Querela contra Mouriño, Arévalo e toda a Xunta de Goberno do Concello de Mos

Querela contra Mouriño, Arévalo e toda a Xunta de Goberno do Concello de Mos
  • A Comunidade de Montes de Tameiga presenta querela nos xulgados de O Porriño contra Manuel Carlos Mouriño Atanesa como representante do Real Club Celta de Vigo, S.A.D., e contra Nidia María Arévalo Gómez así como aos demais membros da Xunta de Goberno Local do Concello de Mos.
  • A Comunidade de Montes de Tameiga demanda á xustiza que se acorden, como medidas cautelares, a suspensión das obras e, no suposto de estar concluídas, a prohibición do uso do construído. Para asegurarse da efectividade desta medida se solicita ademais o precinto da edificación en cuestión e o apercibimento aos querelados de incorrer en delito de desobediencia ou de quebrantamento de medida cautelar no caso de quebrantar o precinto.
  • A Comunidade de Montes de Tameiga require ao Xulgado de Porriño que se oficie á APLU para que realice á maior brevidade presuposto de demolición das obras e que se requira aos querelados para que afiancen a cantidade presupostada. Ademais requiren que para garantir a demolición se faga un expreso apercibimento de embargo de bens no suposto de os querelados non presten a fianza fixada.

Tamén solicitan na querela que se esixa á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística a elaboración dun informe sobre se as obras proxectadas e construídas son catalogables como obras e instalacións imprescindibles para o uso de actividades de carácter deportivo ao aire libre ou se se trata da implantación dun equipamento deportivo para o que se require a tramitación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) .

Na querela presentada sinálase que co fin de sortear a tramitación e aprobación dun PEID e de favorecer o inicio prematuro das obras, a Xunta de Goberno Local do Concello de Mos concedeu dúas licencias nun intento de minimizar o alcance das obras mediante un fraccionamento do proxecto por fases: primeiro autorízase o campo de fútbol –dobre– e o aparcamento, e despois autorízanse os vestiarios e o resto de instalacións. Isto supón unha concesión de licencias sabéndoas contrarias á lei. A Xunta de Goberno, co fin de sortear a tramitación e aprobación dun PEID e de favorecer o inicio prematuro das obras, concedeu as licencias intentando minimizar o alcance daquelas mediante un fraccionamento do proxecto por fases. A asesoría legal da Comunidade de Montes entende que todas estas actuacións poden ser constitutivas de delito por prevaricación penado coa prisión dun ano e seis meses a catro anos e a de multa de doce a veinticuatro meses.

É significativo que precisamente se estea agora a tramitar un PEID (DOG nº 166 de 18.08.2020) cuxa principal finalidade é a de dotar de cobertura ás obras previamente licenciadas. Isto confirma a consciencia por parte da entidade local de que unhas obras das dimensións das proxectadas, e executadas, polo Celta de Vigo requiren dun PEID, posto que exceden con moito das instalacións deportivas que tipicamente se veñen permitindo en solo rústico sen necesidade de tal Plan Especial.

A Comunidade de Montes de Tameiga denuncia que as obras executadas exceden claramente os proxectos licenciados. O proxecto técnico licenciado para os VESTIARIOS E INSTALACIÓNS AUXILIARES IMPRESCINDIBLES prevía tres pezas independentes de dous andares unidas baixo unha cuberta unitaria. En total, prevíase unha superficie total de 1.404,31 m2 cunha superficie en planta ocupada por toda a edificación de 2.762,8 m2.

Sen embargo, as obras que se están executando exceden con moito do proxecto licenciado, pois a superficie executada é manifestamente superior á permitida pola licenza na que pretenden ampararse. Este exceso pódese apreciar a simple vista das obras executadas.

No proxecto técnico licenciado para o CAMPO DE FÚTBOL E SOTO PARA INSTALACIÓN, prevíanse dous campos de fútbol ao este de onde se proxectou a construción dos vestiarios, sen que se previse a construción dun terceiro campo de fútbol ao oeste de dita construción. Sen embargo, estase construíndo un terceiro campo de fútbol ao oeste dos vestiarios sen que se atope previsto no proxecto licenciado.

Pretenden encaixar un campo de fútbol dobre (agora triplo) que alcanza unhas dimensións de 16.576 m2, un aparcamento de 5.500 m2, e uns vestiarios e instalacións das dimensións das proxectadas no uso de actividades de carácter deportivo ao aire libre e catalogalos como obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate, resulta absolutamente insostible e contrario á vontade do lexislador urbanístico autonómico. A eventual permisión da implantación en solo rústico por licenza municipal só cabería en supostos excepcionais de instalacións deportivas municipais ou parroquiais. Pola contra, o complexo deportivo que se licenciou encaixa perfectamente na definición de equipamento deportivo privado contida no RLSG e no Decreto 83/2018.

De forma intencionada e con coñecemento da súa ilegalidade, produciuse unha absoluta e groseira desviación das obras executadas respecto da licencia da que pretenden ampararse, incrementándose de xeito considerable o volume e superficie da edificación.