición financiada pola “Hispanic Society of America”, institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispano.
A mostra, que permanecerá aberta até o 24 de novembro, reúne unha colección de fotografías que buscaban documentar a vida da xente, especialmente en aqueles lugares rurais de difícil acceso. Ata entón, as actividades da poboación traballando no campo e no mar, nin a cultura de Galicia, foran obxecto de atracción para a fotografía.
A actividade, enmarcada dentro do proxecto Corrente Cultural e supón unha aposta por espallar a cultura galega e construír unha rede de coñecemento que transcenda o material.
A exposición pode visitarse todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado, de 09.00 a 22.00 horas.
Ruth Mathilda Anderson (nada en Nebraska en 1893 e falecida en Nova York con 90 anos) foi una fotógrafa estadounidense, que se iniciou nesta profesión no mundo da fotografía da man do seu pai. En 1921 cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada pola Hispanic Society of America e fixo cinco viaxes a España, centrando a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema.
Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotografías. As imaxes polo xeral, cobren a contorna rural e artesanías tradicionais. Estivo acompañada polo seu pai que escribiu un diario. Viaxaron cun Ford de aluguer e un chofer francés. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña tomou leccións de lingua castelá e interesouse pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.