Antón Barreiro, Voceiro do BNG de A Lama

Antón Barreiro, Voceiro do BNG de A Lama
A Lama é un concello no que o PP semella ter gañada á inmensa maioría da súa poboación e con poucas posibilidades para que o nacionalismo artelle unha alternativa solvente que estea en condicións de disputarlle a vitoria aos populares. O Bloque quedou fóra da corporación nas municipais do 2.015. Nas últimas eleccións celebradas o pasado ano, recuperou a presenza e cun espectacular resultado nas autonómicos un novo tempo de ilusión e esperanza agroma na cada vez maior asemblea local dos nacionalistas de A Lama. Nós falamos con Antón, un dos seus voceiros

“ NON É NADA FÁCIL SER DO BNG NA LAMA”

Ti es natural de A Lama Antón?

Si e tamén vivo aquí

Fainos unha valoración xeral da situación política do Concello?

A situación política de A Lama pódese caracterizar por unha palabra: inmobilismo. Desde hai moito tempo a dereita local ten a maioría absoluta na corporación, e a atomización da oposición non axuda a reverter as cousas. O PP local sitúase na parte máis á dereita da dereita e desenvolve unha política caciquil e clientelar contra a que é moi difícil loitar.

Cales son os principais problemas que padece A Lama?

A perda de poboación que padecemos é catastrófica. Hai 30 anos estabamos polos 6.000 habitantes e agora, tan só tres décadas despois, apenas chegamos aos 2.000.Nós últimos catro anos a perda é tan elevada que non desenvolver políticas que a combatan amosa a enorme irresponsabilidade na que se move o goberno do noso concello. Case 350 persoas, nestes 4 anos que che comentaba deixaron de vivir no noso pobo¡¡

Entón ti consideras que a administración municipal non desenvolve políticas adecuadas para tratar de conter a caída de poboación?

Nin adecuadas, nin inadecuadas. Directamente non fan nada. O único que fai este goberno é manter os servizos básicos, cando os mantén, porque ás veces como pasou hai anos ,deixa todo a escuras para pagar a débeda que temos coa empresa eléctrica

Como é iso da débeda coa compañía eléctrica?

Pois ten que tratarse de mala xestión. Neste concello destínanse unha cantidade enorme de cartos a pagar soldos. A estrutura de xente que traballa para o concello está claramente sobredimensionada para o noso volume de poboación,e por conseguinte quedan moi poucos recursos para atender outro tipo de necesidades

Como está a saúde do nacionalismo en A Lama?

Podía estar mellor, pero estivemos moito peor. Eu quédome co positivo da situación e na actualidade temos artellada unha asemblea local moi interesante, con moitas gañas de traballar. E teño a convicción de que estamos en proceso de crecemento, malia que non che creas que resulta fácil ser do BNG na Lama. Ás veces ,a xente ten medo a significarse. É triste dicilo, pero é a realidade.

Cal é a vosa posición política sobre o tema da mina que supostamente pretenden instalar en terreos, que, entre outros, tamén afectarían ao concello de A Lama?

De momento o que hai é un descoñecemento enorme. Eu mesmo non coñecín esta nova ata hai moi pouco. Teremos que investigar o tema en profundidade, pois de momento a única certeza que temos é que existe unha denuncia de Ecoloxistas en acción. Seica a proxección da mina é nun terreo de 1.500 hectáreas

Miña nai iso é unha inmensidade

E tanto que si. Ese tipo de explotacións son moi perigosas, as augas ácidas que xeran poderían ser letais para os ríos e todo o seu ecosistema. O turismo rural tamén se podería ver seriamente afectado co que se danaría a forma de vida de moitas persoas