FORCAREI 2.021

Roberto Jorge Correa, concelleiro do BNG no Concello de Forcarei

Roberto Jorge Correa concelleiro do BNG de Forcarei

Seguramente moitos estes días de pandemia estades facendo voso o dito de Groucho Marx de que “a política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e despois aplicar o remedio equivocado” , cousa que neste maremagnum de medidas é comprensible.

Atopámonos nun escenario político no que unha dereita botada a monte retorce o estado ao máximo levando ao mesmo a unha situación preocupante na que xeran dubidas sobre as institucións para culpar despois á esquerda. Sirva o exemplo da renovación do consello xeral do poder xudicial, onde tras anos bloqueando a renovación, esta extrema dereita crispa á sociedade por que o goberno elixido nas urnas non aparta a unha parte do mesmo para elixir xuíces.

Se isto é o que entenden PP e VOX por despolitizar a xustiza, en absoluto coincide coa miña visión.

Vivimos nunha situación máis ca preocupante para milleiros de familias galegas, nunca antes vivimos unha emerxencia sanitaria deste calibre. Como xerente do consorcio provincial de bombeiros vexo con preocupación as implicacións sanitarias que esta pandemia está a traer aos concellos, onde as intervencións tanto en desinfeccións como en atención a emerxencias está sobrepasando as capacidades de intervención duns concellos xa de por si ao límite da súa capacidade de gasto.

Un gasto que ao final repercute directamente sobre a capacidade de prestar servizos básicos aos veciños.

Esta sobrecarga dos concellos ten que ser cofinanciada por Xunta de Galicia e Estado. Fálase estes días dos fondos europeos e canto vai corresponder a Galicia, é absurda e insignificante a petición da Xunta de Galicia, pouco máis de 3.000 millóns de euros, cando hai comunidades que están nos 30.000, dez veces máis.

Galicia necesita un tren de mercadorías competitivo, que una os nosos portos con Europa, necesitamos un ave por Cerdedo que nos conecte con todo o norte e Europa, non só con Madrid ou Oporto.

Necesitamos inversións en diversificar o turismo verde e pornos a altura doutros territorios, necesitamos atraer poboación e fomentar a natalidade con empregos dignos para a xente nova, unha vivenda accesible e unha boa conciliación familiar.

Esto ao final é unha lousa para concellos como Forcarei. Somos un dos concellos “pobres” e máis descoñecidos dentro da provincia, cando temos unha capacidade e uns recursos naturais, patrimoniais ou empresariais espectaculares.

Como concelleiro do BNG – Foro Forcarei demos o noso apoio ao PSOE para acadar a alcaldía, pero sen entrar no goberno sendo conscientes das diferencias programáticas.

O tempo afírmanos máis nas nosas conviccións, é urxente cambiar as políticas do PP. Forcarei ten que medrar e recuperar a poboación, o verdadeiro drama do noso concello.

Somos un concello cunha situación estratéxica, achegado a todas as capitais galegas, contamos con tres lugares de interese comunitario, co mosteiro de Aciveiro, a igrexa de San Amaro e infinidade de elementos patrimoniais.

Somos territorio de peregrinaxe histórico do viño do Ribeiro a Compostela ou a orixe da cociña da Richada e a Croca.

Son tempos convulsos, máis ¿quen mellor ca Terra de Montes para saber de sobrevivir a dificultades?. Estou convencido de que con confianza en nós, os concellos da Terra de Montes temos moitísimo que ofrecer. Nos tempos duros é cando se medra.

Temos uns colexios e garderías pouco ou nada masificados, uns pobos con tódolos servizos e situados a menos dunha hora de calquera centro de traballo, é o momento de recuperar a aposta pola Galicia rural, o que sempre fomos.

Rural pero adaptada ao século XXI, onde se ofreza calidade de vida aos veciños igual ca noutros territorios de Europa, sirva como exemplo o Reino Unido.

Dende o BNG ese é o noso compromiso, que medre Forcarei.