Entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas presentaron esta mañá nun acto conxunto en Madrid o documento Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia e, nas vésperas dos comicios electorais, esixiron compromisos concretos aos partidos
Madrid, 29 de outubro de 2019
Oito entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado mostraron esta mañá nun acto conxunto en Madrid a súa preocupación polas mensaxes que están a difundir algúns partidos políticos e “pola maior vulneración dos dereitos lingüísticos que sufrirían os falantes de linguas minorizadas no caso destes partidos chegaren ao poder” e reclamáronlle ao goberno español e ao resto dos axentes políticos “compromisos concretos” que garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua (Euskal Herria); David Minoves, de Ciemen e Francesc Marco, de Plataforma per la Llengua (Cataluña); e Eva Terol, de Acción Cultural del País Valencia (País Valenciá) presentaron ante os medios de comunicación as catro premisas e os seis compromisos consensuados con outras entidades do Estado como Ómnium Cultural, Nogará (Aragón) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) e recollidos no documento colectivo Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia co obxectivo de que os partidos políticos os tomen en consideración de cara á próxima lexislatura.
“Hoxe en día”, afirmou Paul Bilbao, “o castelán e as linguas minorizadas están en desequilibrio”. “Para conseguir a igualdade, a liberdade e a democracia”, engadiu Francesc Marco, “é necesario -entre outras cousas- recoñecer os mesmos dereitos e deberes, contratar persoal capacitado nas linguas minorizadas; normalizar o uso das linguas minorizadas na administración de xustiza ou dar fin á imposición a través da lei que se fai do castelán”. “A imposición que existe da lingua española”, asegurou Eva Terol, “repercute, por exemplo, na imposibilidade de facer trámites obrigatorios como pagar impostos, multas ou a seguridade social nunha lingua diferente do español ou a negación de bolsas e axudas con documentos presentados en lingua non española”. “Tal e como sinalou varias veces o Comité de Ministros do Consello de Europa”, recordou Marcos Maceira, “hoxe en día é preciso mudar a lexislación do poder xudicial para garantir realmente o dereito á defensa dos e das falantes das linguas minorizadas”. “As discriminacións lingüísticas no Estado español en pleno século XXI aínda se publican no BOE”, lembrou Maceira.
Os representantes das oitio entidades asinantes do documento explicaron a razón de faceren esa comparecencia en Madrid: o Congreso e o Goberno que xurdan dos próximos comicios do día 10 serán determinantes para garantir que toda a cidadanía poida vivir realmente na lingua propia do seu territorio. “Cremos que ante a onda de ameazas que vivimos debemos crear un dique de contención que blinde o dereito a vivirmos nas nosas linguas”, afirmou David Minoves, “e para iso fai faltan compromisos concretos e vir a Madrid é a maneira máis directa de facer o chamado á acción das forzas políticas do conxunto Estado”.
As entidades adiantaron que enviarán unha copia do documento aos partidos políticos para se posicionaren publicamente con respecto aos compromisos solicitados. Ademais, unha vez se constitúa o Congreso dos Deputados, pedirán unha reunión co novo ou coa nova presidenta para explicarlle a proposta. “Os partidos políticos non poden ser espectadores ante as ameazas que están a realizar para pór en marcha medidas que imposibiliten o dereito vivir nas nosas linguas. É momento de se mollar” concluiu Minoves.
Por último apresentaron a páxina web na que se atopa o manifesto e anunciaron unha campaña de adhesión. A versión en galego é www.igualdadelinguistica.gal