Varias persoas denunciaron que se están a recoller no mesmo camión os plásticos e os residuos orgánicos que a veciñanza deposita por separado
Gustavo Barcia volve solicitar a limpeza e desinfección dos colectores e lembra que aempresa concesionaria ten a obriga de facelo por contrato
Mos, 30 de agosto de 2019
O grupo municipal do BNG de Mos levou ao último pleno as queixas
da veciñanza sobre as deficiencias na recollida do lixo. Numerosas testemuñas sinalaron nas últimas semanas que se están a mesturar, no mesmo camión, os residuos orgánicos procedentes dos colectores verdes cos plásticos e envases lixeiros depositados nos amarelos. Esta situación
está referendada, ademais, por un vídeo gravado hai poucos días no que se pode comprobar a veracidade das denuncias.
O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia considera que os feitos deben ser investigados e reclama que se lle abra un expediente sancionador á empresa concesionaria “para que non teñamos que volver presenciar imaxes coma estas”. O goberno do PP, polo momento, garda silencio e Barcia considera que a situación é “indignante”.
En opinión de Barcia, “o esforzo que está a realizar a veciñanza para separar e reciclar non serve de nada se os encargados da recollida do lixo incumpren coas súas obrigas e fan todo o contrario”. Lembra, ademais, que o Concello de Mos se acolleu recentemente á bonificación de Sogama do 10% no pago pola recollida e tratamento do lixo coa condición de que se adopten medidas orientadas á redución da xeración de residuos e ao fomento da reciclaxe
Desinfección de contedores
O concelleiro do BNG volveu solicitar, ademais, que se proceda á limpeza e desinfección inmediata dos colectores do lixo. Indica que “nalgúns deles o cheiro é insoportable e en moitos as avespas aniñan, dando lugar a incidencias”. Segundo o prego de condicións do servizo de recollida deben realizarse, como mínimo, dúas limpezas durante o verán en zonas non urbanas e unha ao mes nas zonas urbanas. Barcia denuncia o incumprimento do contrato por parte da empresa e lamenta “o malestar e a insalubridade que está a padecer a xente de Mos”.