Todo listo para a celebración da Sexta Edición da BTT Troita en Ponte Caldelas

BTT Troita A Nova Peneira

Como novidade neste ano a proba contará con dúas rutas, unha longa de 48 quilómetros e outra máis curta de 39 quilómetros

Ponte Caldelas, 30 de agosto de 2019

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Global DxT xa teñen todo listo para unha nova edición da BTTroita, unha cita que celebrará a súa sexta edición e que neste 2019 se celebrará o 13 de outubro e que presentaron nesta xornada casa consistorial. O alcalde lembrou esta mañá que se trata “dunha das referencias galegas do ciclismo de montaña ou mountain bike”.

A gran novidade deste ano é que a proba contará con dúas rutas, unha longa, de 48 quilómetros e outra máis curta de 38 quilómetros. Os participantes poderán decidir durante a proba, é dicir “en ruta”, que percorrido facer, xa que cando cheguen a Cruz do Brasil haberá voluntarios que indicarán o camiño a seguir para facer a proba curta ou a longa. No caso de facer a proba máis curta seguirán o percorrido establecido, e os que prefiran facer a longa farán 9 quilómetros por monte e continuarán co mesmo percorrido. Dende a organización aseguran que a proba longa “é moito máis divertida”.

A participación está limitada a un máximo de 600 persoas, aínda que os responsables municipais e a dirección técnica, a cargo da empresa Global DxT, agarda unha participación que, case con total certeza, aproximarase ás 300.O percorrido segue a ter como punto de saída e chegada a Alameda de Ponte Caldelas e inclúe o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, O Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do río.

As inscricións estarán abertas ata o próximo día 8 de outubro ao prezo de 12 euros no sitio web www.emesports.es, onde xa se pode comprobar que marchan a moi bo ritmo.

A proba contará dúas zonas con avituallamentos en ruta e unha ampla “fun zone” na Alameda para acoller aos “bikers” ao remate da proba.

Dende o Goberno Local apostan por seguir reforzando esta proba, que conta xa cun ben gañado prestixio e goza dun oco propio no calendario dos afeccionados á bicicleta de montaña. Ademais Andrés Díaz deixou patente a súa aposta por este deporte, xa que Ponte Caldelas é o primeiro concello que amosa o seu apoio e formará parte dunha nova edición da Epic Race. Unha cita que se celebrará os días 29,30 e 31 de maio do 2020, a chegada a Ponte Caldelas será o día 30, coincidindo coa celebración da Festa da Troita co cal “o bo ambiente estará asegurado”.